Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No Instituto Masculino de Lugo

lunes, 18 de junio de 2018
No Instituto Masculino de Lugo No fondo dun caixón, atopo (tapas dun sufrido azul escuro; 62 páxinas das que só hai utilizadas 24) o meu vello LIBRO DE CALIFICACIÓN ESCOLAR dos estudos de bacharelato, expedido polo Ministerio de Educación Nacional, que ven ser a crónica dos catros anos da miña vida (1957-1961) nos que eu pertencín ao Instituto Nacional de Enseñanza Media de Lugo (daquela, Instituto Masculino), ou/e o Instituto a min me pertenceu, e no que se me asignaba a Serie E, número 163490.

A primeira folla escrita acredita que o 30 de agosto de 1957 se expediu este libro, para o que subscribe, expediente escolar 7644, que asinan don Antonio Fraguas (que andando o tempo sería meu amigo) como Secretario e don Glicerio Albarrán como Director.

Eu, como todos os rapaces vilalbeses, ao non ter Instituto na nosa vila (que na República existirá pero logo desapareceu), e estudar nunha Academia privada (Academia Santa María), viñamos a Lugo examinarnos xunto cos rapaces lucenses que non encaixaran os seus coñecementos coas demandas dos profesores durante o curso, sometendo as nosas inocencias en espectaculares exames orales a profesores asentados en altísimas cadeiras que subraiaban a nosa pequenez.

Corenta anos despois, xa amigos, lembreille ao santo Fraguas a súa garimosa benevolencia cando me examinou -coido que de ingreso- preguntándome de onde era, como me chamaban na casa, como se chamaba o río de Vilalba, como era a miña vila... e el comentoume (sen que mermara o meu agradecemento e admiración), que o facía con todos os nenos que viñan dos pobos para que se sentiran menos acovardados do que a situación provocaba.

Porque pasar dunha Academia coma a nosa a un maxestático Instituto da capital era moito para nenos de dez anos que por primeira vez se asomaban a un mundo novo, moi grande, no que había que aprender a vivir.

No Instituto Masculino de LugoCumprironse 60 anos da miña ascensión á Educación –con maiúscula- e o neno que na segunda páxina me mira serio, parecendo que me chusca un ollo, ten asombrosa semellanza co meu neto máis vello, que agarda ansioso polo seu “ascenso ao Instituto”.

Van aparecendo firmas de don Delio Mendaña, de don Froilán… Vese que don Froilán pasara a ser o Director, e del contábase –parecíanos incrible- que chegara a suspender mesmo a un sobriño seu. Inconcebible para nós, que nos parecía que os parentes dos profesores –uña e carne, lóxicamente- tiñan conseguido o aprobado por pura pertenza familiar.

Folleo o libro e, na distancia, case me sinto un intruso, en viaxe no tempo á patria lonxana da nenez, na que a inscrición para o exame de ingreso custaba 50 pts. (para miña nai, un capital), e franqueei esa porta o 6 de setembro de 1957, constando en acta que andará pola Secretaria do Centro, asinado e rubricado por Fraguas e Albarrán, cunha póliza de 3 pts. na que unha matrona con espada defende un pergameo co Código Civil.

Sobre o contido do libro, prefiro aplicar a doctrina de Machado (“algunos casos, que recordar no quiero”), pasando por riba dunhas modestísimas calificacións considerándoas piadosamente, quedándome co conxunto que me fai formar parte da historia do noso Instituto de dilatada traxectoria, pero con moitos máis anos por diante ca os que gloriosamente o avalan.

Aos dez anos, as dimensións daquel Instituto eran monumentais. E volvín varias veces ao salón de actos, que me sigue parecendo señorial, pero non ás aulas que prefiro gardar na nebulosa da memoria. Entrar agora no Instituto, paréceme extraño, pola tranquilidade. Porque, claro, eu viña a Lugo, examinarme, en xuño e (naturalmente, para recuperar) en setembro. Viña a Lugo e ao Instituto, coa angustia do neno que sabe que se xoga a unha carta non só unha asignatura, senón a consideración dos profesosres, dos compañeiros, dos pais dos compañeiros, dos veciños… e, xa non digamos, da familia.

Porque todos tiñamos a conciencia de que o Instituto de Lugo era algo diferente, moi difícil, moi serio, moi lonxano… coa conciencia que daquelo podíamos ter, sabíamos que era a porta que se se abría nos levaría a ser homes de proveito no futuro, a triunfar (daquela o de ser famoso aínda non cotizaba; non se coñecía), a chegar a algo, a ser considerados pola nosa xente… a afirmar que eramos bos estudiantes, que era tanto como dicir que eramos boas persoas; boa xente.

Ben pensado, os rapaces daquel tempo inventamos ou practicamos o ensino a distancia, formándonos en academias particulares e vindo contrastar a Lugo os nosos coñecementos, e que orgullo sentíamos cando polos pasillos se comentaba que os mellor preparados da provincia de Lugo que viñan examinarse ao Instituto eramos os do Colexio Muinelo de Taboada, os da Asunción de Sarria… e os da Academia Santa María de Vilalba. Se nos impactaría o tema que, seis décadas despois, téñoo clarísimo na memoria. E mesmo, de cando en cando, proceda ou non tanto, déixoo caer como quen non quere a cousa.

O 26 de xullo de 1961, aprobado dun tirón 4º e reválida, dúas sinaturas ilexibles proclaman que son bacharel elemental. E daquela, pasei para Maxisterio. Pero esa é outra historia. Pecho o libro, gárdoo, e volve ao fondo do caixón. Agora, xa non polos fillos, senón polos netos, que polo de agora quero que sigan pensando que o seu avó foi en tempos un bo estudiante como eles teñen que selo.

(Este traballo foi publicado na REVISTA ESCOLAR DO IES LUCUS AUGUSTI, nº 32, de maio de 2018).
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES