Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ter o demo no corpo

domingo, 10 de junio de 2018
Atopámonos hoxe curiosamente ante un texto do evanxeo de Marcos que nos case oito anos que levo aquí en Vigo non tiven ocasión de comentar convosco porque os tres ciclos nos que se organizan as lecturas litúrxicas non manteñen unha uniformidade estrita temporal ano tras ano. En definitiva, o texto de Marcos que acabades de escoitar é a primeira vez que o lemos ou escoitamos aquí ó longo destes anos.

Dito isto, cómpre dicir que se trata dun texto interesante e moi significativo sobre o xeito de se comportar Xesús na sociedade en que vivía e sobre os modos de reaccionar das xentes ante o seu modo de falar e de se comportar. Porque Marcos preséntanos neste texto un Xesús moi “encarnado”, moi “humanizado”, moi igual en todo a aqueles cos que convive e ós que lles dirixe a palabra do Pai, do seu Pai Deus. Tendemos ás veces a pensarmos un Xesús desfigurado, falsamente “idealizado”, como se se tratara de alguén que procede de non sei que estraños e sublimes ámbitos suprahumanos. Xa a nacente igrexa tivo que frear esas tendencias ou eses modos de ollar a humanidade de Xesús.

O texto de Marcos preséntanos así un Xesús que necesita comer e beber coma outro calquera. El e mailos seus discípulos non son anxos, que non comen nin beben, senón seres humanos normais que, ó se veren rodeados por tanta xente que os acompaña e quere escoitar a palabra de Xesús, nin tempo atopan para comeren. “Nin podían comer”, dísenos no texto.

Ese Xesús humano ten tamén os seus “parentes” ou familiares, que como tales están pendentes dos ditos e dos feitos dese tan especial e ó tempo tan normal parente seu, que as xentes sinxelas e humildes escoitan con abraio, ledicia e admiración. Nas familias digamos tradicionais ou normais todo o que lle pasa a calquera dos membros dunha familia aféctalles tamén a tódolos que a compoñen. De aquí provén a preocupación dos parentes de Xesús sobre canto se di ou comenta acerca del, sobre os seus ditos e os seus feitos. Nos poucos anos da chamada “vida pública” súa Xesús converteuse en centro ou signo de contradición ou disensión, porque o seu anuncio dun reino de paz, xustiza e amor, alén do simple e baleiro cumprimento das normas e preceptos legais, semellaba ser para moitos algo incomprensíbel ou inaceptábel.

Neste sentido resulta moi normal que houbese xente que pensase que Xesús “perdera o sentido” (tal como se nos di no texto de Marcos) ou que no fin de contas fose un anormal, pois non se comportaba nin falaba como unha persoa da que dicimos que é “normal”, é dicir, como alguén que se atén estritamente ás normas secularmente herdadas por moi baleiras de sentido que elas fosen. Os seus parentes viñan polo tanto “buscalo –tal e como se nos di tamén en Marcos- á forza”.

Os entendidos nas leis e costumes tradicionais dos xudeus, é dicir os “letrados”, alí estaban tamén como garantes e ilustradores do que era ou non correcto, do que se podía ou non se podía dicir ou facer. Digamos que determinados parentes de Xesús e mailos letrados formaban en certo modo unha sorte de piña crítica respecto do anuncio de Xesús, é dicir, da súa “boa nova”. Efectivamente, para os letrados Xesús tiña o demo no corpo –como diriamos nós- ou, tal como eles se expresaban, tiña “dentro a Belcebú”, o “príncipe dos demoños”.

Pola contra, Xesús obxectaralles ós seus acusadores que, se as cousas fosen tal e como os letrados pensan, sería entón absurdo e contraproducente que el mesmo, Xesús –catalogado como demo polos letrados-, se dedicase pola súa parte a botar os demos –en tal hipótese súbditos ou compañeiros seus- fóra das persoas que estaban posuídas polo demo. Pois operaría así en contra de si mesmo. É esta cegueira voluntaria –teórica e práctica- dos letrados e dalgúns dos parentes de Xesús, encirrados tamén seguramente polos primeiros, a que vai ser cualificada por Xesús como “blasfemia contra o Espírito Santo”. Unha “blasfemia” que non pode ter perdón de Deus, porque pecharse á luz é pecharse fronte a Deus, fronte ó “Espírito” mesmo dun Deus que non se nos manifesta senón como verdade, bondade e amor.

E volvemos agora de novo ó sentido “encarnatorio” –por así dicilo- da persoa de Xesús. Xesús encárnase e faise próximo, “parente”, non desde logo na fachenda ou cegueira de letrados ou fariseos, mais tampouco no pequeno ámbito ou entorno dunhas relacións familiares limitadas e fixadas fundamentalmente pola natureza. Polo contrario, Xesús ábrese e faise familiar e próximo a cantos -humildes ou marxinados- se abren tamén pola súa parte á verdade, á luz, ó
amor, á misericordia, etc., é dicir, ó “Espírito Santo”.

Por iso é moi significativo que, no remate do texto do evanxeo de hoxe e ante o anuncio que lle fan a Xesús de que “alí fóra están a súa nai e mais os seus irmáns, que o veñen buscar”, reaccione el dun xeito que poderiamos considerar case como distante e desapegado. Xesús comenta, en efecto, a ese respecto: “Quen é miña nai e quen son meus irmáns?”. Para engadir a continuación, ollando cara ós seus abraiados e agradecidos oíntes: “Velaí a miña nai e mailos irmáns: pois o que cumpra a vontade de Deus, ese é o meu irmán, a miña irmá e miña nai”.

Divinas e fundamentais toleiras as de Deus, poderiamos dicir pola nosa parte. Pois o fillo de Deus nace, coma todos nós, nunha concreta familia humana, mais non se limita ou restrinxe a ela ó se facer irmán de todos, emparentando así a tódolos seres humanos con el e co Deus Pai de todos, Pai de Xesús e Pai de todos nós.

Remato cunha que o seu autor, Manuel Regal Ledo, chama “Pregaria: para ser tolo como Xesús foi tolo” e que el engade precisamente ó final do seu comentario ó evanxeo de hoxe nun dos seus escritos:

“Todos nos invitan ó común, Xesús, / todos nos invitan ó normal, ó comprensible, ó razoable, / ó que fai todo o mundo. / Todos menos ti./
Todos nos invitan a andar polos camiños feitos, / polos vellos camiños de sempre, / segundo as vellas doutrinas de sempre. / Todos menos ti./
Todos nos invitan a buscar a aprobación dos sabios, / a congratularnos cos desexos do pobo, / a rendernos ante a urxencia do moderno. / Todos menos ti./
Todos nos invitan a entrar nos ámbitos de influencias, / a desenvolvernos coa xente de prestixio, / a arrimarnos ó que ten poder. / Todos menos ti./
Todos nos invitan a aplaudir o rico, / a evitar as inseguridades, / a fuxir do provisional. / Todos menos ti./

Ti, Xesús, segues coa túa vella teima de sempre, / gañando así, tamén hoxe,/ a ollada colérica dos teus adversarios / e a ollada compasiva dos teus seguidores./
Con todo, Xesús, nós preferímoste a ti.”
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES