Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

E logho elas... que? (3)

jueves, 07 de junio de 2018
4. Maruxa Seoane
"A la vida no le pido más que me deje ver como queda toda la obra de Seoane y como reacciona la gente ante ella. Lo único que siento es que él no esté aquí para verlo".

Estas eran palabras de María Elvira Fernández López, máis coñecida como Maruxa Seoane, en vésperas da inauguración do Museo Luís Seoane, o seu compañeiro de vida, no ano 2003.

Maruxa naceu en A Coruña, o 24 de xaneiro de 1912, na casa familiar, sita na Rúa de San Andrés. A súa nai, Teresa López Mosquera, era tía de Luís Seoane López, pintor, artista gráfico, muralista e escritor. Nacionalista desde a súa xuventude. Desde moi nova milita ela tamén no nacionalismo, ingresando no Partido Galeguista en xullo de 1935.

En 1936, tras o golpe de estado fascista, Seoane vese obrigado a marchar ao exilio, instalándose en Bos Aires. Maruxa queda provisionalmente na Galiza e, en febreiro de 1937, casa con Luís por poderes, dada a oposición de súa nai a que marche a Arxentina sen antes casar. O 1 de marzo de 1937 embarca a Bos Aires camiño do exilio, para reunirse con el.

Maruxa desenvolve unha intensa actividade cultural, coa xente do exilio galego e, nomeadamente, exerce unha influencia decisiva sobre Seoane; na súa produción artística, na súa obra escrita e na súa vida persoal e social. O seu metódico labor permítenos ter o legado de Luís Seoane no país.

Asemade, a súa influencia na obra de Seoane é indiscutíbel. Estivo ao seu carón na realización de todas e cada unha das súas obras. Coñecíaas tan perfectamente que era quen de autentificalas ao primeiro golpe de vista.

Ela creo con el, indubidabelmente. Maruxa e Luís viaxaron por primeira vez a Galiza no ano 1963 e, desde aquela data, alternan estadías no país coa vida en Bos Aires. Regresan definitivamente en 1979, instalándose na Coruña, onde falece pouco despois Luís, de xeito repentino.

Maruxa inicia entón unha intensa actividade de recompilación e catalogación da súa obra. Viaxou ata dez veces a Bos Aires, para mercar os cadros de Seoane cos seus aforros e, así, logra reunir 230 óleos, que trae a Galiza. Uns en carpetas, de xeito clandestino, outros negociando autorización co goberno da Arxentina. En ocasións traídos con ela, noutras enviados en barcos mercantes á Coruña, Vigo, Bilbao e Lisboa.

En 1996, asina un acordo co Concello da Coruña, polo que se crea a Fundación Luís Seoane, cedéndolle á dita a obra do pintor (200 óleos, debuxos, gravados, a correspondencia, os libros, e outros documentos e obxectos persoais).

Non é ata 2002 no que se coloca a primeira pedra do que sería o edificio no que ten a sede a Fundación, que aloxaría o museo do artista e sería, asemade, un centro de arte contemporánea, no que se verían importantes exposicións e manifestacións doutras artistas.

Maruxa faleceu en A Coruña, o 25 de marzo de 2003.

Puido asistir á inauguración da sé da Fundación, conforme era o seu desexo, pero non a chegou ver en funcionamento.

5. Urania Mella Serrano
Naceu en Vigo, o 15 de novembro de 1899. Era unha das doce fillas e fillos do ideólogo E logho elas... que? (3)e activista libertario Ricardo Mella Cea, topógrafo de profesión e fundador do Sindicato de Tranvías (CNT) e de Esperanza Serrano Rivera, pola súa vez filla Juan Serrano Oteiza, tamén pensador libertario, fundador e director da Revista Social.

Urania medrou no seo dunha familia de fonda tradición anarquista, amante da cultura e, quizais por isto, chegou a ser unha muller moi formada, licenciada en Belas Artes e mestra de piano, con enormes inquedanzas sociais e políticas.

Desde moi nova axudou a aprender a ler e escribir ás mulleres que non sabían facelo e así desenvolveu un intenso labor de alfabetización, nomeadamente en Lavadores (na altura concello independente e posteriormente agregado a Vigo).

A mediados dos anos ’20 únese como parella con Humberto Solleiro Rivera, de alcume “O Chapapote” e teñen dúas fillas e dous fillos: Alicia, Conchita, Humberto e Raúl, educados nos mesmos valores que guiaban a cultura familiar.

Unha das principais vertentes da actividade política e social de Urania foi a defensa dos dereitos das mulleres, que a levou, entre outras cousas, a ser cofundadora e presidenta (en Vigo), en 1933 da UMA (Unión de Mujeres Antifascistas), correspondente no estado da Unión de Mujeres contra la guerra y el Fascismo, que fora promovida en Europa pola IIIª Internacional, tras o ascenso de Hitler ao poder.

Tras o golpe de estado fascista, Urania participou na defensa da cidade, concretamente na barricada do Calvario. Destruídas as barricadas e sabendo que andaban tras ela e o seu home, fuxiron xuntas, pero foron detidas pouco despois en Redondela e, tras o correspondente xuízo-farsa (consello de guerra por “rebelión militar”), condenadas a morte.

A casa na que vivían, en Lavadores, foi saqueada e os seus bens roubados e nunca máis restituídos.

A el fusilárono inmediatamente; e a ela conmutáronlle a pena por 12 anos de prisión, dos que cumpriu 9 no tristemente famoso cárcere de Saturrarán, en Mutricu-Guipúscoa -onde se rexistrou un dos episodios máis negros do roubo de criaturas a presas políticas-. Alí coñeceu e fíxose amiga de Pura (ou María) Gómez González, que fora a primeira alcaldesa de Galiza, concretamente no concello de A Cañiza (Pontevedra).

Pola súa vez, as fillas e fillos de Urania e Humberto foron acollidas pola familia Solleiro, de marcada ideoloxía dereitista e que, en consecuencia, apoiaran o golpe. Alí volveron as fillas (aínda nenas) contra súa nai e lograron que, tras a saída desta do cárcere (no 1944), non quixeran volver con ela... nin sequera vela. Decide entón ir vivir a Lugo, co seu fillo Raúl e coa familia da súa amiga Pura Gómez. Pero Urania estaba emocionalmente derrotada por todo canto tivo que sufrir, e fisicamente moi deteriorada por un tumor cerebral nunca atendido no cárcere. Por mor desta situación falece en Lugo o 26 de maio de 1945.

A partires do ano 2008, Urania Mella Serrano recibiu unha serie de recoñecementos (os máis deles incompletos ou eivados, pero recoñecementos ao fin: No ano 2008, o Concello de Vigo acordou pórlle o seu nome a unha rúa da cidade, no que fora o seu barrio, Lavadores.

Tamén no 2008, recibiu o nome de “Urania Mella” un bou construído para
recoller hidrocarburos vertidos no mar. A botadura foi unha cerimonia
presidida por “autoridades”, á que non foron convidadas, nin a familia de
Urania, nin activista ningunha. Alí mesturáronse polític@s do PSOE e do PP, e máis ninguén...

Agora, os políticos traizóannos. Acaban de botar un barco que leva o seu nome -Urania Mella- e non chamaron a ninguén da familia. Cando os vin no xornal brindando con champaña ao pé do barco que leva o seu nome quedei abraiada.

Era o momento no que podía cambiar a miña resposta (ver a resposta á que se refire no seguinte parágrafo de cita textual. Mamá, si que te quero e síntome orgullos. Pero ninguén da súa familia estivo alí. Só políticos en busca dunha boa foto. Conchita Solleiro Mella (2008).

En 2013, o dito bou foi reacondicionado para o almacenamento e subministro de combustíbel no porto da Coruña... seica “por falta de actividade”. Tamén foi rebautizado co nome de “Monte Arucas” (sería tamén por falta de actividade?).

En setembro de 2010, Txabier Larrategui e Josu Martíunez presentaron o documentario Prohibido recordar, sobre as presas políticas de Saturrarán, no Festival de Cine de San Sebastián, e no que participan as fillas de Urania e no que contan (entre outras cousas) como foron afastadas da súa nai: Cuando la dejaron salir de la cárcel de Saturrarán (País Vasco) vino a Vigo a vernos. Era el año 1944. Yo apenas tenía 12 años. Me cogió de los brazos y me miró a los ojos. Hija ¿me quieres?, me preguntó. No te conozco de nada, le respondí. Luego se marchó a Lugo, donde falleció al año siguiente a causa de un tumor y lejos de su familia.

Todavía hoy me arrepiento de aquella respuesta. Mi madre no se la merecía, pero yo no la conocí hasta años después de que muriera.

Siento que le debo algo y ahora los políticos nos traicionan. Conchita Solleiro Mella (2008).

O 15 de decembro de 2010, o ministro de xustiza do estado asinou a Declaración
de reparación e recoñecemento persoal ao seu favor... con todas as eivas da (chamada) Lei de Recuperación da Memoria Histórica que, entre outras cousas, non promove nin ampara a declaración de nulidade dos xuízos-farsa, nin investigación e a reparación universal e de oficio dos crimes do franquismo.

(Seguirá...)
Ferreiro Díaz, Lola
Ferreiro Díaz, Lola


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES