Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Táboa salvadora no ceo de Madrid

viernes, 29 de junio de 2018
Testemuñas da Memoria
Táboa salvadora no ceo de Madrid

Xa tiña todo preparado sobre a mesa da cafetaría para iniciar este Testemuñas sobre un avogado e político galego chamado José Boente Sequeiros. Pero mentres estaba a tomar o correspondente café manchado, pensei que o Testemuñas número 100 merecía a alguén moi especial. Por certo, lembro agora mesmo os nervios que me atenazaron e que incluso padecín coa miña muller porque, entre os dous, volvémonos tolos buscando personaxes para esta aventura que iniciei no mes de agosto do 2015. Naquel momento só nos saían tres ou catro. Un deles, para máis aquel, escribino e aínda está sen publicar por circunstancias que agora non veñen ó caso. Nervios, tensión, angustias... e van xa 99. Si, o 100 ten que ser moi especial. Para min vai ser moi especial.

Téñolle máis medo ás miñas emocións que ás do propio irmán ou ás das sobriñas cando saiban e vexan que esta é unha reportaxe sobre a súa muller, a súa nai. A miña cuñada.

As emocións poden asomar porque hai xa dous anos que nos deixou por culpa dese bicho que asola familias e que mesmo semella que cada vez ataca a xente máis nova. As emocións débense, claro está, porque o cariño que sinto por ela vai máis alá dunha relación de parentesco. Cando eu emigrei para Madrid no 1982 souben ó momento que ela, a miña cuñada, representaría o papel da nai que deixei en Baños de Molgas. E aseguro que o fixo desde o primeiro día.

Na capital do Imperio todos lle chamaban María. Na capital molguesa era Maruja, e punto. Ou a Maruja da Nieves. Ou a Maruja do Antoniño. Ou a Maruja da Nieves do Antoniño. Convivín todos os días con ela, con eles seis ou sete meses, nos que tiven a gran sorte de, practicamente, criarlle as súas dúas fillas. Sobre este Asunto teño unha bonita anécdota: cando eu estaba coas nenas, a Maruja axiña berraba desde o outro cuarto ou desde a cociña: “Chito, fálalle ben ás nenas”, ou “Iria, dille ó tío que che fale ben”, en clara referencia a que lles falase en castelán. De acordo, dous minutos tan só, para disimular, pois o tal Chito xa lles volvía co galego a darlle cun sacho. Mal pensaba ela naqueles momentos que a tal Iria dominaría o galego como o domina e a cal Noa casaría cun veciño molgués, a maiores de que durante toda a vida viñeron e veñen a Baños de Molgas en practicamente todas as pontes e case festas de gardar.

Maruja Ferreiro Ferreiro comentaba moitas veces que se lle foi a alma ós pés cando me viu baixar do expreso na estación Príncipe Pío de Madrid. Pola pintiña que levaba. A ver, sabedes aquilo do pailán de aldea. Pois tal cal! Imaxínome con roupa máis ou menos dos domingos e cos tenis usados, desgastados, sucios. Pero axiña tomou man de min. E direino sempre: despois da miña nai, a Maruja foi quen me educou. Nunca tivo unha palabra nin forte nin malsoante comigo. Falabamos moito. Quedabamos ata as tantas (son de pouco durmir) no comedor dálle que dálle e seguiamos polos parques e beirarrúas paseando ás nenas. Cantas veces, entre os dous, tiñamos que aturar e amansar o seu home, meu irmán, porque o pillamos nunha época na que preparando unha oposición encerrábase días enteiros na habitación e tiña os nervios a flor de pel (piso pequeno, cativas xogando e berrando e chorando e ríndose). Sinceramente, Maruja e eu faciamos un bo dúo. Para todo.

Non sei se, emocionalmente, conseguirei escribir ben este parágrafo, porque vai ser algo forte. A mañá que chegamos ó tanatorio madrileño no que estaba depositada e me abracei á súa filla Iria e, logo, á súa irmá Nievitas, tanto unha como a outra, entre bágoas, soltáronme aquilo de “ai, Chito, canto te quería!”. Souben que non o dicían por dicir. Souben que era verdade. Sei que me tiña en palmitas. Pero as súas fillas e o meu irmán tamén saben que eu, así mesmo, lle quería con loucura. Xa digo, despois da miña nai, ela. Foi a que dirixiu toda a miña xuventude. Téñolle que querer á forza. A proba é que desde que aconteceu o deceso non hai un día, repito, non hai un día no que non pense nela, non que non me asome á cabeza por unhas e por outras cousas e, por que non, por esa inxustiza de levar a unha persoa, aínda nova, á eternidade dos pensamentos. Porque ante isto, pénsase máis ca nunca. Enténdese agora iso do medo ás miñas emocións?

Xa sei que o bonito sería rematar agora coa trangallada esa de que deixa unha baleiro, que tumba e que tal... Trapalladas! Maruja non deixa nada! Porque segue aquí, na miña cabeza, neste escrito, na miña vida. A min non me deixará nunca. Era ela a tal como para deixarme abandonado! Ademais, por sorte levo escribindo toda a miña vida e en moitos parágrafos está ela. E no meu irmán está ela. E nas miñas sobriñas está ela. Como a vou esquecer se foron seis ou sete meses intensos de convivencia e nove anos véndoa practicamente todas as fins de semana; ou incluso cando me aburría moito na pensión, polo medio da semana, en calquera día, marchaba a Aluche para facerlles unha visita, parolar con ela, xogar coas nenas. Como non lle vou querer se foi a miña táboa salvadora da adolescencia. De Madrid ó ceo, cuñada!
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania