Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

E logho elas... que? (4)

sábado, 09 de junio de 2018
6. María Dolores Miramontes Matos
Máis coñecida como María Miramontes, naceu en Guísamo (Bergondo - A Coruña)E logho elas... que? (4) o 6 de abril do ano 1895, no seo dunha familia labrega.

Tanto a súa nai (Antonia) coma o seu pai (Vicente) foron xornaleiras ata que marcharon vivir para a Coruña, sendo María aínda nena e, con só 11 anos de idade, iniciou a súa aprendizaxe de modista, nun obradoiro da Coruña.

Moi noviña, comeza a súa actividade política. Primeiro no eido republicano, da man de mulleres relevantes, como Elvira Bao Maceiras e Amparo López Jeán.

A súa actividade a prol da defensa da lingua tamén é moi relevante.

Incorpórase ás Irmandades da Fala e, en 1918, é unha das promotoras da súa “Sección Feminina”, que chega a ter moita sona, con máis de 200 socias, María forma parte da súa directiva, xunto con Avelina Fernández, Avelina Sardina, Elvira Bao Maceiras, Ermitas López Verdes, María Balboa, Micaela Chao Maciñeira, Rosa Martínez, Tareixa Chao, Teresa Fernández, Xosefa Vázquez e Xenoveva Casal.

Nestes eidos políticos e sociais é onde coñece a quen será o seu compañeiro de vida e de loita: Ánxel Casal Gosenxe, co que casa en 1920, convivindo ata o asasinato del, o 18 de agosto de 1936.

En 1927, María e Ánxel fundan “Nós. Publicacións Galegas e de Imprenta”, máis coñecida coma “Editorial Nós”, da que saen o xornal “A Nosa Terra”, órgano das Irmandades da Fala, e a revista “Nós”.

Na altura, María xoga tamén un papel relevante na creación dunha das “Escolas de Insiño Galego”, que son unha aposta lingüística e de renovación pedagóxica, inspiradas na filosofía da Institución Libre de Ensinanza.

Tras a proclamación da II República, María e Ánxel trasládanse a Compostela, para estaren máis preto do Seminario de Estudos Galegos, cuxas publicacións corrían a cargo da Editorial Nós.

María desenvolve unha intensa actividade cultural –en torno á “Editorial Nós” e “A Nosa Terra”- e política, dentro do Partido Galeguista (PG), ao que se afilia desde o momento da súa creación.

Tamén pula pola participación das mulleres na política, promovendo, xunto con outras militentes do PG un manifesto dirixido ás mulleres, que sairá publicado en “La Razón de Lalín” e “A Nosa Terra”. Conseguen tamén que “A Nosa Terra” abra unha sección fixa: “O recanto da muller”.

Toda esta actividade compatibilízaa coa súa profesión de modista e, coa súa creatividade e bo facer remata vencendo as resistencias das mulleres da burguesía compostelá a seren vestidas por ela.

Participa activamente na campaña do estatuto e mesmo forma parte da comisión que fai entrega do documento (unha vez aprobado por plebiscito) ao Presidente das Cortes e ao Presidente da República, en Madrid, o 17 de xullo de 1936, véspera do golpe fascista.

O día 21 de xullo, con Compostela (e coa maior parte de Galicia) nas mans dos fascistas, a parella marcha a Arzúa, pero Ánxel Casal, denunciado por un veciño, é detido o 4 de agosto, conducido ao cárcere e asasinado na noite do 18 ao 19 do mesmo mes. O seu corpo aparece nunha gabia da aldea de Cacheiras (Concello de Teo).

María marcha entón á Coruña, preparar a súa saída cara o exilio e recompilar toda a documentación, fotos e cartas que pode. En novembro do mesmo ano 1936 logra chegar a Lisboa e, desde alí, embarca rumbo a Bos Aires, onde conta co apoio dunha parte da súa familia, que emigrara anos atrás. Tamén conta con outras persoas exiliadas, como Luís Seoane, que chegara aló pouco antes e posteriormente con Maruxa Fernández, que casara por poderes con Luís Seoane e marchara ao exilio, reunirse con el. A afinidade ideolóxica e intelectual con esta xente contribúe á construción dun potente vínculo de amizade que resulta reconfortante para María.

Para vivir debe retomar a súa profesión de modista, coa que gaña os cartos necesarios para a subsistencia, pero sen esquecer nunca a súa actividade cultural e política.

María faleceu o 17 de setembro de 1964 en Bos Aires, no exilio, como tantas outras mulleres comprometidas cos causa das liberdades e da defensa da nosa lingua e da nosa cultura. Luís Seoane publicou unha nota necrolóxica sobre María Miramontes no xornal A Nosa Terra, en Bos Aires, en marzo de 1965. A partires daquelas datas, María ficou no esquecemento ata hai ben poucos anos, no que a súa memoria se comeza a recuperar por diversas mulleres do movemento feminista.

O día 6 de outubro de 2009, a xunta de goberno do Concello de Compostela, acorda pórlle o nome dunha rúa da cidade, sita no barrio de Conxo, a María Miramontes.

Asemade ten unha outra rúa en Narón, máis non colle dúbida de que María merece outros recoñecementos e, nomeadamente, que a súa memoria sexa recuperada en xustiza.

7. Amalia Álvarez Gallego
Amalia naceu en Lugo, o 10 de febreiro de 1906, sendo a quinta E logho elas... que? (4)dos seis fillos do xornalista, poeta e mestre Xerardo Álvarez Limeses e da súa dona Dolores Gallego.

Desde moi nena residiu en Pontevedra, cidade de orixe do seu pai e da súa nai.

Alí foi escolarizada, realizando os estudos primarios e o bacharelato, para ingresar despois na Escola de Maxisterio.

Amalia cantaba na Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra e alí coñeceu ao que sería o seu compañeiro de vida, Alexandre Bóveda Iglesias. Casaron o 20 de outubro de 1930. Tiveron tres fillas (Xela, Loli e Amalia) e dous fillos (Alexandre e Xosé Luis) e, no medio deles, Amalia sufriu un aborto.

Amalia e Alexandre botaban horas e horas falando, de literatura, de arte, da vida... Ela deixara sen rematar a carreira de Maxisterio debido aos embarazos e partos seguidos que tivo desde que casou, para se dedicar á crianza da prole, pero isto non lle impediu seguir lendo e formándose.

Pouco sabemos sobre a actividade política de Amalia pero, en calquera caso, ela sempre acompañou a Alexandre, material e emocionalmente, na súa andaina.

O 20 de xullo de 1936 deteñen a Alexandre Bóveda e, tras o correspondente xuízo farsa, por traizón e rebelión militar, condénano a morte o 13 de agosto e executan a sentenza na madrugada do 17, no monte da Caeira, en Poio, a carón de Pontevedra.

Amalia queda viúva, con catro criaturas e outra en camiño. Nin sequera pode asistir ao enterro do seu compañeiro (só van os homes da familia) e, desde logo, non lle pode facer dó, ao que se ten que repoñer para sacar adiante a súa prole.

Remata a carreira de maxisterio e ponse a dar clases nun local alugado mentres prepara as oposicións, á vez que crías as súas fillas e fillos.

Finalmente preséntase ás oposicóns, mais non ás de maxisterio, senón ás de facenda; gaña a praza e é destinada a Cádiz. Durante uns meses ten que deixar as fillas e os fillos repartidos polas casas de familiares, ata que ingresaron nun internado para fillas e fillos de funcionarios de Facenda, en Madrid, por ter sido esta a condición de Alexandre Bóveda.

Meses máis tarde conseguiu o traslado a Pontevedra, pero coa nova dor de perder a infancia das súas crianzas, internas en Madrid. A esta dor haille que unir as condicións nas que estaban as fillas, que non podían estar xuntas e, asemade, estaren marcadas polas monxas que rexentaban o colexio, por seren fillas dun “rojo”. Mesmo cando visitaba o colexio algún xerarca do réxime fascista, as máis pequeniñas eran encerradas nun cuarto mentres duraba a visita.

Amalia sufriu unha inmensa marxinación e soidade en Pontevedra. Contaba que un día, paseando con unha das súas fillas, abordouna unha muller (da familia!) que lle dixo... “Esta nena tan bonita é filla dese desgraciado?”. Noutra ocasión, unha presunta amiga cuspiulle no velo, berrando “Aí vai a muller dun asasino!”.

Amalia tardou moito tempo en falar coas súas fillas e fillos do que pasara con seu pai, ata que a máis pequena tivo 7 anos. O 17 de agosto, data da triste conmemoración, xuntounas a todas e contóullelo.

Anos máis tarde, coa súa amiga Cinta Rey, nai do tamén asasinado Víctor Casas Rey, fixeron unhas fotos na Caeira, onde mataran a Alexandre Bóveda e a Víctor. Amalia recolleu unhas cascas do piñeiro contra o que lle dispararon e gardounas nun pano. As fillas e os fillos atopáronas tras o pasamento da súa nai e, anos máis tarde, emprestáronas para a exposición “Memorial da Liberdade” (Compostela, 2006).

Amalia sempre participou nos actos de honra que se celebraron na Caeira na memoria do seu compañeiro. Tamén, tras a morte de Franco, nos de A Coruña e Pontevedra.

Amalia faleceu en Pontevedra, o 17 de novembro de 2001.

(Seguirá...)
Ferreiro Díaz, Lola
Ferreiro Díaz, Lola


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES