Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Na República dos Tres Vales

Requeixo, Armando - sábado, 02 de junio de 2018
Hai libros que non demandan unha lectura, senón demoradas relecturas. Obras ás que non se lles espreme todo o zume na primeira prensada, textos sobre os que cómpre volver para tirar deles o líquido máis Na República dos Tres Valessabedeiro.

Así me aconteceu a min coa novela A raíña das velutinas, de Lionel Rexes. Tiven a sorte de poder lela de primeiras e de axudar a distinguila como parte do xurado do Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey. Naquela ocasión descubrira xa nela a habelencia para o deseño das fías da trama, o acerto na recreación de atmosferas e personaxes, a destreza para os diálogos e treitos descritivos, mais non alcanzara aínda outros estratos de significación que agardaban por unha nova visita ás súas páxinas.

Veu ese novo encontro da man da presentación da obra na terra do autor, quen amigablemente me convidou ao acompañar en data tan sinalada para el. Foi nese novo profundar nos seus ríos subterráneos cando implementei a visión do amplo océano que discorría baixo as súas planas. E del quero contar agora.

Hai nesta A raíña das velutinas unha espiral de harmónicos narrativos que entrelaza en moi agradable timbre, unha coral polifónica de fórmulas e rexistros que empastan nunha ben fina e unísona melodía de voces. A novela de aventuras, a narrativa policial, o relato sentimental, a narración sobre a memoria, a escrita sobre a resistencia do maquis, o contar telúrico e aínda pasaxes de teor social e mesmo transreal coctelizan nesta obra que desafía calquera rigor taxonómico.

Unha casa de turismo rural nunha idílica parroquia mindoniense. Un entusiasta grupo de asistentes a unhas ‘Xornadas para a memoria e as restitucións democráticas na rexión dos Tres Vales’ que xunta o derradeiro maquis vivo, parentes doutros resistentes e admiradores destes. Unha estraña parella de rapazas que se aloxan tamén nesa Casa da Penela e que se presentan como enviadas pola Consellería de Medio Rural para combater a praga das velutinas. A inminente visita da raíña Letizia a Mondoñedo. Velaí as tres tanzas principais que se entrecruzan nun ir e vir de tensión en aumento para lograr imantar o lector dende as páxinas iniciais.

Porque nesta novela nada é o que parece e a paleta ten máis grises que brancos e negros. Todo se reformula en tempo real. As relacións que se establecen entre os personaxes fan abalar as súas conviccións, a convivencia modula as ideoloxías e a forza da Terra e dos afectos converte en posible o imposible.

Podería determe en ben distintos aspectos que considero un logro desta primeira novela de Rexes, mais abondará con destacar apenas tres achados deste que teño denominado thriller telúrico-sentimental: a solidez da súa inscrición na mellor escola narrativa mindoniense (con ese fantástico achado do territorio da República dos Tres Vales: Mondoñedo, Lourenzá e O Valadouro); a consecución dunha prosa de altura expresiva, de contención deliciosa, adornada coa galanura de mindonesismos enxebres; e a creación dalgúns personaxes de indiscutible tallado, moitas veces abalantes entre o real e o imaxinario, tal o fantástico e visionario Simón, o vello anfitrión Fuco, a volcánica e intuitiva Marta.

Non se pode principiar con mellor pé. Dáse en Lionel Rexes o preciso para o éxito: tempero para a ideación de estruturas narrativas; capacidade para a ensamblaxe do real e o ficcional; e instinto para atopar a música das palabras precisa que acompañe unha boa historia. Aí o está para confirmalo A raíña das velutinas, unha novela para regalar(se) nestas datas próximas e en toda hora.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES