Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xesús Mato: a mandar... cousas feitas!

jueves, 28 de junio de 2018
Os nosos paisanos tiñan, en tempos, un xeito especial de poñerse uns ao dispor dos outros, pero deixando claro que ese ofrecemento tiña os límites da normalidade, da habitualidade. E asi, cando remataban un servicio, ou un traballo, e se lles daban as grazas, contestaban: “A mandar…cousas feitas”. Que viña significar que quedaban ao dispor, para cousas non complicadas.

Algo así poderíamos decir en relación coa campaña que se veu desenvolvendo para pedir para Xesús Mato, un home de Radio Popular de Lugo desde o seu nacemento, a Medalla Castelao. A idea partiu do Orfeón Lucense, que Mato dirixiu, sendo o concello de Paradela –onde Mato naceu e do que é Fillo Predilecto- o que por unanimidade a solicitou á Xunta de Galicia.

Os amigos encargámonos de difundir a iniciativa entre os coñecidos, asociacións e institucións, e a resposta foi tan xenerosa e entusiasta que podemos considerar que era unha “cousa feita” porque nada máis mencionar o nome de Mato atopamos unha rarísima unanimidade de admiración e devoción.

Proba desta especial admiración por un home da igrexa, da música, da radio e da cultura, é que se conseguiron máis de 2.750 adhesións, das que preto do dez por cento, 256, foron suscritas por asociacións culturais e de veciños, colectivos, institucións, concellos ou empresas, apoiando a concesión da Medalla que leva o nome de Castelao para este home que “inventou” Fuxan os ventos para revolucionar a música galega, ou Auxilia para facer visibles e dignificar aos minusválidos, que podendo ter postos de relevancia se foi servir media ducia de parroquias da montaña do Cebreiro durante 25 anos, e agora vive en Portomarín atendendo a familiares maiores, oficiando a Misa do Peregrino, e disfrutando do respecto de todos o que o coñecen.

Agora, concedida a Medalla, satisfacción xeral. Pero aínda que así non fose, o importante é ver como 2.750 –que podían ser dez veces máis, e aí están o Consello da Cultura Galega, Galaxia, o arcebispo de Tánger, o Bispo de Lugo, ou os concellos, alcaldes e alcadesas de Lugo, Guitiriz, A Pastoriza, Portomarín, Pedrafita, Sarria, Triacastela ou Lalín…- xorden a prol dun home que fixo historia por dedicar a súa vida aos demais como crego, escritor, radiofonista ou musicólogo…

Os que andivemos polo medio, precisamente o día en que recibe a Medalla, temos que dicirvos a todos: grazas pola colaboración… e a mandar, coma esto, cousas feitas.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES