San Froilán: Unha festa especial
Figueroa Panisse, Adela - lunes, 08 de octubre de 2007
Lugo, 2007
De todas as festas que coñezo, as de Lugo, no comezo do Outono, son as que conservan, aínda, o seu espírito tradicional, que as liga co mundo rural de onde, uns mais e outros menos todas as galegas/os procedemos.
Os recendos do San Froilan da miña infancia acordaron na miña cabeza, na ExpoLugo. Misturados de modernidade aportada polos postos que facian referencia a todo o mundo, artesans da pedra e da madeira e a mais moderna tecnoloxia mas, mantendo como fundo a presenza do gando. Uns exemplares lustrosos, comodamente instalados entre feixes de erva seca. Humificadores a cada pouco fumegaban ceibando ao ar vapor de auga para manter a sa en condicions optimas para aquelas vacas e bois marelos, de exposición. Non había a antiga lama no chan que molestase aos visitantes e a cidade fica a resgardo da feira transformada agora en ExpoLugo. No burgo amurallado os concertos que e o barullo que é normal en todas as festas patronais. Voto de menos unha maior participación, neles, da música moderna e clásica producida en Galiza. Mas en Lugo todo lembra a tradición, institucionalizada nas inmensa doses de polvo á feira que se despachan todo o mes. Mesmo a figura do santo, perdéndose na noite dos tempos. Fose bispo, ou figura mítica cristianizada, o noso Santo Froila danos o sinal de saida para afortalarnos cara o inverno longo, escuro e duro que caracterizaba ao clima de Lugo.
Escoitei o magnífico concerto-poemario de Aute, na fermosa Praza de Santamaria. Toda a historia de esta antiga e duradoira cidade facíase patente como telón de fundo. Os diferentes estilos en que está feita a Catedral (románico, gótico, renacentista, na torre do reloxio) o fermoso barroco que encerra o altar da virxe dos Ollos Grandes, o equilibrio das torres neoclásicas da fachada principal, sobresaindo no fondo da noite, por cima do edificio,abrigan ao Pantócrator, o Deus Pai, da entrada de Santa Maria.Ninguén pode encontrar mellor cadro para un concerto.
No san Froilan reservaselle un dia especial para as mulleres: O Domingo das Mozas con traxo galego e ofrenda a precursora do feminismo Rosalia de Castro. Pilocha emocionounos, polo seu virtuosismo e a sua sensibilidade ao facerlle a ofrenda. Obrigada Pilocha por nos teres regalado a tua voz e o teu pensamento.
Somos un povo de terra e de poesia. Pan o Deus da Terra de seguro que andou por aqui naqueles recuados tempos en que os deuses e outros seres míticos povoaban os arredores. Poida que o Santo Froila fose o descendente doutra Divinidade mais antiga que tiña o seu lar naquele Lugo que atoparon os romanos. As festas do San Froilan coa sua mistura de tradición e modernidade lémbrannos a nosa orixe de povo amante da Terra. Seria torpeza e ignoranza perder a sua faceta de antiga feira de gando e de artesania que sempre as caracterizaron e que representa unha importante riqueza sostible.
Por iso, a pesar do barullo e das pequenas incomodidades que poidan representar, gosto das festas do meu povo.

Figueroa Panisse, Adela
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora