XLVI Semana de Música do Corpus de Lugo (e 4)
Otero Canto, Xosé - jueves, 07 de junio de 2018
Luns, 28 de maio. Casa do Saber da USC. Hora 20,30. Massimo Spadano, violín.
Fernando López Pan, clave
Apreciacións sobre a Sonata Op.5, nº 12 La Folia de Arcangelo Corelli
Sic transit gloria mundi.
Musica donum dei
Rómpese a alma en notas de cansazo, e a folla de outono baixa silente entre as árbores que se quedan núas, pero agora os spiccatos flúen na rampa das follas abaladas polo vento do violín e as notas do clavecín que sucan espazos.
O violín manda, rompe, racha a esgalla o outono tan rápido como un Vivaldi de verán; unha, outra e as demais; fortes, sinxelas, lúcidas e agarimosas brandindo e esculcando a luz entre a folla, que se debulla en formas e carreiras, que nunca víu o seu alíado, o vento forte que as leva e arremuíña nos parques en loitas de beleza.
Tristeza, sempre tristeza, e dozura, sempre dozura e sentimentos. Luz, aire, seres que bailan ao seu compás e senten a marcha e os devaneos e delirios da folla entre os vales e os recovecos do xardín, de acordes mimados polo floreo das notas bébedas de beleza e de andainas, empuxadas polas mans dun mago, Spadano, e do seu compañeiro López Pan, que fala da natureza que se esperta diante da beleza sonora das follas repartidas polo aire e polo silencio du tempo perdido, entre a historia e o eterno retorno dun violín que remexe entre as follas, para sacarlles o zume dos deuses e entregarllo aos oíntes, nunha loucura asonante de arcos en movemento doce e distante.
(Escrito mentres se escoitaba aos dous mestres)

Otero Canto, Xosé
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora