Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

E logho elas... que? (e 5)

martes, 12 de junio de 2018
8.- María Pérez Mellid
Pouco, pouquísimo en realidade, sabemos de María... unha das mulleres máis invisibilizadas entre as compañeiras de vida dos “ilustres”, malia a súa militancia comunista, que mesmo a levou ao cárcere.

Sabemos que naceu na Arxentina (non consta en que data) pero viviu desde nena en Galiza.

A comezos dos anos ’30 vivía en Curtis (A Coruña) e traballaba como empregada do fogar na casa de Isabel Ríos Lezcano (pola súa vez amiga dela) e do seu compañeiro Manuel Calvelo López, médico da localidade. Na altura comeza a relación de parella co que sería o seu compañeiro de vida, Benigno Andrade García, máis coñecido coma “O Foucellas”, un dos membros máis coñecidos (senón o máis) do Exercito Guerrilleiro da Galiza.

No 1934, Isabel (xa militante comunista desde anos antes), Manuel, Benigno e María fundan unha célula comunista en Curtis, onde viven ambas as dúas parellas, á que lle chaman “Sociedade Republicana Radio Comunista”.

Tras o golpe fascista, Isabel e Manuel son detidos (el fusilado pouco despois) e Benigno fuxe ao monte, como tantas outras. Para entón, a parella tiña unha filla de tres anos e un fillo recentemente nacido. Para se poder facer cargo da mantenza das crianzas e da so seu compañeiro fuxido, María comeza a traballar nun restaurante da mesma vila de Curtis.

Desde que Foucellas foi identificado como guerrilleiro, sobre 1941, as “visitas” da garda civil á casa na que vivían María, a súa filla e o seu fillo, en Curtis eran case diarias, a calquera hora do día ou, sobre todo, da noite. “Ímola separar dos seus fillos.

Vai acabar todo mal”, agoirábanlle. En febreiro de 1945, matan ao cabo da garda civil de Curtis e atribúenlle o feito a Foucellas. Con tal motivo María é detida e interrogada no cuartel e, entre outras medidas de presión, chéganlle a ofrecer cartos por delatar ao seu compañeiro, cousa que evidentemente non fai.

E logho elas... que? (e 5)En 1946, María viaxaba a Lugo transportando unha bolsa con propaganda comunista, cando foi detida pola garda civil. O feito de conservar a nacionalidade arxentina salvouna de ser condenada a morte. Metérona no cárcere da Coruña, onde estivo 10 meses e despois desterrárona a Valoria la Buena, unha pequena vila da provincia de Valladolid. Alí enfermou de gravidade, conta a súa filla que lle diagnosticaron un aneurisma e ingresárona no hospital de Valladolid.

A filla e o fillo fórona visitar, pero só puideron estar con ela uns días, xa que non tiñan cartos para permanecer máis tempo, así que, con toda a súa dor, regresaron á Coruña onde pouco despois recibiron a mala nova do pasamento da súa nai, que faleceu na máis completa soidade. Segundo indica a súa nora, probabelmente a pena de estar desterrada e separada da súa familia
contribuíu ao desenlace.

María Pérez Mellid faleceu en Valladolid, en 1948 (tamén non sabemos a data exacta), vítima da represión fascista. Despois, seguiu a ser vítima do esquecemento e da invisibilización. Recuperemos a súa memoria!

9. Josefina González Cudeiro
Coñecida coma Fina, naceu en Ourense, o 6 de outubro de 1918, no seo dunha familia republicana, formada pola nai e o pai, e por unha prole de tres fillas (Fina, Luísa e Maruja) e tres fillos (Ángel, Julio e Moncho).

Foi á Escola Laica Neutral de Ourense, onde fixo os estudos primarios e despois aprendeu a coser. Pouco tardou Fina en entrar na actividade política e social, afiliándose ao Partido Comunista, desenvolvendo a dita actividade sobre todo en Ourense.

Tras o golpe fascista, toda a familia González Cudeiro se implicou na protección de persoas perseguidas, acolléndoas moitas veces na súa propia casa, ata que puideran fuxir. En 1937, o fogar foi asaltado polos militares, levando presas ao pai, dous dos irmáns (Ángel e Julio) a Luísa e á propia Fina. O pai foi fusilado, os irmáns absoltos, e Fina e Luísa foron para o cárcere de Bande onde botaron 10 meses, nunhas condicións terríbeis. Contaban elas que primeiro pasaron semanas durmindo a carón do chan, sen colchón, nin mantas, nin espazo para se moveren, de tantas que eran; logo déronlles colchóns, pero estaban sempre mollados, coa humidade que había... mesmo a auga esvaraba polas paredes de pedra.

Desde que saíu en “liberdade” continuou coa actividade política militante, que compatibilizaba co labor de costureira. En 1944 trasládase a Madrid por motivos políticos, e alí coñece ao que sería o seu compañeiro: Antonio Seoane Sánchez.

Volveron á Galiza en 1945 para reorganizar a política e a guerrilla, ao ser designado Antonio responsábel militar do Partido e, en consecuencia, comandante da resistencia armada.

Entre os días 10 e 11 de xullo de 1948, deteñen once persoas, todas elas vinculadas co PCE, entre as que están Antonio Seoane Sánchez, José Gómez Gaioso, Juan Romeu Ramos, José Rodríguez Campos, José Ramón Díaz, Juan Martínez, José Bartrina Villanueva, María Blázquez del Pozo, Clementina Gallego Abeledo e Carmen Orozco Muñoz e a propia Fina, na rúa, preto da Praza de Lugo, cando acudía a unha cita cun enlace, detido anteriormente e torturado ata que declarou o lugar do encontro. A policía levouno ao lugar, despregando un dispositivo e, cando Fina chegou e se dirixiu a el, botáronselle encima e detivérona tamén. Na comisaría foron sometidas a toda clase de atrocidades, tanto elas coma eles... e tamén, tanto elas coma eles, non delatan a ninguén.

No consello de guerra (xuízo farsa clásico da altura), incluíron tamén outras dúas persoas detidas polas mesmas datas en Madrid Seoane e Gaioso son condenados a morte, sentenza que se executa pouco despois (concretamente o 8 de novembro). Fina sae cunha condena de 25 anos, dos que pasa 11 en varios cárceres do estado. Xulgada co protocolo da época –na indefensión-, Fina pasou once anos en varias prisións franquistas, entre 1948 a 1959 (A Coruña, Segovia e Alcalá de Henares).

Fina chegou a Segovia en decembro de 1948, “xusto a tempo” para participar na lendaria (e invisibilizada) folga de fame que protagonizaron as presas políticas do dito cárcere en xaneiro de 1949.

Fina conta que,en Segovia, ela recibía case todas as semanas un paquete con comida que lle mandaba a súa irmá Luísa e que case nunca lle chegaba. Luísa, que tiña que traballar de sol a sol para poder mercar os alimentos para Fina, descubriu que era un funcionario do cárcere quen se quedaba con eles. Despois dese episodio volvéronlle chegar os paquetes, pero era tanto o traballo que lle custaba gañar para mercar o seu contido, que Luísa renunciou a visitar a súa irmá (só foi unha vez), para poder investir os cartos en alimentala.

Despois da súa estadía en Segovia, trasládana ao cárcere de Alcalá de Henares, de onde sae en liberdade condicional a finais do ano 1959, cumprindo así 11 anos, dos 25 que lle foran impostos na sentenza.

Tras botar algo máis de un ano en Ourense, abafadas pola represión e angustiadas polas lembranzas, Fina e Luísa deciden emprender o camiño do exilio e marchan a Venezuela, onde xa estaban as súas irmás Maruja e Moncho desde había anos. Alí comezan a traballar de modistas, cosendo para particulares, ata que, xunto con outra parella tamén exiliada montan un comercio de roupa, que confeccionan elas mesmas.

Fina conta que nunca chegaron a adaptarse, sufriron varios atracos na tenda, que as deixaron sen nada, non se afacían ao clima e non se integraron nas comunidades galegas, polo que, cinco anos máis tarde, decidiron volver, para instalarse en A Coruña.

Alí seguiron coa súa actividade de costura, montando un taller na casa, desde a que cosían para particulares e máis para certas tendas de moda.

Fina e as irmás traballaron arreo durante o resto da súa vida, compatibilizando a costura coa militancia política, que Fina nunca deixou.

Josefina González Cudeiro faleceu na súa casa da Coruña, o 15 de outubro de 2012.

Tras a incineración do seu corpo, as cinzas foron soterradas no cemiterio de San Amaro, a carón do seu camarada e compañeiro de vida, Antonio Seoane Sánchez, e do seu camarada de loita José Gomez Gaioso, o 6 de novembro, na mesma data na que se cumprían 64 anos do asasinato deles.

10. María Josefa Andrade Pérez
Tamén non sabemos moito sobre esta muller, máis coñecida por Pepiña, que naceu en Curtis (A Coruña), en 1936, filla de María Pérez Mellid (citada anteriormente) e do guerrilleiro antifascista Benigno Andrade García, máis coñecido como Foucellas.

Nos primeiros anos da súa vida, Pepiña non ve practicamente a seu pai, xa fuxido naquela altura, polo que se cría coa súa nai, María e co seu irmán Sergio, tres anos máis novo ca ela. Relata Pepiña que unha das primeiras veces que o viu estaba disfrazado de soldado, deitado na cama da súa nai. Non o recoñeceu e enfadouse moito con ela, pensando que tiña un amante. Desde ese momento, dado que Foucellas nunca deixou de estar en contacto coa súa familia, víao de cando en vez, nalgunha casa na que estaba agochado, nalgunha romaría, ou mesmo no monte.

En 1946, tendo ela 10 anos, detiveron a súa nai, que botou 10 meses no cárcere e despois foi desterrada a Valoria la Buena (Valladolid) onde enfemrou de gravidade.

Pepiña, con 11 anos marchou co seu irmán Sergio a vela, mais só puideron botar uns días acompañándoa, xa que non tiñan cartos abondo para se manteren alá e tiveron que volver, para recibir pouco despois a mala nova do seu falecemento. Ao quedar soa co seu irmán, foron vivir (separadas) á casa de familiares próximas. Sergio á casa dunha tía e Pepiña á dunha prima.

Como Foucellas seguía fuxido, a Garda Civil presentábase na casa onde vivía Pepiña a calquera hora do día, ou nomeadamente da noite, preguntando polo seu paradoiro e facendo rexistros na vivenda. Debemos salientar que Pepiña, con 12 anos, orfa de nai e coa súa tía presa por lle ter atopado unha carta de Foucellas, presentouse soa perante o gobernador civil para pedirlle que deixaran en paz a súa familia. O gobernador díxolle que así sería, pero non cumpriu. A garda civil e os falanxistas continuaron co acoso.

Pepiña lembra o xuízo de seu pai, na Coruña. Ela estaba presente na sala, sentada pouco máis atrás que el. Di que estaba tranquilo, pero que negaba coa cabeza cando lle imputaban crimes que non cometera. Conforme estaba previsto, coma en tantos casos na altura, a sentenza (pronunciada mesmo antes do xuízo) foi a morte.

A noite anterior á execución, a policía foi buscar a Pepiña e a Sergio á casa onde vivían, para levalos onde o pai, pasar con el as últimas horas. Ela insistía en que bebera o coñac que lle puxeran diante, pero el negouse. Quería estar sobrio.

O 7 de agosto de 1952, despois de que os fascistas mataran a seu pai, foron ao cemiterio, agardar os restos para soterralos, pero ela púxose moi mal. Levárona ao médico. Ao día seguinte foi ao cemiterio e alí dixéronlle que estaba soterrado no nicho 312. Púxolle unhas frores porque o creu, pero enganárana. Foucellas foi soterrado nunha fosa común e ela non o soubo ata 1996.

Seis anos despois, Pepiña marchou a Francia. Non aturaba máis aquí. Unha vez aló, tivo que se pór a tratamento psiquiátrico, dadas as secuelas que deixara tanto sufrimento.

«El daño psíquico que nos hicieron nunca lo perdonaré. Nos destrozaron la juventud y todo porque una persona tenía unas ideas», dicía en 2008, cando veu a Galiza para os actos do centenario do nacemento de E logho elas... que? (e 5)Benigno.

De Francia marchou a Alicante e alí se instalou co seu compañeiro de vida. Alá segue.

11. María Blázquez del Pozo
Naceu en Madrid, en 1919. Non sabemos a data exacta, nin temos outros datos, por exemplo familiares. Cursou estudos primarios e despois Enfermaría, malia que no auto da súa detención en 1939 consta que é modista de profesión, coma a maioría das mozas detidas na altura.

En 1935, con 16 anos, afíliase á “Unión de Juventudes Comunistas de España” (UJCE) e en marzo de 1936, tras as eleccións nas que trunfa o “Frente Popular” incorpórase ás “Juventudes Socialistas Unificadas” (JSU), desde o mesmo proceso de unificación. Nas JSU desenvolve responsabilidades políticas importantes en Madrid, arredor do radio de Ventas, actividade na que bota os tres anos que durou o asedio fascista.

Ao longo deste período inicia unha relación de parella con Luís Villalobos Saelices, xornaleiro e militante comunista. En abril de 1939 é detida, xunto con outras militantes das JSU e levada á sede de gobernación, onde, malia o seu embarazo, é torturada salvaxemente. Segundo ela mesma lle relata a Tomasa Cuevas: “Chámome María Blázquez del Pozo e fun detida en abril do 39. Estaba embarazada da miña nena.

Torturáronme barbaramente e, entre outras cousas que me fixeron foi meterme nun baño e aplicarme correntes nos peitos. Condenáronme a 11 anos, mentres criaba a miña filla unha irmá miña, que me fixo moi mala prensa con ela, polo que ao saír do cárcere a pequena non me quería”.

Estando ela no cárcere, o 12 de xullo de 1940, é fusilado o seu compañeiro en Madrid, contra as tapias do cemiterio do leste. María estivo nos cárceres de Ventas, Durango, Bilbao e novamente en Ventas, ata que saíu en liberdade condicional en febreiro de 1943, reincorporándose á militancia no PCE. En 1944 coñece e inicia a relación co que será o seu compañeiro de vida, José Gómez Gaioso (alcumes de guerra, Juan, Carlos e López), que volvera recentemente desde o exilio en Cuba, para axudar na reorganización do Partido.

No verán de 1945, Gaioso e María son enviados polo PCE a Galiza, para desenvolver o proceso de reorganización do Partido e da Resistencia Armada, el como responsábel político e ela coma a súa asistente. Instálanse na Coruña e alí permanecen no seu traballo clandestino tres anos, ata a súa detención.

No ano 1947, o aparato represivo da ditadura infiltra na guerrilla o ex oficial (tenente) do exército da República Alejo Pablo Mora, que logra ser admitido na organización dicindo que o andaban a perseguir e facendo valer a súa condición de militar republicano. Comeza aí o proceso que remataría cando o suxeito en cuestión dá á Garda Civil a información necesaria para que, entre os días 10 e 11 de xullo de 1948, deteñan once persoas, todas elas vinculadas co PCE e coa Resistencia Armada en calidade de dirixentes, militantes e enlaces.

O día 10 deteñen a Antonio Seoane Sánchez, responsábel militar do PCE, no seu domicilio da Rúa Real, na Coruña. O mesmo día deteñen tamén a Josefina González Cudeiro, na rúa, preto da Praza de Lugo, cando acudía a unha cita cun enlace detido anteriormente. O día 11 deteñen a José Gómez Gaioso e María Blázquez del Pozo, Juan Romeu Ramos, José Rodríguez Campos, José Ramón Díaz, Juan Martínez, José Bartrina Villanueva, Clementina Gallego Abeledo e Carmen Orozco Muñoz.

As circunstancias da detención de Gaioso e María están vinculadas coas de Seoane.

Cando deteñen a este último, dous membros da “Brigadilla” da Garda Civil permanecen na súa casa, agardando. Ao día seguinte, María e Gaioso chegan alí, ignorantes da detención do compañeiro.

Ábrelles a porta un descoñecido e María, sospeitando o peor, bótase encima del e dálle tempo de escapar a Gaioso, escaleiras abaixo. A policía dispara e ambas as dúas resultan feridas de bala, ela no abdome e el na tempa esquerda, saíndolle a bala polo ollo do mesmo lado, esnaquizándollo. A María detéñena alí mesmo, levándoa en primeiro ao hospital. Gaioso sae á rúa e un policía municipal, alarmado polo sangue que está a verter, lévao tamén ao hospital, onde o deteñen pouco despois.

Todas as persoas detidas son sometidas a torturas brutais durante case dous meses.

No caso de María sen ter en conta que estaba embarazada, conforme se certificou no hospital onde fora atendida da ferida abdominal. Malia isto, tanto María coma o resto das detidas aguantaron todo canto lles fixeron sen delatar a ninguén.

A primeiros de setembro son trasladadas ao cárcere provincial da Coruña e o 18 de outubro celebrouse un xuízo farsa contra as once persoas.

Gaioso, Seoane e Bartrina son condenados a morte e, tras conmutar a de Bartrina, executan as outras dúas o día 6 de novembro, no propio cárcere.

A sentenza de María é de 25 anos, dos que cumpre 15 en diversos cárceres do estado; A Coruña, Segovia, Madrid, Málaga e Alcalá de Henares. En Segovia participa na folga de fame da que falamos anteriormente e débese destacar o feito de que, se o resto das presas reciben presións de todo tipo para que abandonen, ela recibe máis. Ao estar embarazada de 7 meses, tanto a dirección da prisión coma o crego da mesma chámanlle asasina continuamente, porque (dinlle) está a pór en perigo a vida do seu fillo, ao que vai rematar matando. Curiosa presión se temos en conta que o seu estado de xestación non lles impedira aos fascistas torturala brutalmente durante os dous meses que permaneceu nas dependencias da “Brigadilla” na Coruña, nin os induciu a coidar da súa alimentación e, en xeral, da súa saúde antes (nin despois) da dita folga de fame, nin evitou que a meteran nas temidas celas do baixo da prisión, como castigo pola súa folga de fame... Malia todo isto, María non claudicou; nin deixou a folga, nin asinou un documento “arrepentíndose” cando llo requiriron como condición para levantarlles o castigo. De feito, o parto produciuse en pleno período de “reclusión en cela” e por isto foi trasladada a Madrid, á prisión de nais lactantes.

Durante o tempo que coincidiu con Fina González Cudeiro, en diversos cárceres, ambas as dúas estreitaron o vínculo de amizade, que durou mentres María viviu. Ao saír en liberdade condicional, en 1963, puido comprobar, máis unha vez, que a súa irmá, que se fixera cargo da crianza da súa filla e posteriormente do seu fillo (nado en prisión), malmetera abondo contra ela, á que lle recriminaba “ter escollido” o seu compromiso militante, no canto de coidar das súas crianzas, que agora non a aceptaban. Desta maneira, tivo que se enfrontar ao rexeitamento da súa familia, con toda a dor que isto lle causou. Malia isto, o seu fillo, José Gómez Blázquez foi vivir con ela, pero, dous anos máis tarde, detectáronlle un cancro de mama. Ela decidiu trasladarse entón a París, onde sabía que tiñan tratamentos máis avanzados contra a enfermidade, pero esta xa estaba moi avanzada e non houbo nada que facer...

María faleceu en París o 15 de setembro de 1965, como consecuencia da enfermidade, probabelmente agravada (ou mesmo producida) polos malos tratos, o tempo e as condicións do encarceramento e o rexeitamento familiar.

12. Antonia Pardo Méndez
Antonia é a menos coñecida (tamén para nós) de todas as mulleres citadas neste texto. Nin siquera sabemos a data de nacemento, que só podemos situar entre 1889 e 1891.

Sabemos que casou en 1909 con Camilo Díaz Baliño, artista gráfico, pintor e escenógrafo, co que tivo tres fillos. Un deles, o moi coñecido Isaac Díaz Pardo. A familia reside desde entón en Compostela, na rúa das Hortas, na chamada “Casa da Tumbona”.

Antonia e Camilo incorpóranse ás Irmandades da Fala no 1918, onde ambas son moi activas. Antonia, igual có resto das mulleres citadas, está sempre a carón de Camilo, influíndo sobre el e a súa obra.

Tras o golpe de estado fascista, Camilo é detido e levado ao cárcere de Compostela.

Antonia acode a velo todos os días. Nunca llo permiten. Só collen o paquete que lle leva con comida.

O 13 de agosto de 1936, Antonia vaino ver, como todos os días. Dinlle que foi posto en liberdade, sen lle dar máis explicacións. Ela non o acaba de crer, porque está segura de que, de ter sido liberado, estaría na casa, coa familia. Tiña razón. Ao día seguinte, 14 de agosto, atopan o corpo nun foxo da parroquia de Meixide, en Cerceda.

Aconsellada por amizades e familia, Antonia trasládase cos fillos (Isaac e Mercedes) á Coruña, pero non pode coa dor e, aos dous días de chegar, sofre un bloqueo mental, adaptándose así ao sufrimento, a través da loucura, como tantas outras mulleres represaliadas.

A familia, ou o que quedaba dela, viviu na semiclandestinidade, na Coruña, arroupada polo irmán de Camilo, Indalecio. Pero aquela situación rematou con Antonia, que faleceu na casa que habitaban na Coruña, en 1938.
Ferreiro Díaz, Lola
Ferreiro Díaz, Lola


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES