XLVI Semana de Música do Corpus de Lugo (1)
Otero Canto, Xosé - sábado, 02 de junio de 2018
Apreciacións sobre a BWV 1016, Sonata para violín e clave de Johan Sebastian Bach.
Luns, 28 de maio. Casa do Saber da USC. Hora 20,30. Massimo Spadano, violín.
Fernando López Pan, clave
Sic transit gloria mundi.
Musica donum dei
O clavecín carpe-carpindo notas en burbullas de auga, que resulta caída a cachón, acompasadas das frebas dun violín exasperado, alporizado con preguntas e respostas de dous amigos que se queren e se aman buscando ser un a resposta sen chegar do outro, en allegros e adagios de tristeza medida e pensada.
Notas carpidas, digo, e arrastradas pola estrada dos pentagramas, sacudindo sensacións cósmicas e estados febriles destacados en loitas e arrandeos corpóreos de luz e de silencios que penetran coma doces cravos nos corazóns namorados de melancolía sublimada ata a tristeza.
Xa chega o allegro como un caldeiro revertendo notas que se estrelan nun fluído de luz perfecto, nunha loita entre Spadano e López Pan, sen vencedores nin vencidos, nunha igualdade cósmica rebereteada en notas embelesadas en pequenos acordes, rítmicos e cadenciosos, de harmonías condescendentes buscando a procura dun final.
(Escrito mentres se escoitaba aos dous mestres)

Otero Canto, Xosé
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora