Lembranza do mestre Lugilde
Fernández, Suso - lunes, 28 de mayo de 2018
Don Manuel albergaba,na súa figura miúda, unha grande calidade humana e unha vocación polo ensino ó que dedicaba todos os esforzos e permanente atención.
Foi un adiantado ás novas técnicas pedagóxicas; a través das actividades extraescolares, as labores en equipo, etc. Na súa escola realizábanse traballos manuais nos que era un experto -, aprendíase música e o dominio de instrumentos de corda: guitarra,banduria, laúde e ensaiábanse a coro cancións galegas tradicionais.
Na aula dispuña dun pequeno museo natural, ó que ían a parar os mais heteroxéneos elementos dos que os alumnos recibían as correspondentes leccións. Moi afeccionado á pintura, copiaba obras de grandes artistas: Velázquez, Murillo, O Greco
que penduraba das paredes e comentaba cos rapaces. Representaban obras de teatro, por él dirixidas e algunhas tamén escritas. Destas a mais popular é a titulada De vello
gaiteiro, que na actualidade foi representado polo grupo teatral O Pico do Castro por toda bisbarra, con notable éxito.
As súas ensinanzas tiñan unha orientación eminentemente práctica, con vistas ó futuro desempeño dos diversos oficios, que eran a máxima aspiración dos xoves de entón; daí a importancia da xeometría, a aritmética, agrimensura e o debuxo.
Amante da natureza, nas camiñadas por camiños e corredoiras; polo campo e a beiramar, espertaba nos rapaces o interese polo medio natural e a súa conservación.
Cando a aventura do Plus Ultra - o hidroavión español que o ano 1926, por primeira vez atravesou o Atlántico sen facer escalas -, en tempos de tan pecarios ou inexistentes medios de comunicación e información, os discípulos de don Manuel eran coñecedores dos pormenores da travesía¸e o profesor artellou unha maqueta do histórico aparato que por moito tempo permañeceo pendurada do teito da aula.
Polo mes de abril de 1984 este cronista publicou a semblanza humana e profesional de don Manuel polo que suxería ó concello o recoñecemento á súa persoa. Os membros da Corporación, capitaneados entón por Pepe Paz,tomaron nota e, cinco meses mais tarde,consumábase a homenaxe. Fíxose unha exposición cos cadros que él pintara; coas vellas fotografías das que fora autor: recortes de prensa e outros testemuños do seu fecundo labor; e divulgouse a súa biografía: dende entón unha rúa, pretiño da que fora a súa escola, leva o nome de Mestre Lugilde. Nacera en Lugo (1885), chegou a Foz(1921)e aquí finou (1948). Él foi un significado persoeiro da historia escolar da nosa vila. Lembrámolo con agarimo e gratitude.
Don Manuel Lugilde Penelas era curmán do músico lugués, don Gustavo Freire Penelas, que da nome ó Conservatorio daquela cidade.
(Suso Fernández é Cronista oficial e Fillo Predilecto de Foz)

Fernández, Suso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora