Viva Galicia ceibe!
							Xiz, Xulio - martes, 02 de octubre de 2007
							  Hai uns días, no peche dunha obra, vin unha consigna que chamou a miña atención: Viva Galiza ceive(sic.), e veume á memoria a historia do lucense detido hai algo máis de corenta anos, por pegar nos escaparates da Avenida da Coruña pegatinas co texto Viva Galicia ceibe e socialista. 
Gracias ós bos oficios dun destacado político e avogado lucense, a cousa non foi a maiores. Aínda así, a prohibición de acceso á Universidade, condicionou toda a súa vida. 
Entón, Franco aínda forte, dar vivas a Galicia ceibe e socialista, era subversivo, delictivo, traición. 
Pasaron catro décadas. Galicia é socialista, ou alomenos o é o presidente do seu  goberno, e boa parte dos alcaldes dos concellos.  ¿Esta é a Galicia socialista coa que soñaban aqueles ilusionados loitadores contra o franquismo?. Galicia é ceibe de moitas ataduras, ten goberno de seu,  é dona de si para moitas decisións. ¿É esta a liberdade soñada?. 
Posiblemente alguén con anos e experiencia para xulgar na distancia podería dicir coma Ortega, Non é esto; non é esto. E sen embargo esta era a reivindicación. 
A pintada de hai uns días, non di nada de Galicia Socialista. Só reivindica Galicia ceive. O que fixo a pintada parece considerar que o resto xa está conseguido. 
Eu non quixera estar na pel do loitador de outrora,  por se este non era o seu soño. O das pintadas de hoxe, un pinzo, que nin sabe o que quere nin como se escribe.
							
							
 
							Xiz, Xulio
							                                
                                                                  
                                                                  
                                                        
				 
				Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los 
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de  la empresa editora