XLVI Semana de Música do Corpus de Lugo (3)
Otero Canto, Xosé - miércoles, 06 de junio de 2018
Luns, 28 de maio. Casa do Saber da USC. Hora 20,30. Massimo Spadano, violín.
Fernando López Pan, clave
Apreciacións sobre a BWV 1015, Sonata para violín e clave de Johan Sebastian Bach.
Sic transit gloria mundi.
Musica donum dei
Está Deus aquí, baixou entre nubes no solpor álxido da música friccionada por arcos de luces e cordas enfiadas de melancolía, e vén baixando entre máxicos cabalos alados en socalcos de aire brando, macio e imposíbel, cruzando éteres estiñados de feitizo e meiguería.
Bondade, pracer, empatía e verdade, abránguennos, cércannos para gozar nun todo de sensacións e de complicidade. Estanza de harmónicos e de notas que reptan arrastradas polas fachadas empedradas de beleza en edificios barrocos cargados de adornos dentro das corcheas e fusas acompasadas.
Andante viscoso como a auga caendo en gotas na mar tranquila dun agosto quenturento, solpor de notas dun día cargado de calores estivais, e as notas . . concordando, libando amenceres sinxelos na tranquilidade mórbida dun sono esquecido que non esperta nin se dorme. Estado mental interior nun bocado dos deuses.
Presto estamos chegando a un final rápido, de notas e embarque de sensacións dirixidas á carencia e á suavidade dos recordos envidiados pola clave e recordados polo violín, que Spadano cuida e reinventa na súa consciencia interpretativa, e quizás tan medida que supón unha verdade a medias, pero nunca un corazón desaborido, senón medido e distanciado. Trinos de paxaros e luces de vida saen dos seus adentros de melancolía.
(Escrito mentres se escoitaba aos dous mestres)

Otero Canto, Xosé
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora