Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Carballo, Ribeira e A Estrada, onde a lingua galega rexurdíu

viernes, 22 de junio de 2018
Un rexistrador da propiedade chamado Xoán Manuel Pintos metido a combativo poeta escribíu, “ A gaita gallega”, o libro máis reivindicativo da lingua galega a mediados do século XIX. Entre verso e verso denunciou a marxinación da lingua galega dos documentos públicos.

É verdade, dicía, que hoxe non usan o noso idioma galego para leis nin escrituras; nin poñen declaración nin estenden testamentos. Unha descrición exacta do que veu acontecendo nos séculos precedentes desde que se prohibirá no século XVI o seu uso nas oficinas xudiciais. Para máis concreción: o derradeiro instrumento xurídico redatado en galego foi en 1532 referido a un foro do mosteiro de San Clodio.

Mais como non hai mal que cen anos dure, todo aquilo que é inxusto, o tempo corrixeu a proscrición do noso idioma nas instancias xudiciais. Pintos xa preconizaba entón que : “Poida que non tarde muito/En andar o idioma impreso/E que se lle suba ás barbas/ A outros que andan moi tesos”.

A Irmandade Xurídica Galega puxo en pé, con moito esforzo e toda a intelixencia que o proxecto precisa, unha estratexia eficaz para incorporar a lingua galega nos usos xurídicos. A “Declaración de Rois”, asinada por unha vintena de cualificados xuristas en 1987. Dous precedentes significativo e determinantes animaron o comezo do proceso: a publicación en galego do Diario Oficial de Galicia en 1984, iniciativa proposta á Xunta de Galicia pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e a primeira sentenza ditada en lingua pola Audiecia Territorial de A Coruña a instancias do servizo de normalización do Concello de Redondela en 1985.

A publicación das edicións en galego dos códigos penal e civil e doutras leis puxeron enriba das mesas de traballo do funcionariado medios para sortearen as dificultades do uso correcto da nosa lingua nos procedementos procesuais. A maiores, a publicación no noso idioma do Formulario Notarial da autoría do notario Victorino Gutiérrez Aller e o diccionario xurídico galego tamén foron decisivos no proceso regaleguizador.

En nada colaboraron as catro facultades de dereito das universidade galegas para formaren aos futuros profesionais do dereito na galeguidade xurídica. É certo que cada vez hai máis profesores que imparten docencia no noso idioma; pero non os suficientes.

Malia esa circunstancia o proceso regaleguizador está en marcha incorporándose a el novos xuíces e fiscais e moitos operadores xurídicos que realizan as súas actividades profesionais con total naturalidade, sen conflitos por mor diso. Máis de trescentos membros da Irmandade Xurídica Galega –xuíces, fiscais, avogados, procuradores.- dinamizan a normalización da lingua galega nun ámbito no que aínda hai moitas reticencias ao seu uso.

Nas próximas semanas a Irmandade Xurídica Galega, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e Dirección Xeral de Xustiza, ten convocados actos en Ribeira (día 29 de xuño) , A Estrada (5 de xullo) e Carballo (12 de xullo) para homenaxear ás maxistradas Ana López-Suevos, María Isabel Suárez García, Carme Pose Amado e o maxistrado Fernando Fernández Leiceaga, autores das primeiras sentenzas en lingua galega en cadanseu xulgado.

É de xustiza lembralos. Porque como dixera Xoán Manuel Pintos:”Quen nunca pan colleu nin colleu viño/Se alguén llo dá sen dor todo sachado/Parez que xa é del todo o camiño”.

A estes actos están convidados os alcaldes dos concellos dos partidos xudiciais respectivos para asinaren unha declaración de compromiso coa lingua galega nas actividades xurídicas das súas administracions.

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador)
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania