Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Memoria de Manuel Reimóndez Portela

Requeixo, Armando - sábado, 23 de junio de 2018
A primeira vez que oín falar de Manuel Reimóndez Portela foi hai un cuarto de século. Lera na prensa que acababa de se presentar na Galería Sargadelos de Compostela o seu libro Un médico na aldea, volume que prologara Xosé Neira Vilas e que publicara Ediciós do Castro. Achegueime unha tarde ata a Rúa Nova 16 na procura dun outro título que me recomendaran e batín ben pronto coa obra do galeno rural. Collina ás mans e lembro que sorrira con agrado vendo que no medio e medio da cuberta verde pradería estamparan unha ilustración do meu conterráneo Xosé Vizoso. Lin a contracapa, que reproducía unhas suxestivas palabras de Neira Vilas sobre o libro, e logo peguei nel e comecei a follealo. Houben de miralo e remiralo abondo e seguramente botei alí máis tempo do que fun consciente, porque acabou achegándoseme un señor que, parapetado tras dun amable sorriso, deixou caer: “Rapaz, non lle deas máis voltas que o vas marear. Lévao, que che ha gustar”. Era Isaac Díaz Pardo. E fíxenlle caso, xaora.

Fun logo sabendo máis de Reimóndez Portela e, canto máis coñecía, máis medraba a miña admiración pola súa figura. Descubrín que nacera polo 1916 en San Miguel de Castro, na Estrada, que de rapaz fora emigrante á Habana e que logo retornara para acabar o bacharelato e cursar Medicina en Compostela, estudos que tivo que interromper por mor da Guerra Civil e que non puido rematar ata despois desta. Confirmei que xa dende os comezos fora un doutor excepcional, pois un ano antes de se licenciar gañara por oposición a praza de alumno interno de Patoloxía Médica e que, xa co título, exercera un par de anos como profesor axudante de Clases Prácticas de Anatomía.

Secasí, o que máis me fascinou foi comprobar como Reimóndez Portela deixara toda aquela prometedora carreira universitaria para exercer como médico no rural ullán do que procedía, onde comezara a traballar por volta de 1944, dedicación que non abandonou ata a súa xubilación case medio século despois.

Froito da devoción polos seus eidos, pola historia, a paisaxe e a paisanaxe da súa bisbarra natal foron nacendo obras como Cruceiros e cruces do nordeste da Provincia de Pontevedra (1985), A Estrada rural (1990), El Camino de Santiago por el sudeste (1993) e, sobre todo, Un médico na aldea, o libro de relatos que agora cumpre o seu primeiro cuarto de século e que deu ao prelo apenas un par de anos antes do seu pasamento.

Un médico na aldea é un tratado vivenciado e emotivo do rural galego dos anos da Memoria de Manuel Reimóndez PortelaPosguerra e primeira Transición retratado a través dos ollos dun dos seus máis característicos personaxes: o médico parroquial ou vilego. Lendo as súas páxinas é doado aprehender toda a filosofía, a idiosincrasia, a etioloxía e mesmo a estética dos nosos campesiños. A cultura material e inmaterial que os define, os seus medos e paixóns, as súas ilusións e esperanzas, os seus reveses e padecementos, tamén as súas renarterías e desconfianzas abrollan nas pequenas historias deste libro, inzado de sucedidos ocorrentes e singulares que lle aconteceron ao autor ao longo de toda unha vida dedicada ao exercicio da Medicina.

Mais a obra é tamén un atlas histórico da ciencia médica do seu tempo, unha sorte de foto de época dun proceder profesional onde a psicoloxía alcanzaba onde non chegaba a farmacopea, o que explica o inequívoco talante humanista e a perspicacia sen límites deste sandador estradense.

Escrito cunha prosa áxil e ben celmosa, enfeitada por un léxico feraz e enxebre, Un médico na aldea zumega por toda parte un humor cómplice e revelador, tamén unha moi sutil capacidade para o exercicio da reflexión sobre o social e o histórico, ao tempo que nos achega a memoria de feitos e condutas que son hoxe un legado inestimable do noso pasado máis recente.

Namentres redacto estas liñas teño derriba da mesa dous exemplares do libro: a primeira edición xa amentada e unha outra impresa por Edicións Fervenza co gallo do seu vinte aniversario. Esta última, que conta con sabedeiros textos introdutorios de Marcelino Agís Villaverde, Neira Vilas e Marcial Gondar Portasany, achega aínda tres gratas sorpresas: a transcrición das palabras pronunciadas polo propio Reimóndez Portela na presentación da obra cando esta vira luz por vez primeira, tres relatos ata entón inéditos e unha cuberta nova, deseñada outra volta polo xenial Vizoso, que foi quen ma regalou.

Oxalá o vindeiro cuarto de século nos traia moitos Reimóndez Portela ben identificados Memoria de Manuel Reimóndez Portelacoa súa Terra e a súa Cultura, tanto coma el o estivo cando formou parte da histórica Comisión dos 16, encargada de redactar o anteproxecto do Estatuto de Autonomía. Estou certo de que haberá quen saiba honrar a súa memoria, pois o seu labor á fronte do Centro de Iniciativas e Turismo da Estrada, a súa entrega como edil deste concello e os seus esforzos como director do seu Museo Municipal fican xa por sempre na memoria dos que o coñeceron, que non deixarán que esmoreza o seu exemplo, entre eles, nomeadamente, o seu fillo Luís Reimóndez, presidente da Fundación Xosé Neira Vilas.

Abro máis unha vez as páxinas de Un médico na aldea e leo nalgún dos seus estudosos que tratou “os doentes do rural con tan grande amabilidade e humanidade que lle valeu o sobrenome do médico dos pobres”. Un fío invisible guíame polo dédalo da memoria sentimental ata o meu veciño Manuel Leiras Pulpeiro e penso que tamén el estaría orgulloso deste seu irmán do sur, coma el curador dos males do corpo e das feridas da ánima, esas nas que van tecidas os días que nos foxen e os soños que permanecen.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES