Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha nova cultura paliativa...?

miércoles, 06 de junio de 2018
Pero paliativa de que...?. Son moitos e moitas os homes e mulleres que viven nestes tempos impresionados por tantas incertezas e que experimentaron, no transcurso dos seus anos, crises de todo tipo, que teñen (temos) a sensación de estar á deriva nun ámbito de irracionalidades. Non obstante, é mester tamén non esquecerse de que hai miles de persoas dedicadas a facer un uso excepcionalmente sacrificado da razón, investigando, e están abrindo canles á innovación e ó desenrolo, racionalizando as leis e as estruturas nos recunchos más ocultos da realidade; e na leira dos novos servizos da información, do coñecemento e da comunicación en xeral, os avances son indiscutibles: Non sería honrado negar que nalgúns campos, como a medicina, contamos cun progreso científico que os profesionais están administrando con resultados verdadeiramente sorprendentes.

Así está de enmarañado o noso estado de ánimo, nunhas sociedades que pasan dunha era industrial avanzada á dixital; pero ignoramos, pola insuficiente previsión de plausibles certezas, como vai evolucionar todo isto, e, conseguintemente, tampouco temos abondo despexado como viviremos e de que viviremos. Porque hai que engadir que os piares da racionalidade fanse renxer deliberadamente, cuns ecos na sociedade que deixa pegadas de diversa transcendencia, en especial nos espazos reservados á política e á moral, con efectos nada prometedores, que, con paradoxo, preténdense xustificar en aras da necesaria innovación: Sempre as actitudes irracionais buscan saídas na aplicación incoherente da racionalidade.

Si..., dunha “innovación” que algúns intelectuais sosteñen que afectará profundamente ao home, impulsándoo a evolucionar a outra clase de humanidade–sen dúbida marcadamente diferente da que coñecemos debido a súa incorporación da tecnoloxía máis avanzada –, constituída por persoas con capacidades potenciadas: á POST-HUMANIDADE. Pero todo isto estámolo procesando máis ou menos intuitivamente, uns, e cunha actitude racional, outros, nunha escala que vai dende un absoluto escepticismo, a unha prudente apertura e a unha plena convicción de que a “post–humanidade” xa está aí a volta da esquina, e proba evidente disto é que na última reunión do Foro Económico Mundial, en Davos, falouse dunha CUARTA REVOLUCIÓN INDUSTRIAL, que, como di nun importante traballo don Adolfo Castilla, doutor enxeñeiro do ICAI, catedrático da U. de Comillas, da UAM e, na actualidade, na Antonio de Nebrija, trátase da verdadeira entrada mundial na ERA DIXITAL.

É este mesmo profesor quen sinala unha serie de fenómenos tecnolóxicos que poden servir como canles de grandes revolucións no ámbito económico.

Ofrézolles algúns, cunha breve explicación, aínda que moitos de vostedes supoño que xa teñen deles referencias dabondo. Son estes:

SMART CITIES.- Cidades intelixentes. É un desenrolo urbano que vai responder ás necesidades básicas de institucións e habitantes.

INDUSTRIA 4.0.- É unha industria intelixente (aquí todo é intelixente!!), unha especie de “ciberindustria”, que parece que está dotada dunha maior flexibilidade para axustarse as necesidades.

INTERNET DAS COUSAS.- Refírese a conexión de obxectos de uso diario a internet.

BIG DATA.- Unha gran cantidade de datos, unha macro–capacidad para almacenar datos, superando o software.

BLOCK CHAIN.- É unha cadea con información articulada en bloques, á que é posible engadir información doutros bloques anteriores, establecendo un impacto informativo con algunha modificación nos bloques posteriores.

Descúlpenme este vocabulario, que ben se podía evitar se se depurara a nosa lingua de tanto neoloxismo e permítanme resaltar como importante revolución actual a que se coñece polas siglas NBIC (outra maneira de complicarlle a vida ao lector), acróstico de Converxencia Nanoloxía–Biotecnoloxía–Infotecnoloxía–Cognotecnoloxía, que son catro ramas da actividade científica, que converxen para coñecer mellor o cerebro, o pensamento e a intelixencia. PARA MANIPULALA...?!!.

Se a todo isto engadimos a integración de mentes e máquinas, incluíndo a manipulación do ADN, ata podemos ver alterados os modos como nacemos, vivimos, traballamos, ..., e, polo tanto, teremos que apandar cunha revolución de tal magnitude que non deixa descoidar a preparación para asimilar unha serie de cambios radicais na sociedade, aos que debermos de adaptarnos, creando novos protocolos de comportamento e adecuados paradigmas epistemolóxicos, ben estraños aos métodos de coñecemento habituais das diversas clases de realidades. As desorientacións conseguintes non serán remisas á hora de desencadear estados de incerteza e conmoción.

Aquí está a razón pola que, na primeira liña desta colaboración preguntaba de que era paliativa esa nova cultura. E penso que xa podo dicilo de maneira comprensiva: Debe paliar a conmoción que eses cambios radicais, tamén denominados “singularidades”, producirán no home / na muller, que necesitarán dunha asistencia cultural que lles permita facelos soportables.

Tamén o exposto nos parágrafos anteriores pode suxerirnos algunhas reflexións.

Tráigolles uns exemplos a este lugar: É admirable que xa Teilhard de Chardin, cando nin sequera se albiscaban os avances culturais que se produciron nas últimas décadas do século XX e nos poucos anos que levamos do XXI, fora capaz de intuír unha serie de ideas que ben pasan a ser consideradas precedentes do marco desta nova cultura á que fixen alusións.

O ilustre xesuíta, reflexionando que o home, un ser que non só coñece, senón que tamén é consciente de que coñece, coa súa aparición sobre a Terra, formou unha capa que antes non tiña esta: Cubriuna unha materia que alberga a conciencia, á que chama NOOSFERA (esfera do NOOS - contracto nous, en grego - intelixencia, mente, espírito), por tanto, unha esfera da reflexión e do pensamento, estendida no Planeta.

Tamén escribiu Teilhard sobre a PLANETIZACIÓN, e por ela entendeu todos os procesos culturais e sociais que tenden a unir aos homes a un nivel planetario, vencendo ós intereses individuais e de grupo, que ben puidera compararse co concepto actual de GLOBALIZACIÓN, se esta tivera un sentido tan ético como socio–político–económico. E non esqueceu prever a existencia dunha rede de comunicacións que cobren toda a Terra: hoxe internet e teléfonos móbiles, por exemplo. Estes medios de comunicación constitúen o que el chamou CO-CONCIENCIA ETÉREA, algo así como o “mundo–virtual” e o “ciber–espacio”.
Sería conveniente, igualmente, dicir algo acerca do PUNTO OMEGA; pero necesítase de moita máis extensión, polas súas implicacións teolóxicas, que son acredoras a unha sosegada e documentada reflexión, que seguramente nos remitiría ao que algúns estudosos chaman CONCIENCIA CÓSMICA.

Non parece, tampouco, impertinente reflexionar, neste complexo contexto, acerca das insensateces das poeiras políticas que se levantan para facer do poder un ingrediente patrimonial, a todos os niveis, cando se debería espertar a necesidade de ir preparando recursos paliativos que permitiran aos cidadáns adaptarse, cos menos traumas posibles, ás “singularidades” que, sen dúbida, incrementan as esixencias dunha cobertura de respostas culturalmente adecuadas. Pero unha arrogante irracionalidade impulsa a banalización do substancial, aplicándose a enredos accidentais, froito dunha miopía que impide ver como a ridiculez se potencia e resalta sobre un fondo de fuga de cuestións prioritarias.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES