Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Miscelánea histórica de Monterroso

jueves, 14 de junio de 2018
O monterrosino Carlos Méndez Vázquez, sacerdote diplomado en ciencias relixiosas, escritor e amigo, nunca deixará de sorprenderme.

Ten a presencia señorial dun moi especial “pater familiae” dos que teñen familia ampla, no seu caso os seus paisanos monterrosinos que disfrutan do seu agarimo e do seu servizo desde hai bastante máis de medio século.

Ten xeitos e feitos de home tranquilo, repousado, afable, dos que saben dar “A Deus o que é de Deus, e ao home o que é do home”, entrando nesta dación a entrega sacerdotal en base á súa gran fe, e a entrega aos seres humanos de xeito tan amplo que comprende non só o momento actual e o futuro que axuda a forxar, senón tamén a pescuda para mellor comprensión dun pasado do que somos herdeiros e que en boa parte nos fixo como somos.

Nesta inquedanza buscadora, deunos a coñecer os Castros de Monterroso nunha publicación de 1983, estudando trece ben importantes, e –en 1993- os de Antas de Ulla, tendo divulgado traballos en diversas publicacións e colaborado na Gran Enciclopedia Gallega, investigando agora na historia monterrosina para sacar do esquecemento algunhas das grandes páxinas que este monte “rossum” aportou á nosa historia.

Proba da súa preocupación humanística é a de ser o fundador e compoñente da Coral Ecos do Ulla de Monterroso, ou ser quen de rescatar para a historia o nome e a obra do crego poeta Teolindo Cortiña Toural, facendo unha selección póstuma dos seus poemas que foron publicados pola Deputación Provincial de Lugo hai agora un cuarto de século, co título de “Sopeixos”.

O meu coñecemento e amizade con Carlos Méndez xurdiu de saber da existencia en Monterroso dun Museo, vinculado á parroquia, creado por este crego, onde foi recollendo todas aquelas mostras tanxibles da vida dos nosos devanceiros, especialmente no mundo rural, para que os actuais poboadores desta terra se acheguen ao traballo, o inxenio, os costumes, a vida mesma daquela nosa xente…e se valore o papel dos que nos antecederon en posuir esta difícil paisaxe, conquistando pacíficamente para nós, pouco a pouco, xeneración tras xeneración –benaventurados!- , unha terra e un xeito de vivila.

E agora que as súas obrigas lle permiten unha dedicación aínda máis entregada á terra na que naceu á vida, segue a buscar no pasado as razóns do presente, e proba disto é esta MISCELANEA HISTÓRICA MONTERROSINA, na que me fai a honra de deixarme abrir a porta aos lectores, para que entren nesta súa casa intemporal, na que se eles non son quen de verse, seguro que si estarán reflectidos os seus devanceiros, foran nobles ou servos, habitaran nos pazos de Fente, Monterroso, Mundín, ou Podente… axudaran a erguer os seus muros ou servirán aos poderosos para que as súas familias puideran comer.

Sabe Carlos Méndez que a Historia grande, a das batallas de conquista, está escrita polos vencedores das loitas, e –cada batalla un fito; e a do Sirgal, fin dun tempo- pódese coñecer a grandes rasgos, pero a historia que a todos nos interesa, a historia das vidas, os milleiros de historias pequenas que forman unha historia humana, está na memoria popular, e nos papeis que se foron escribindo e gardando; nos libros que recollian as visitas dos relixiosos, con anotacións sempre vivas e útiles para desentrañar os problemas nosos de cada día, de hai centos anos… e por iso Carlos Méndez, despois de estudar castros e mamoas, petroglifos, menhires, muiños ou cerámica… despois de recoller e dar a coñecer as ferramentas e os costumes, entra na memoria escrita que quedou nas grandes casas monterrosinas (Teñamos en conta que só no Pazo da Laxe hai máis de cinco mil documentos), para abrirnos as portas da humana historia; para abrirnos os ollos á historia.

Sorprendeume Carlos Méndez con este libro, que recomendo especialmente a todos os que teñan preocupación por saber de onde vimos, de quen vimos, como chegamos ata aquí despois dunha longuísima viaxe a través dos tempos.

Sorprendeume polo que supón de vitalidade do autor, de seguir preocupado polas xentes desta terra, de ser quen de franquear portas multiseculares e axudarnos a entrar por elas; de seguir dando ao home –aos seres humanos- o que é do home: o coñecemento, a cultura, a dignidade, a identidade.

E, a verdade, non sei por que me sorprendo. De Carlos Vázquez podemos esperalo todo. E todo – entrega, amizade, coñecemento…- váinolo dando.
Este libro, é unha peza fundamental no seu Camiño vital e de entrega aos demais. É un agasallo colectivo que todos os galegos –os monterrosinos, de xeito moi especial- temos que agradecerlle agora e sempre.

(Este texto de Xulio Xiz é o prólogo do libro "MONTERROSO, MISCELÁNEA HISTÓRICA" de Carlos Méndez Vázquez).
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania