Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O mar das Malvinas no mes de xuño

lunes, 11 de junio de 2018
Sexan benvidos a este espazo espiritual no mar das Malvinas. Hoxe celebramos a nosa sexta reunión anual no meu definitivo fogar arxentino. Vexo que tedes un forte abatemento. Supoño estades a interiorizar que o goberno, ou mellor dito o desgoberno, non quere quitar quitar o submarino á superficie. Ten que ser insoportable ver como se lles minte aos familiares que se manifestan en Mar do Prata e Bos Aires cunha gran pancarta na fronte: Esperámolos sempre. Escoitar ao sinvergonza do ministro Aguad dicir que “seguiremos facendo todos os esforzos por atopalo e traer aos 44 tripulantes de volta” é unha puñalada. Pídovos que non vos derrubedes. Hai milleiros de cidadáns que non se calan e dóeme velo sufrimento da nai de Fabián Cisneros que viaxou desde Jujuy para estar na manifestación de protesta en Mar do Prata: Pedimos coma sempre que non deixen de buscalos para que finalmente poidamos saber que foi o que pasou. Estou a ver as bágoas de impotencia que saen dos ollos de Fabián. É triste non poder dicirlle a unha nai que nunca nos buscaron e que Macri encobre o afundimento dunha unidade da Armada por parte dos piratas que ocupan as illas Malvinas.

Os altos mandos da Armada son fieles macristas, é dicir, xente sen honor. Ben, coido está todo dito se votaron a Macri. O gran Francisco de Quevedo dicía que “onde hai pouca xustiza é un perigo ter razón”, o cal vai moi ben para a situación actual. Un sector do poder inxudicial exime a Macri de todos os delictos pero ti vas para a gaiola se pegas un papeliño nunha parede no que poña, por exemplo, Macrigato ou Maurimachirulo. Se vos digo isto é porque na Armada andan co contiño de que o submarino estaba en “malas consiciones de navegabilidade”. Son malas persoas que fan o que sexa para seguir cobrando o seu soldo. É evidente a súa insensibilidade diante da dor dos familares xa que lles importa un carallo todo o que non sexa papar cartiños doados. Isto sucede porque varios milleiros de infelices resentidos da clase media envexaban ao veciño que estaba a mellorar o seu nivel de vida. Son os responsables de entregar un salvoconducto para castigar ao que menos ten ao elixir a un contrabandista para poñer na fronte dun equipo de empresarios lacazáns. Saramago dicía que a peor cegueira é a mental xa que fai que non recoñezamos o que temos diante.

A maioría de vostedes e non vos quero ofender, repetíades as boludeces dos medios de comunicación sobre o mal que estaba todo. O dólar a 10 pesos era unha barbaridade. Neste grupo de descerebrados que negaba o benestar estaban os panadeiros. Vendían moito e había consumo. Mercaban uns centos de dólares a finais do mes pero querían un cambio e conseguírono. O cambio inclúe ter que pechar a tafona por non poder pagar as tarifas enerxéticas. Antes amasaban 50 sacos de fariña ao día e pagaban de gas 54 pesos por cen metros cúbicos. Agora elaboran uns 20 sacos co gas a 706 pesos. A verdade é que cambiaron pero esqueceron que o seu negocio depende tamén do prezo do trigo. Antes o saco de 50 kg custaba 250 pesos e agora anda nos 750 pesos. ¡Sorprende moito tanta imbecilidade! Aquel fachendoso que as sabe todas foi enganado por un alegre fodedor que o deixou sen futuro. É curioso ver que moitos votantes macristas decoñecen a razón de estar tirados no chan. Rínse deles na cara pero non se enteran. A desgobernadora Vidaliña di que ir a universidade é para ricos e acéptano con resignación. Consideran que están dentro do sector superior da sociedade aínda que son dos que rouban a luz mediante un enganche clandestino en Nuevo Quilmes.

Ben, deixemos ao impresentable de don Mauricio. Imos relaxarnos un pouco. Teño unhas ducias de sardiñas fresquiñas na grella para celebrar a inesquecible festa galega do San Xoán. O primeiro son as sardiñas e logo voulles pedir que saltedes a cacharela, tres veces, para afastar as enerxías negativas. Na miña querida vila de Fisterra as sardiñas eran acompañadas con broa (un pan feito só con millo ou cun pouco de centeo) e cando saltabas berrabas forte: Meigas fóra! Aquí o que queira pode berrar Fóra Macri! ou pedir saúde para a familia. Agradezo que me honredes coa vosa presencia neste meu humilde acubillo malvinense. Imos cear!
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania