Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Cristo 'Manazas' de Monte Medo

viernes, 01 de junio de 2018
Testemuñas da Memoria:
O Cristo 'Manazas' de Monte Medo

Desde que inicie esta sección de Testemuñas da Memoria levo escritas 96 reportaxes, que versaron todas elas sobre personaxes de carne e óso. Esta, a 97, tamén versará sobre uns personaxes, aínda que un deles -o causante e o máis protagonista deste artigo- é, en concreto, inanimado. Pero real, inmenso e “divino”. Hoxe toca escribir sobre unha escultura.

Se hai dous lugares emblemáticos na miña vida, estes son Baños de Molgas e Os Milagres. Dentro dos Milagres está o colexio. E dentro do colexio hai unha escultura que me impresionou sempre e que incluso me deixou marcado: a do Cristo da capela. Hai que poñerse en situación: un cativo de 11 anos, ante un Cristo inmenso, enorme, sen cruz, de bronce e colgado duns cables. Un Cristo que non era, que non é como os das igrexas convencionais. Normal que me deixase marcado. Naquela idade e cunha nai case beata. E aínda me deixou máis marcado cando unha vez o Padre Graña nunha misa ou nuns “exercicios espirituais” (xa non lembro ben) volveuse cara á escultura e co seu brazo dereito estendido e sinalando ó Cristo soltou aquilo de: “por que tedes aí a ese manazas...”. Así lle chamou. Rímonos pero quedei apampanado, abraiado. Chamarlle manazas! Oficialmente, o nome da escultura seica é O Cristo do Monte Medo, pero desde o instante mesmo en que O Graña lle chamou daquela maneira, para un servidor quedou así bautizado: O Manazas.

Sinceramente, este nome cádralle ó xeito, vaille ben. Porque, xa digo que a escultura é colosal, pero hai certos trazos, certos elementos que destacan sobradamente, e, si, especialmente as mans. Cada vez que lle miraba para elas víñaseme á cabeza que pasaría se na realidade levases unha labazada cunha man desas. A solución era sinxela: que unha “torta” desas mandábate ó sono eterno. O dos cables tamén era outro detalle que me marcou, aínda que axiña comprendín que tiña que ser así, que os cables tiñan que substituír á cruz, polo que era normal que fosen uns bos cables para poder suxeitar esa mole.

O Cristo do Monte Medo ou O Manazas esculpiuno Joaquín Rubio Camín, en 1970, e concibiuno a gran escala en consonancia coa especialidade da igrexa de nova planta, realizada por Luis Laorga (hai pouco publiquei un Recuncho Hebdomadario sobre este arquitecto). Como dixen, o Cristo é de bronce fundido e instalouse colgado na ábsida de dous fortes cables de aceiro enriba do altar maior. Os volumes do corpo e trazos físicos do crucificado (sen cruz, claro) simplificáronse bastante e elimináronse moitos detalles para potenciar a valoración do tratamento dos volumes mediante esmagamentos e concavidades, segundo a doutora en Historia da Arte Ana Johari Mejía Robledo. Polas referencias que teño, O Manazas é unha das maiores e máis impresionantes esculturas en bronce que fixo Camín.

Joaquín Rubio Camín foi un artista polifacético, pois a maiores de escultor, foi pintor, deseñador, fotógrafo e académico. Nacera en Xixón o 11 de setembro de 1929. Tras estudar no colexio Corazón de María, iniciou a súa carreira artística como pintor a iso dos 17 anos. A súa primeira exposición como pintor data de 1948 e nese período de posguerra plasmou sobre todo paisaxes de suburbios. En 1951 marchou para Madrid e, alí, os primeiros anos andou coa cruz ó lombo (a que non lle fixo ó Manazas?), é dicir, pasounas apertadas. Non obstante, catro anos máis tarde xa acadou o Premio Nacional de Pintura. Aí é nada! Expuxo os seus cadros principalmente en Arxentina, Portugal e o noso país.

Máis tarde, xa na década dos 60, nunha viaxe que fixo a Londres para realizar unha pintura mural, “descubriu” a que sería a súa actividade máis recoñecida: a escultura. Nesta traballou con practicamente todos os materiais: desde o cobre ó ferro, pasando polo bronce, aluminio e mármore. Tamén axiña se lle concedeu, en 1962, o Gran Premio de Escultura no Certame Nacional de Artes Plásticas e a súa obra tería difusión internacional ó presentarse nas Bienais de Sao Paulo e de Venecia.

En 1975 regresou a Asturias e fixou a súa residencia en Valdediós, concello de Villaviciosa, onde o contacto coa natureza fixo que se aplicase, que se entregase á madeira para acadar un vigor similar ó que conseguira co ferro. Tamén retomou a pintura, agora cunha temática máis naturalista, e a artesanía co deseño de móbeis, o mosaico, a vidreira, a fotografía, os elementos urbanísticos e arquitectónicos, así como a ilustración, pola que recibiu en 1988 o Premio Nacional do Ministerio de Cultura.

A finais do 2007, na súa cidade natal, morría Joaquín Rubio Camín, ós 78 anos de idade. Un ano máis tarde, unha iniciativa de amigos e admiradores conseguiu que a súa figura se distinguise e se honrase cunha zona verde en Xixón, onde se atopa tamén unha escultura do artista realizada con pezas rescatadas do barco fundido Castillo de Salas.

Agora, eu, tamén honrarei sempre a súa memoria de Camín porque foi o home que máis me impresionou ante unha escultura relixiosa. Pola súa grandiosidade. Pola súa suntuosidade. Pola súa orixinalidade. Pola forma da crucifixión. E pola ocorrencia do Graña.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania