10. Monte de Meda (San Martiño)
10.1. Cruceiro de San Martiño
X= 610.697 Y= 4.753.285
Está colocado preto da igrexa parroquial. De comezos do último tercio do século XX.
Restaurado. Consta dos seguintes corpos:
Unha plataforma de dous chanzos graníticos: o inferior, de forma paralelepípeda, permanece parcialmente soterrado; e o superior cos dous tramos de forma tamén paralelepípeda mais o inferior e menos extenso que o superior.

Unha base monolítica, que amosa tres partes: a inferior, de forma paralelepípeda; a superior, moldurada, a xeito de bocel ou toro; e ámbalas dúas unidas por unha escocia moi prolongada.
Un fuste de sección cuadrangular nos seus extremos e oitavado no resto. Na intersección existente na parte superior entre as seccións cuadrangular e oitavada hai uns resaltes redondeados, que penden das arestas, a xeito de ornamentos.
Un capitel de estrutura moldurada, no que podemos distinguir nunha orde descendente os seguintes tramos coas suas formas correspondentes: un filete; un pequeno tramo paralelepípedo; unha moldura en escocia; e un dobre tramo moldurado en bocel ou toro de diferente extensión.
Unha cruz latina, granítica, de sección cuadrangular nos seus extremos e oitavada no resto. Os extremos da cruz adoitan a forma de cruz florenzada. Na cruz hai unha dobre ornamentación: por unha banda, uns ornatos estrelados nos ángulos, que xorden da intersección dos brazos vertical e horizontal; por outra, na converxencia dámbolos dous brazos, hai un corazón na cara do W.
A plataforma esta deteriorada nun dos tramos do lado Leste. Pola súa banda, a base amosa un pequeno estrago na parte inferior do cara W.,.
11. Mougán (Santa María Madanela de).
11.1. Cruceiro de Mougán
X= 614.222. Y= 4.746.006.
O cruceiro foi construído por Alfredo Lorenzo Rodríguez, ao mellorar de saúde, previa promesa ao Santo Anxo.
Está situado preto do adro da igrexa parroquial.
Esta composto dos seguintes corpos:
Unha plataforma, de estrutura troncopiramidal, con tres chanzos graniticos de forma paralelepípeda.
Unha base de cantería, de forma paralelepípeda cos bordos superiores redondeados (aristas superiores). O lado da base, que da á igrexa parroquial, está ornamentado cunha cruz latina, de cantería, ancha nos seus brazos; na parte inferior desa mesma cara aparece a seguinte inscrición:
Ramiro / 1991 /.
Un fuste de sección cuadrangular nos extremos e oitavado no resto debido aos biseis das súas arestas.
Capitel clásico, que nunha orde descendente consta dos seguintes tramos: dúas molduras de filete superpostas; un cuarto caveto; un colariño con acanalamentos nas catro caras, sendo o central o máis extenso.
Unha cruz latina, de cantería, de sección cuadrangular nos seus extremos e oitavado no resto; os extremos dos brazos son do tipo de cruz florenzada.
O último domingo de setembro, conmemórase a festividade do Santo Anxo. A procesión circunvala o cruceiro.
12. Pradeda, Santa Eulalia de.
12.1. Cruceiro de Pradeda
Orientación: SE-NW. X= 610.093. Y= 4.751.591.
Situado preto da igrexa mais fora do adro e ao caron dunha estrada local, que comunica diferentes parroquias do municipio.
Está composto dos seguintes elementos:
Unha plataforma, de estrutura troncopiramidal, con dous chanzos graníticos, que amosan un nivel superior máis extenso que o inferior.
Unha base de dous tramos: o inferior, paralelepípedo; e o superior cunha moldura cóncava de cuarto caveto invertida.

Un fuste de sección cuadrangular na parte inferior, da que arrinca unha moldura cóncava de cuarto caveto invertido; a partir de aí a sección é de tipo oitivada ata chegar ao extremo superior onde volve a ser cuadrangular.
Un pequeno capitel estruturado nunha orde descendente en tres tramos: o primeiro tendente á troncopiramidalidade; o segundo paralelepípedo; e o terceiro moldurado a xeito de cuarto caveto.
Fronte á entrada do adro hai un cruceiro de granito, que amosa os brazos moi desenvolvidos e tamén unha coroa central.
Finalmente, unha cruz latina -case grega-, que amosa unha sección oitavada tanto no eixo vertical como no horizontal. Os extremos dos brazos son do tipo de cruz florenzada. A cruz mostra unha coroa central ó redor da efixie de Cristo, que presenta os seguintes trazos: trátase dunha imaxe rústica; desproporcionada con respecto ós demais elementos; a súa cabeza aparece con certa inclinación ao lado dereito; os brazos lixeiramente inclinados tendendo a unha V; os cabelos e as costelas moi resaltados; o pano de pureza no centro; e as pernas paralelas.
12.2. Cruceiro do Cemiterio
X= 610.117 Y= 4.751.558.
Situado no interior do cemiterio de Pradeda.
Nun monolito colocado ao seu carón figura a seguinte inscrición.
Al Señor Antonio Estevez López en reconocimiento póstumo a su labor para ampliación de este cementerio y de agradecimiento a las casas de Xan da Laxe e D. Eusebio do Pozo por su inestimable colaboración. Pradeda, 15 de septiembre de 2012.
O cruceiro, construído hai poucos anos (2012), está composto dos seguintes corpos:
Unha plataforma de dous chanzos graníticos. Unha base de dous tramos: o inferior cúbico; e o superior, pequeno tramo troncopiramidal. Un fuste de sección cuadrangular nos seus extremos e oitavado no resto. Capitel formado por dúas partes: o inferior moldurado, cóncavo, de cuarto caveto; e o superior, paralelepípedo. Cruz latina, de sección cuadrangular nos extremos do eixo horizontal e no extremo inferior do eixo vertical, e oitavado no resto. Os extremos dos brazos son do tipo de cruz florenzada.