Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As fogueiras de S. Xoán

lunes, 18 de junio de 2018
O vello ritual das fogueiras de San Xoán, van ter na noite do vindeiro sábado, unha nova edición; e así, de diversos puntos da xeografía urbán, e tamén da rural, rubirán ó ceo as chamas do fogo da ancestral cerimonia, engarzada nas mais diversas costumes da nosa terra.

Conta a tradición que, na meirande parte das fontes,vivían os encantos e as fadas,virxes, doncelas, damas e lavandeiras. Por eso, a auga, como o fogo purificador, son elementos protagonistas na noite de San Xoán.aos que de sempre se recoñeceron certas virtudes curativas para os males do corpo e tamén da alma…

Da nosa afastada nenez gradamo-lo recordo da gran fogueira que cada ano ardía no lugar de O Cristo, en Marzán. Días antes, os veciños, nos seus carros de vacas, carrexaban madeiras dos montes; os tanocos das berzas e os silveirais de camiños e congostras, coidadosamente segados para queimar na noite máxica e lúdica do 23 de xuño.

O acordeón de Xosé da Morena, o cego, ou o de Plácido, poñían o contrapunto musical naquela xuntanza que congregaba a boa parte das xentes daquel Foz, de hai mais de medio século. Pero antes cumprírase con outro ritual: deixar ó sereo un recepente de auga con flores para, á mañanciña seguinte, lavarse con aquela auga fresca e perfumada, á que se atribuían virtudes curativas para as erupcións cutáneas e as doenzas da vista.

O amor rondaba tamén aquel episodio, e as rapazas saltaban as chamas, decindo: “Salto por enriba/ do fogo de San Xoan/ para que non me roia/ cadela nen can”. Se no salto libraba das chamas, era augurio de casamento dentro do ano; pero se tocaba o fogo, esvaecíase a ilusión do casoiro en tan curto prazo.

As nenas casadeiras á medianoite deixaban un vaso de auga, coa xema e a clara dun ovo; ó seguinte día ollaban o contido e, dacordo coa figura que adoutase, tal sería a profesión do futuro marido; así, por exemplo, se se trataba dun martelo,o seu home sería carpinteiro.

En Foz, en certa ocasión, utilizouse para saber do paradeiro dalguén do que non se sabía había moito tempo. Como no vaso xurdira a silueta dun navío, soubose que o persoeiro andaba embarcado…

Lonxe de perderse a tradición dise que, a vella costume de facer o lume de San Xoan experimentou un notable incremento, aínda que, como noutros aspectos da vida, perdeu o encanto poético de antano.

Xa non se deixan as flores ó sereo; nen o vaso coa xema e a clara do ovo; e se saltan a fogueira é mais para mostrar a forma física, que para adiviñar a data do casamento.

Na noite do sábado, os veciños de cada barrio rivalizarán en noble competencia, lanzando ó espacio as mais espectaculares chamaradas, vivindo con ledicia a festa multitudinaria.

Á luz do lume acariñador e subxugante, sen dúbida haberá un anaco para a nostalxia, porque… ¡Quén pode esquecer de vello/os seus tempos de rapaz?/¿quén pode esquecer a noite,/ a noitiña de San Xoan/ co seu séquito de bruxas,/fogueiras, baños de mar,/auga de rosas, parranda/troulas,bailes e aínda mais…?.

(Suso Fernández é Cronista oficial e Fillo Predilecto de Foz)
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES