Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas do Asilo (III): Sor Paz, un anxo en Foz

lunes, 25 de junio de 2018
O ano 1951 incorporouse á Comunidade do asilo, e nela permañeceo durante unha década, a que foi a monxa mais popular e carismática da Casa, e quen deixou mais fonda pegada na memoria das xentes que, con mais ou menos proximidade, coñeceron aquelas vivencias.

Sor Paz Boan Casas, galega do Val de Lemos, de sorprendente vitalidade e enerxía; xenerosa, sempre leda e activa; o seu optimismo e actividade contaxiaban a todos, e a entrega aos vellos/as que, sempre agarimosa, a arrodeaban como as pitas á galiña, eran a súa divisa. Xove e goapa, lucía a fermosa voz no coro que ela dirixía, formado con outras monxiñas e algúns rapaces/zas da veciñanza; e coa mesma ledicia que se sentaba ó piano, calzando zocas e o fouciño en ristre, coas irmanciñas e anciáns que podían facelo, apañaban o molime no monte do Santo, ou traballaban na espléndida horta da Casa.

En certa ocasión, e na compaña duns amigos da bisbarra, había xa tempo trasladada ela para o asilo de Monforte, fixemos unha viaxe á Ribeira Sacra, pernoctando naquela cidade. Á mañán seguinte suxerimos a idea, abondo insólita, de facer unha visita á monxa. Os amigos aceptaron e alá nos fomos. De camiño pensábamos en cómo a atoparíamos de saúde, porque, de non a ser xa, estaría moi pretiño de nonaxenaria. Preguntamos por ela e escoitouse pola megafonía: “ Sor Paz, espérana na porteiría…”. Era boa sinal. Nun intre , e cara a nós, vemos avanzar polo pasiño adiante, unha monxa camiñando con tal salero e vitalidade, que a estampa resultabanos coñecida. Cando nos achegamos abrazámola, ao tempo que preguntamos: ”Sor Paz, ¿sabe quen son?...”. Sorpendida, ollounos un anaquiño, e dixo: “Ere-lo Susiño…” Coa mesma dozura e agarimo que o facía na nosa adolescencia. “Por qué me coñeceu?”, “Polos ollos”, respostou.

Había 46 anos que non nos víamos… Saímos ó xardín e alí falamos longo e tendido, preguntándonos por medio Foz; sempre agradecida, nos decía, ao tempo que louvaba o comportamento dos focegos co asilo; dimos un repaso ás cantigas que ela nos ensinara no coro… e ás mil anécdotas dos singulares e aínda pintorescos asilados: O Mudo, Rabo de Pega, Atilano, Banderas, don Gumersindo…. Cando nos despedimos, con unha fonda aperta – sería a derradeira- díxonos: “¡Toda a vida fun feliz coidando velliños…!”. “¡Xa o sabíamos…!”, respostamos. Os nosos compañeiros saíron ledos do encontro.

Por marzo de 2017, voz amiga informounos da triste nova do seu pasamento.

Polo asilo de Foz pasara un anxo: chamábase Sor Paz.

Vindeiro Capítulo (IV): “O pobo co Asilo”.

(Suso Fernández é cronista oficial e Fillo Predilecto de Foz)
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES