Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 04 de julio de 2018
O Badalo

Tiña que escribir algo sobre o badalo dunha campá que non existe no campanario da igrexa aquela que non sei de onde era, pero non escribo. E non porque non debuxe diante dos meus ollos tal igrexa e tal campanario (estou a velos coma se fora unha fotografía, vella, pero fotografía), senón porque... non sei, o badalo, o badalo é o que me fai recuar. É que se penso profundamente, como pode haber un badalo se non hai campá. Isto é o que me mantén a mosca detrás da orella (paréntese para dicir que as moscas están por todos os lados, non só detrás das orellas, ou sexa que collede o da mosca detrás da orella como unha metáfora, dise así, non si?, metáfora). Sigo. O badalo da campá que non existe é longo. Pero sempre está en silencio. Non toca. Nunca tocou. Normal! Como vai tocar! Sobre que vai tocar! Non vedes que non existe a campá! Uff, empezo a suar xa co asunto. É que non sei como vos podo convencer. O badalo da campá que non existe está apoiado contra unha columna do campanario da igrexa aquela que non sei de que vila era, de que aldea. Vedes, xa nin sei se era vila ou aldea. Ó mellor é o propio son do badalo o que me mantén apampanado. Pero non dicías que non soaba? Ai é verdade. Este badalo...

O espírito dun conto

Quixen quitar o calo da planta do pé esquerdo, pero non houbo maneira. Doíame e dóeme. Agora xa decidín non facer máis intentos; ou atravesa o pé ou podrece aí. Estou escoitando a Francis Cabrel no tema “La cabane du pecheur”. Eu escoito de todo. Xa o dixen sempre. Arxentina está nun tris de dicirlle adeus ó Mundial. Quero viaxar nun avión para despegar nun aeroporto afastado e para aterrar nun aeroporto de aquí ó lado. Quero bailar sobre a tumba dun malnacido, pero aínda así quedaría feo. Agora escoito a un tal Jadiel no tema “Pretty Girl”. Sinceramente, nin idea dese tal. Teño un pequeno dicionario sobre a mesa, por se hai que botar man del. Moitas veces teño que botar man del. Aquel maldito castrapo, e aínda que só sexa por inercia, asoma unha e outra vez. Raño o brazo esquerdo porque me pica. O esquerdo e o dereito téñoos moi morenos xa, practicamente queimados. E non é por estar na oficina. Non oohhh! Agora si, agora escoito música que coñezo e música que gozo con ela: a banda sonora de “Cabaret”. Que marabilla! Teño un bolígrafo vermello á miña beira para anotar cousas ou para borrar anotacións. Quero ver o mar e cheirar a flor do toxo. Quero ser o espírito dun conto. Do meu conto.

Morra o conto!

Xente busca xente. Balbina Romana Tatexa buscou a Edelmiro Nobre Formoso e axiña casaron. Así, tal como o digo. Víronse un día, chiscáronse un ollo e aí empezou todo. Tres meses exactos. Precisamente no terceiro mes, buscaron un lugar para vivir e atopárono na aldea de Vilega dos Tres Ollos. Fose pola repentina presenza ou pola forma de noivado ou pola rapidez no casamento ou polo que cadrase, para os veciños de Vilega dos Tres Ollos, Balbina non era pola do seu poleiro e Edelmiro non era galo do seu galiñeiro. Así de sentenciados quedaron polos tres habitantes da pequena aldea. O de pequena enténdese; só eran tres. E non había maneira; xa podían facer favores e máis servizos que o matrimonio acabado de chegar nin resultaba simpático nin parecía de fiar. Non é de estrañar entón que, nesas noites de inverno cru, cando os tres habitantes se xuntaban arredor do lareira, iniciasen unha conversa, un parlamento sobre Balbina e Edelmiro para rematar axiña con esa sentenza anterga de que ela non era pola do noso poleiro e el non era galo do noso galiñeiro. Daban unha puñada na mesa, choutaban as cuncas e morra o conto! Mentres, Balbina e Edelmiro estaban co intento do primeiro fillo.

Farto de censuras!

De que a FIFA é unha institución ditatorial iso xa hai moito que ata eu mesmo o sei. E nas ditaduras, en calquera ditadura a acción máis importante que primeiro se adoita levar a cabo e a da censura. Así é que a FIFA non podía ser menos. Días atrás castigou a dous futbolistas suízos que amosaron xestos con significado político. A ver, por que unha persoa non pode mostrar o que realmente sente? Ou acaso é que son simples obxectos que só están aí para darlle patadas a un balón? Non din moitas veces que o fútbol incluso educa, ensina, instrúe...? Por que ten que ser o que eles digan? Por que non poden ter razón os xogadores cos seus xestos? Á persoa, á calquera persoa hai que deixarlle o que estamos cansados de pregoar: a liberdade de expresión. Que sexan os demais que digan, que opinen se teñen ou non razón. Cos seus xestos non creo que deixaran de practicar o deporte que está baixo a tutela dese organismo. E este organismo ten que velar só iso: que se xogue. Si, correctamente, educadamente, con competitividade, e fóra diso, que cale. Estou farto de censuras! De que te censuren por isto ou por aquilo. É como se alguén nos quixera domar os miolos para a súa comenencia, para o seu interese. Basta de censura!
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania