5. Francos (San Salvador de)
5.1. Cruceiro de Francos
X= 616.204 Y= 4.744.992

Está colocado preto da igrexa, no campo situado na súa parte posterior; tamén ao carón dunha estrada local, que comunica as diferentes comunidades do municipio. Denantes do cruceiro houbo unha cruz de cantería.
Consta dos seguintes corpos:
Unha plataforma, de estrutura troncopiramidal, con catro chanzos: o inferior, de cachotería; e os outros tres, graniticos , de forma paralelepípeda.
Unha base de cantería, de forma paralelepípeda cos bordos superiores redondeados (aristas superiores). A cara da base, que da á igrexa, está decorada cunha cruz latina, de cantería, ancha nos seus brazos.
Un fuste de sección cuadrangular nos extremos e oitavado no resto debido aos biseis das súas arestas.
Capitel clásico, que nunha orde descendente consta dos seguintes tramos: dúas molduras de filete superpostas; un cuarto caveto; un colariño maís estreito que o de Mougán e sen acanaladuras; e unha moldura en bocel ou toro.
Unha cruz latina, de cantería, de sección cuadrangular nos seus extremos e oitavado no resto; os extremos dos brazos son do tipo de cruz florenzada.
O 6 de Agosto, festividade do Salvador, a procesión circunvala o cruceiro.
6. Gomelle (Santiago de)
6.1. Cruceiro de Gomelle
X= 608.506 Y=4.755.148
Está colocado no adro da igrexa parroquial. O domingo seguinte ao 13 de Maio, festividade da Virxe de Fátima, a procesión circunvala o cruceiro.
A nivel artístico, o cruceiro está composto das seguintes partes:
Unha plataforma granítica dun chanzo de forma paralelepípeda.
Unha base monolítica, granítica, de dous tramos: o inferior de forma paralelepípeda cos bordos (arestas) superiores redondeadas; e o superior tendente á troncopiramidalidade.
Un fuste monolítico, prismático, que amosa na parte inferior unha sección cuadrangular biselada nas arestas laterais, que posibilita unha sección oitavada no resto máis aberta na parte superior. A parte superior do fuste amosa nos seus rebaixes as seguintes inscricións, partindo do lado W., ao Leste, pola esquerda: 53, 14, V,IV, N, M.
Un capitel de base clásica, que mostra nunha orde descendente os seguintes tramos: unha pequena moldura cóncava (cuarto caveto invertido); un pequeno filete coas arestas lareais biseladas; un colariño; e unha pequena estrutura paralelepípeda oitavada.
Unha cruz latina, granítica, que presenta unha sección cuadrangular na parte inferior do eixo vertical, e acanaladuras tanto no resto do eixo vertical, como en todo o eixo transversal.
7. Guntín de Pallares (San Salvador de)
7.1. Cruceiro de Meixaboi
X= 605.799 Y= 4.749.015
Esta situado ao carón da capela de Meixaboi. Ata o ano 1973, o terceiro domingo de Agosto, festividade da Madalena, a procesión daba a volta ao redor do cruceiro.
Amosa mal estado de conservación.
Esta expresión da devoción popular consta nunha orde ascendente dos seguintes corpos:
Unha plataforma de dous chanzos de pizarra.
Unha base granítica composta de tres partes: a inferior, paralelepípeda e deteriorada

nun dos lados; a superior tendente a unha troncopiramidalidade; entre ámbalas dúas unha media cana (moldura cóncava).
Un fuste de sección cuadrangular nos seus extremos e con acanaladuras no resto das arestas.
Un capitel moldurado, que mostra nunha orde descendente os seguintes tramos: un tramo paralelepípedo, un filete, un cuarto caveto (moldura cóncava), un colariño, e un bocel.
Unha cruz latina, de sección cuadrangular nos extremos, con acanaladuras no resto das arestas do eixo vertical e horizontal. Os extremos dos brazos rematan a nivel ornamental nunhas rosáceas.
8. Lamela (Santa Mariña de)
8.1. Cruceiro desaparecido
Trátase dun cruceiro liso, que estaba situado ao carón da igrexa, hoxe desfeito. Dise que o cruceiro foi deteriorado cando construíron a estrada no século pasado, denantes dos anos 80.
9. Lousada, San Mamede de.
9.1. Cruceiro do cemiterio
X= 615.305. Y= 4.751.532
Está ubicado no interior do novo cemiterio. Hai uns cinco anos construiuno José, da Casa do Souto de Piñeiras. Foi colocado hai cinco anos por Manuel López Díez, finado na actualidade.
Esta formado polos seguintes corpos:
Unha plataforma de chanzos graníticos de forma paralelepípeda.
Unha base prismática cos bordos superiores redondeados.
Un fuste de seccion cuadrangular nos seus extremos e coas arestas achaflanadas no resto.
Un capitel que amosa unha forma troncopiramidal invertida con volutas na parte superior das arestas.
Unha cruz de cantería, latina, de sección cuadrangular nos seus extremos e rebaixada en bisel no resto. Os extremos dos brazos son do tipo de cruz potenzada.