Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sinódica luz

miércoles, 30 de mayo de 2018
Comenzamos coa estupenda interpretación de Ruth e Xiana González, na
sempre evocadora e un pouco melancólica sonoridade do acordeón, de Negra Sombra, o inmortal poema de Rosalía, que tan ben soubo musicar Xoan Montes Capón, logrando a perfecta simbiose entre poesía e música.

Deste xeito e con esta Presentación queremos celebrar o inminente Día das Letras Galegas 2018, este ano adicado a M.ª Vitoria Moreno Márquez, poeta, tradutora e tamén profesora como o poeta que hoxe nos acompaña.

Desde a Editorial 'Cuestión de Belleza' temos o pracer de ver cumprido un soño, un desexo longamente agardado, cal é editar o noso primeiro poemario en galego. Como editorial con sede en Ourense, e dedicada á poesía, este desexo era case unha necesidade, máis se cabe polo recoñecido prestixio histórico da nosa lingua no mundo da Literatura lírica.

E presentámolo nunha librería de prestixio, a librería Eixo de Ourense, que xentilmente distribúe todo o noso catálogo de libros, que chega a dez títulos. A Javier Ibáñez e ao seu equipo, Mónica e María, queremos agradecer a súaacollida.

Para chegar a este momento de ledicia, fai uns meses convocamos o I Certame de Poesía Galega, do cal podemos hoxe dicir que quedamos moi satisfeitos, tanto da cantidade de participantes como da calidade das obras presentadas, máis aínda cando se esixía unha obra considerable: non menos de 800 versos.
Sinódica luz
O poeta gañador, que hoxe nos honra coa súa presenza, Xosé Otero Canto, natural da Ponte de Outeiro nese anaco da Terra Chá chamada Valuria, entre Cospeito e Castro de Rei. Poeta, escritor e Catedrático xubilado de Lingua e Literatura castelá no Instituto Lucus Augusti.

“Trátase dun coñecido, e recoñecido, poeta chairego pero é moito máis que iso; un escritor prolífico, un argalleiro das palabras, un profesor vocacional e, ademais, un impagable recitador e estupendo orador” palabras de Felipe Arias Vilas, gran arqueólogo desas terras, no prólogo ao libro Valuria. Eu só podo engadir que ademáis é unha persoa moi afable.

Este poemario fai o número trece (ou doce + un, para algúns) da súa obra publicada, que comenza en 2006 con Salaios dá chaira (Fundación Manuel María): Arelas de prata e soños, ISCHA 2008.
Guía poética da muralla de Lugo, 2010, Concello de Lugo.
Miño, río pai e amigo, 2010, Irmandade Manuel María.
Outono, mancebo céfiro de ás ergueitas, 2010, Espiral Maior.
Poemas da cidade, 2010, Follas Novas.
Nenias chairegas, 2013, Alvarellos Editora.
Poética da viaxe, 2012, Iescha.
Valuria, 2015, Irmandade Manuel María.
As Catedrais, portas do misterio, 2016, Concello de Ribadeo.
Telúrica, 2017. Alvarellos Editora. Libros do Sarela.
Muralla, lúa chea imperial,2017.Concello de Lugo
Sinódica luz, 2018. Editorial Cuestión de Belleza. Ourense.

Unha obra que, como ben di na lapela do libro, recibiu abondosos premios literarios, máis de vintecinco, dos que nomearei algúns:
Certame Literario "A Pipa",
Certame Nacional de Poesía sobre "O Nadal" Begonte
Certame de Poesía "Terras de Chamoso"
Mención de Honra no Certame Internacional de Poesía e Conto Breve
convocado polo Centro Cultural Rosalía de Castro de Buenos Aires
Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez López. Paradela
Certame Literario de Vilalba.
Certame Literario Rosalía de Castro en Cornellà de Llobregat, Barcelona
Certame de Poesía Galega "Editorial Cuestión de Belleza" Ourense

A obra gañadora, que hoxe presentamos, leva por título Sinódica Luz: un poemario que constitúe unha orixinal e prismática ollada cara ás luces máis íntimas do ser humano: as súas emocións (Alteración do ánimo intensa e pasaxeira, agradable ou penosa, que vai acompañada de certa conmoción somática).

Faio descompoñendo esa luz interior, coma se fose un prisma (como aquela mítica portada de Pink Floyd, A cara oculta da lúa, que moitos lembraredes); e cada nova luz, cada cor que compón o conxunto, é un escintileo das profundidades da alma, ordenadas polo poeta en catro Eidos, coma se fosen os catro elementos básicos do mundo: Eido do Gozo (7 luces), Eido da Soidade (12 luces), Eido do Baleiro (6 luces), Eido do Desacougo (15 luces).

Todos os poemas son luces, e todas as luces son poemas, nos que vai
debullando con verso longo a irradiación sinodial todas esas formas da luz, compre suliñar cunha asombrosa e intensa riqueza léxica que potencia a profundidade e rotundidade da súa mirada poética, coma un bálsamo para os ollos, e que fan coma esos reflexos nacarados das cunchas mariñas máis fermosas.

E como non hai luz sen sombras, a segunda parte da obra contrasta rotundamente coas Luces ao laminarnos contra a escuridade, que o poeta chama Mar Global, augas que nos asolagan. Unha diatriba furibunda, socialmente comprometida, eu diría que indignada, contra os grandes males sociais que estamos a sufrir: a inxustiza, a desvergoña, o noxo e a corrupción, que desgarran as sociedades occidentais neste tempo que estamos a vivir.

Unha mirada profunda sobre o Ser Humano, coas súas emocións, e as súas máis fondas escuridades. As luces, Sinódica Luz, e as sombras, Negra Sombra, de Xosé Otero Canto.

Nesta cadeira baleira tiñamos previsto que estivese Pilar Fernández-Pinedo, coeditora e ilustradora deste libro. Pediume que desculpen a súa ausencia debido a problemas familiares de moita gravidade. Como eu non son artista, son incapaz de explicarlles o proceso creativo das ilustracións (ela tiña previsto una instalación) polo que me limitarei a lerlles un pequeno texto do artista danés Olafur Eliasson, en cuxa obra, especialmente nos seus libros de cristal onde a luz vai creando cores dunha páxina noutra (que están expostos na Galería Ivorypress de Madrid, propiedade de outra ourensá ilustre, Elena Ochoa), inspirouse para estas ilustracións:

"Si yo fuera un libro, sería poroso y tendría agujeros. Sus habituales coordenadas, como interior y exterior quedarían liberadas (...) Propondría al lector que leyera en todas las dimensiones y esperaría que no olvidara inspirar profundamente y que dejara que las palabras circularan de su cabeza a sus pies, echando raíces en su cuerpo" Olafur Eliasson. Leer es respirar es devenir.

Cedo xa a palabra ao poeta Xosé Otero, entregándolle o Diploma de gañador do noso I Certame de Poesía Galega. Cos nosos Parabens!

Moitas grazas a todos por a vosa asistencia, especialmente a Yolanda López, poeta, que ven desde A Coruña, coa que temos un fermoso proxecto en marcha; a Xiana González, e a sua nai Ruth, por poñer a Música neste acto.

Ao rematar, o poeta vai asinar exemplares para todos os interesados.
Pechamos o acto, en homenaxe pois ás Letras Galegas, á nosa Cultura, con outro poema, ó de Pondal, musicado por Pascual Veiga, que sen dúbida coñeceredes todos.

(Palabras do editor, Arturo R. Camba, na presentación do libro SINÓDICA LUZ, de Xosé Otero Canto, na Librería Eixo de Ourense, o 10-5-2018).
R. Camba, Arturo
R. Camba, Arturo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES