Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

E logho elas... que? (1)

lunes, 28 de mayo de 2018
Nesta altura todas concordamos en que a visibilización das mulleres na historia é unha das grandes cuestións pendentes no camiño cara á igualdade. Elas sempre foron excluídas; colectivamente, na medida en que non se citan os seus logros desde a mesma prehistoria -cando descobren a agricultura, mudando así o rumbo da humanidade- ata os procesos revolucionarios dos últimos séculos -nos que as accións que desenvolveron foron a espoleta para o seu inicio- pasando por todas as etapas intermedias. Se os seus logros colectivos foron invisibilizados, moito máis o foron os individuais, condenando así ao esquecemento as autoras de valiosísimas pezas musicais, obras literarias, investigacións científicas e, nomeadamente, as filósofas e ideólogas que achegaron importantes análises sobre a opresión dos seres humanos, moi particularmente das mulleres.

A historia foi, ata non hai moito tempo, escrita exclusivamente por homes, que “esqueceron” (e continúan a esquecer) incluílas, facendo así un auténtico exercicio de violencia simbólica. Desde hai anos veño facendo un calendario que pretende achegar un humilde grao de area á recuperación da súa memoria, dos seus logros e das súas vidas, sumando a un proceso de moitas que persegue colocalas no lugar que lles corresponde.

Este ano, vai de mulleres moito máis invisibilizadas se colle. As compañeiras de vida dos “ilustres”. Ilustres intelectuais, ilustres mil
itantes, ilustres artistas... e elas, tamén ilustres militantes, ilustres intelectuais e grande influencia na obra deles, seguen a ser, nos máis dos casos, unhas descoñecidas. Vai por elas!

Como queira que dúas das citadas (Fina González Cubeiro e María Blázquez del Pozo), foron durísimamente represaliadas xunto cos seus compañeiros de vida, o meu caro amigo Mero (Baldomero Iglesias Dobarrio), sabendo da miña intención, compartiu xenerosamente conmigo un poema escrito por el (e que se pode cantar con música de romance), que lembra aqueles terríbeis feitos. Agora compártoo eu (co seu permiso, claro!) con todas vós.

NO ANO 48.

No cárcere da Coruña aínda se oen berros xordos
que reclaman a memoria e a dignidade do pobo.
Os patriotas galegos erguéronse coma lobos
por iso ecoan no vento as súas voces sen acougo.
Naquelas sombras de pedra, daquela prisión do loito
na cela número catro, consumíase Gaioso.
Escribíalle á familia: “nin sequera un triste choro,
nin un só abatemento, diante destes cans rabiosos”.
Tamén lembraba Seoane, na primeira galería
a catro heroicas mulleres que se xogaban a vida.
Eran María e Carmen, Josefa e Clementina,
no ano corenta e oito, apoiaron a guerrilla.
Elas foron confidentes, foron soporte e mais guía,
elas foron pedestal, foron os ollos que vían
para soportar ergueitos a humillante vilanía
dos que verdugos da lei, cometían inxustiza.
Todas sufriron tortura, tragaron aquel tormento,
de pé agardaban a morte, souberon gardar silencio.
Non houbo mellor semente diante do horror e do medo
e o que as súas voces pedían, aínda resoa no vento.
Garrote vil porque aman a liberdade sen tregua,
garrote vil dos que temen que haxa alguén que por si pensa!
Aínda hoxe aquel xuízo está firme e sen condena
semella que tras da noite, a verdade é prisioneira!


Mero, outubro de 2007 (Baldomero Iglesias Dobarrio).

Para relatar cantando, agardando reposición e lembrando a súa dignidade.

1. Virxina Pereira Renda
Naceu na Estrada (Pontevedra) o 19 de outubro de 1884.

E logho elas... que? (1)Foi a sétima filla da familia formada por Camilo Pereira Freijenedo e Peregrina Renda López, e inscrita como Virginia, Nicolasa, María de Gracia, Tomasa Pereira Renda.

Non sabemos moito da infancia e da mocidade de Virxinia, precisamente porque é unha das invisibilizadas, pero supoñemos que sería formada coma unha “señorita” de familia acomodada: o que se chamaba “cultura xeral”, “labores” de bordado e habelencias para o goberno da casa.

En 1909 coñece en Compostela ao que sería o seu compañeiro de vida, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A familia de Virxinia, de ideoloxía conservadora, non ve con bos ollos a relación, que remata por aceptar cando el remata a carreira de medicina e se establece en Rianxo. Casan en 1912 e, en 1914, nace quen será o seu único fillo, Afonso Xesús de Praga.

A vida de Virxinia estivo indisolubelmente vinculada á de Castelao desde que formaron parella. Sempre na sombra, sempre invisíbel. Primeiro en Rianxo, onde el exerceu como médico unha tempada, ata que decidiu deixar a profesión. Logo en Pontevedra, onde se estableceron, xestionando os escasos recursos económicos da familia e coidando do seu fillo (feble de saúde) e do seu home, que sufriu o primeiro desprendemento de retina.

Encara soa o coidado de Afonso Xesús (“Pachucho”) cando Castelao marcha cunha beca que o leva a diversos países de Europa.

Tras o pasamento do seu fillo, en xaneiro de 1928, a parella debe xerir a súa dor.

Virxinia segue a carón de Castelao, coidando del, que vai perdendo vista por mor dos seus problemas de retina. Acompáñao nunha segunda viaxe, neste caso pola Bretaña (Francia), ao recibir unha nova bolsa para estudar as cruces daquela zona.

Uns anos máis adiante, en outubro de 1934, no período coñecido coma “o bienio negro”, Castelao é desterrado a Badaxoz polo goberno de Lerroux, e ela acompáñao nesta andaina, na que botan case un ano, ata setembro de 1935, data na que a parella volve a Pontevedra.

A vida de Virxinia estivo sempre a carón da de Castelao, ao que acompañaba sempre, especialmente desde o pasamento do seu fillo. En xullo de 1936, a parella é sorprendida en Madrid polo golpe fascista. Alí viaxaran para formar parte da “Comisión do Estatuto” e alí tiveron que quedar ata finais do mes, datas en que, tamén xuntos, marcharon a Barcelona e despois a Valencia, a onde se trasladara o goberno da República.

En abril de 1938 fan unha viaxe oficial á URSS, onde botan un mes, desenvolvendo unha visita cultural. A partires de 1938, a parella inicia unha xira por varios países de América, comezando por Nova Iorque e outras cidades de USA, para continuar en Cuba. Alí ambos os dous desenvolven unha gran actividade socilitando axuda para a República e, xa en 1939, en USA, solicitando axuda para as persoas refuxiadas que
fuxían da represión fascista.

Botan un ano vivindo en Nova Iorque ata que, en abril de 1940, reciben a carta de residencia en Arxentina, e instálanse definitivamente en Bos Aires, en xullo de 1940.

Os recursos económicos dos que dispoñen son escasos e Virxinia administra coidadosamente os cartos que lle corresponderan na herdanza da súa familia e que lograra pasar no momento no que comezan o exilio.

Isto permítelles alugar un apartamento e vivir modestamente.

En 1949, coa vista xa moi deteriorada, diagnostícanlle a Castelao un cancro de pulmón.

Desde este momento, Virxinia non se separa do seu lado, e dispénsalle persoalmente todos os coidados necesarios, desde a alimentación e a hixiene ata os de enfermaría, subministrándolle as medicinas, poñéndolle as inxeccións e animándoo ata os seus derradeiros intres; primeiro na súa casa e despois no hospital do Centro Galego de Bos Aires, onde falece o 7 de xaneiro de 1950.

Foi soterrado no cemiterio de Chacarita, no panteón do antedito Centro Galego. Desde aquel momento, Virxinia organiza a parte do legado de Castelao que este construíra na Arxentina: debuxos e apuntes, escritos e mesmo o material que usaba para crealos. Pola súa vez, viviu arroupada polas súas amizades do exilio, que sempre coidaron dela, pero isto non abondou para que non sentira unha inmensa soidade, sen o seu compañeiro e sen o seu fillo.

Quizais por este motivo decidiu viaxar a Galiza, a comezos dos anos ’60, visitar a tumba de Afonso Xesús en Pontevedra e trasladar os seus restos ao cemiterio de Figueroa, na Estrada, onde quería que a soterraran a ela cando chegara a hora. Parece que a tumba fora profanada, e ela recolleu os ósos que quedaban e fixo o traslado.

A segunda viaxe fíxoa Virxinia en 1968, xa falecido o seu irmán Ángel, aloxándose na casa da súa cuñada Herminia Agulló Barral, viúva de
ste. En agosto de 1969 sufre un pequeno accidente (foi arrolada por unha bicicleta) que, xunto co desgaste que xa tiña, rematan por deteriorar de vez a súa xa delicada saúde. Nese estado marcha a Salamanca á casa da súa sobriña Vita. Alí permaneceu uns meses ata que foi trasladada a un hospital de Madrid, onde faleceu o 23 de decembro de 1969, acompañada polo seu irmán Camilo e a súa sobriña Vita.

A nova do seu pasamento pasou case desapercibida e foi soterrada no cemiterio da Almudena coa soa compañía da súa familia máis próxima, aínda que en Bos Aires recibiu, días máis tarde, o recoñecemento dos centros galegos da cidade. Anos máis tarde, en 1986, os seus restos foron trasladados á Estrada e soterrados a carón dos do seu fillo, no cemiterio de Figueroa, conforme fora o seu desexo en vida.

Pero a Virxinia non só lle debemos que o legado de Castelao no exilio chegara ata nós, senón que, co tempo, púxose de manifesto a súa dimensión literaria, nomeadamente como epistológrafa, conforme se reflicte nas cartas que lle escribiu a Ramón Otero Pedraio e á familia deste, entre 1948 e 1957 estudadas e postas en valor por Ana Acuña Trabazo (profesora da UVIGO), e editadas por Xesús Alonso Montero.

Algúns recoñecementos (nunca abondos) foi recibindo Virxinia Pereira Renda. Entre eles, destaca o que cada ano lle ofrece o colectivo “Herbas de Prata”, grupo de mulleres de ascendencia galega coas que tiven a honra de desenvolver un programa de formación hai anos. O dito colectivo instituíu o “Premio Virxinia Pereira” (representado por unha camelia) ao traballo anónimo daquelas galegas que co seu labor privado contribuíron ao desenvolvemento dos seus e souberon sementar neles o amor e respecto pola súa orixe galega.

Pola súa vez, o Concello de Pontevedra ven de instituír o Premio Virxinia Pereira de banda deseñada a favor da Igualdade.

(Seguirá...)
Ferreiro Díaz, Lola
Ferreiro Díaz, Lola


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES