Entre o logos e o inconsciente
Rubal, Pedro - jueves, 24 de mayo de 2018
Non quixera que pensaran, amigos lectores, que pretendo, como soe dicirse coloquialmente, sentar aquí cátedra; pero aportar opinións, máis ou menos fundamentadas e, polo tanto, discutibles, sen pretensión de impoñelas, senón de intentar defendelas, non parece incorrer en afouteza. Xustamente por isto, atrévome a afirmar que talvez exista algunha correlación no emprego do termo suxeito, cando queremos referirnos a unha persoa cun certo menosprezo, evidenciando que o noso inconsciente vétanos un trato deferente, e tamén se fala dese individuo no mesmo sentido desprezativo, e repito, algunha correlación co uso que algúns políticos, deliberadamente, fan do sintagma este país, para evitar nomear a España.
Eu diría que, filosoficamente, a frecuencia da referencia ao suxeito está relacionada coa debilitación do interese pola persoa humana, e tamén con ese antihumanismo do que se fixeron eco algúns intelectuais cataláns, como é o caso de Eugenio Trías, cando menos considerado por algún tempo como estruturalista, porque primaba nel a negación da realidade persoal, e incluso Xavier Rubert de Ventós que chegou a afirmala como unha realidade residual, aínda que este filósofo más ben pensa que non somos sequera suxeitos, senón más ben estamos suxeitados polas circunstancias.
De este filósofo catalán ofrécenos Carlos Díaz no seu libro La última filosofía española, Editorial Cincel, S.A., Madrid l.985, p.112, unha cita que considero pertinente nesta colaboración. Di así:
Este suxeito flotante e conxuntural non nos aparece só atrapado entre as estruturas do logos e do inconsciente; moito antes e máis inmediatamente vese cercado polo sistema que esta estrutura inconsciente forma coa estrutura social...Eu, no centro, quedo observando como se pasan a pelota por medio ou por encima de min, sen que eu mesmo poda nin teña xa que intervir no xogo.
Certamente, a persoa humana está pasando por unha etapa de crise, e non só de crise de valores, senón tamén da súa propia realidade persoal, que, cando menos, ten dous momentos, consistencia e subsistencia, que se ven seriamente comprometidos, porque polo momento de consistencia especifícase e individualízase como home / muller, e polo de subsistencia pertence a si mesmo, posúese a si mesmo. Así, pois, non debería comprometer a súa especificación, nin a propiedade de posuírse a si mesmo.
Esencialmente, o home, a muller, non perden unha certa consistencia nin unha certa subsistencia, o que si perden, ou debilitan, é o verdadeiro peso e sentido da consistencia, e escurécese a subsistencia, o sentido da súa propia posesión: No primeiro caso, convertido nun mero suxeito flotante e conxuntural que, como di R. de Ventós, pasando do logos, da razón, déixase cercar por ese sistema que constitúe a estrutura inconsciente coa social. Un bo exemplo, penso que o temos na excesiva entrega ás mascotas, ata o extremo de centrar nelas unha atención, a veces, superior á das persoas do entorno, incluso familiares. E administrativamente regúlase a biodiversidade con descoido evidente do espazo vital das persoas, e senón pregúntenllo aos agricultores: Existe un tufo ambiental que reduce os valores da persoa, ontolóxica e operativamente, e ata parece que os irracionais acadan graos na escala.
Este tufo ambiental esparéxese con resultados diversos polo mundo, segundo as peculiaridades de cada país, e naqueles que contan con problemas do nacionalismo, os elementos constitutivos deste vense exacerbados nalgúns contextos, nos cales poden tamén verse reducidos a meras manifestacións de tipo folclórico, recorrendo unha gama de actitudes que van desde o odio, á segregación e á toda clase de conflitos armados. Depende, naturalmente, do maior ou menor grao de inconsistencia persoal, e do de madurez da personalidade, forxada no despegue do acto vital único (como di Zubiri), a través do tempo, nunha especial sinerxía da vida vexetativa, sensitiva e intelectual.
Isto élles moi complexo, e para expresalo coloquialmente adoitamos dicir que o home / a muller son un tanto misteriosos e bastante imprevisibles á hora de actuar e comportarse. Así, persoas aparentemente normais, cunhas boa dotación, tamén aparente, de sentido común, xustifican como ocorreu co nacionalismo fascista a súa imaxinada superioridade con fundamentos étnicos.
E, como escribe o profesor Querol Sanz, da Universidade Carlos III de Madrid, na p.16 da obra Postfascismos: O fascismo é a política convertida en escenografía .... Vexan as escenografías dos independentistas cataláns, hoxe presididos? polo evidentemente inconsistente, insubsistente e de hipotecada personalidade de Quim Torras: Unha indignidade persoal a quen aínda non lle ensinou a experiencia que hai tempo para falar e tempo para calar!!.
Máis arriba fixemos referencia ao uso dos termos suxeito e individuo, para manifestar un certo desinterese pola persoa humana. A estrutura inconsciente enmarañada na complexidade da estrutura social, que goberna a esfera dos sentimentos e manipula o ámbito axiolóxico da persoa, opera mediante impulsos que, apartados do control da estrutura do logos, por utilizar as expresións de R. de Ventós, levos ao contexto social para resaltar o desprezo a unha España soberana, utilizando o termo país, que se considera menos concreto e un tanto impreciso, e evitan chamar polo seu nome (incrible infantilismo eufemístico!!) aquilo que odian ou lles repugna.
Algo terá que ver con isto, digo eu, a carraxenta incontinencia lingüística dalgúns independentistas cataláns cando se refiren a España e aos españois, desde o estrado da ilegalidade, con bestiais descualificacións; pero hai unha mensaxe moi peculiar, a profusión de bandeiras, ás que a escritora india Arundhaty Roy chama rectángulo de tela coloreada, en relación a que, Antonio Pineda, Jorge David Fernández e Adrián Huici, coordinadores de Ideologías política en la cultura de masas, publicada en Tecnos, 2.018, en nota ao pé da páxina 274, recollen unha cita moi suxestiva desta escritora india, cuxo tenor literal en castelán é este:
Las banderas son rectángulos de tela coloreada que los gobiernos utilizan primero para envolver las mentes de sus ciudadanos a fin de impedir su crecimiento y que sean capaces de pensar por sí mismos, y luego como sudarios ceremoniales para enterrar a los muertos.
Substitúan gobiernos por independentistas e extrapóleno ás manifestacións cataláns, sen excluír outras antes do affaire do chalé por aquilo da casta, en cuxa esaxeración crítica incorren os medios e aproveitan os líderes para fortalecerse nun populismo impertinente, pero eficaz a hora de espertar os sentimentos cara ós lategados: Laica relixiosidade procesional!
Para terminar. O patriotismo non debe ser un instinto que odia, nin unha inquietude que se apaga só coa pelexa, nin unha teima por acadar o que non corresponde, senón unha virtude que propicia a fraternidade cidadán, atende as necesidades da indixencia e da tranquilidade e sosego aos concidadáns. E isto non é unha oración. É un obxectivo para dar unha digna saída a inevitable dualéctica do mal e do ben, a esa coimplicación dos opostos, pois así como non se concibe o branco, senón en contraste co negro, só o ben se conceptúa por contraste co mal: Hai que achantar cos dous (de aí DUAléctica, e non DIAléctica; e descúlpenme esta pedante aclaración, por se fora necesaria).

Rubal, Pedro