Agradecemento de Xesús Mato
Mato, Xesús - lunes, 02 de julio de 2018
AGRADEZO á Xunta de GALICIA (na persoa do seu Presidente) o agasallo dunha medalla Castelao.
Felicito aos premiados e gosto de que sexa a homenaxe expresa ó rural galego!
Agradezo ó Orfeón Lucense o solicitala e ó Concello de PARADELA por facela real. Envío unha mensaxe agradecida ás parroquias de Lalín, Donramiro e Donsión, donde comecei como cura e fun moi feliz (1958/1967);o mesmo para a cidade de LUGO nos tempos do nacemento de Radio Popular(1968/1983) e ás cinco parroquias da Montaña de Pedrafita e A Teixeira do Caurel.
Tres etapas moi distintas, pero moi felices e cheas de vida e riqueza para min.
Dou grazas a Deus polas oportunidades que puxo diante miña! Son un dos mimados do Señor! Palpo a súa presenza e síntome apoiado por El.
Os comezos en Lalín, coa chegada do Concilio Ecuménico co Papa San Xoán XXIII e o posterior Concilio Pastoral de Galicia con implicación dos laicos na marcha da Igrexa, foron quen de abrirme os ollos aos novos xeitos de vivir a vida cristiá. O papel dos laicos era posible e podiamos convertilo en realidade naquelas utopías do maio francés (68). Europa estaba camiñando cara unha vida nova, distinta, mellor
(Plan Marshal). A Igrexa tiña que ver, escoitar, acompañar, ser máis humana e próxima no senso cristián do amor e a gratuídade.
Desde aquí coido que arrincou a filosofía de vivir a vida e de axudar a vivila aos demais! Por iso, é de lei COMPARTIR MEDALLA (co mesmo amor e sensibilidade que tivo Castelao coa súa Terra) con todos os membros de "Galicia canta ao Neno", "Fuxan os ventos", "A Quenlla" e os fregueses da MONTAÑA cos seus "reises e reiseiros.
Desexo subliñar que a forza e eficacia de AUXILIA/LUGO, tanto a escala local coma do Estado chegou da cabeza e da man dunha mestra lucense que asumiu a dirección aos 5 anos de ser fundada. Con ela, pasouse do traballar para
ao traballar con. Hai moita diferenza.
Grazas a todos os que vos aledades con esta boa nova. Sodes partícipes dela!

Mato, Xesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora