Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As aventuras de Gombó

jueves, 24 de mayo de 2018
Como queira que xa estamos no mes de Nadal e o Señor Apalpador anda a poñer a zamarra para baixar das súas montañas visitar as nosas nenas e nenos, coido que ha ser de utilidade que lle asubíe a tan venerable personaxe e os seus axudantes algún título de mérito que poida traer nas súas alforxas.

Penso que o entrañable ancián e os seus axudantes han quedar moi ben se carrexan ata o lar dos máis miúdos dous títulos: Gombó e o medo á escuridade e mais Gombó e a viaxe á lagoa, escritos por Ánxela Gracián e ilustrados por Christian Villamide.

As dúas primeiras entregas desta serie teñen como protagonista o elefante Gombó, unha cría de paquidermo que debe aprender os misterios da vida na sabana e vencer todos os obstáculos e dificultades que nela atopa coa axuda de súa nai, a elefanta Gomboa, e, sobre todo, coa súa afouteza e decisión.

Estamos, por tanto, ante uns álbums infantís que servirán non só para que os máis novos se divirtan coas intrépidas aventuras do elefantiño, senón tamén para que aprendan unha morea de valores positivos entre os que a amizade, a solidariedade, a capacidade de superación, a valentía, o amor á familia, a tenacidade ou a capacidade de autonomía resultan ser realidades que se trasladan con intelixencia e creatividade a este lectorado.

Alén do innegable atractivo destas moi amenas historias e da notable capacidade para comunicar toda esa aprendizaxe emocional, a serie dos Gombó sorprende tamén polo celmoso do seu léxico, agradando tamén a estilística depurada, os períodos ben redondeados e a complexidade da aparente inxeleza.

Deseñados cunha arquitectura de contos acumulativos de estrutura circular, hai moito nestes relatos de oralidade, de conto contado no que se reiteran fórmulas para facilitar a retención de personaxes, escenarios e situacións, o que sen dúbida ha de resultar máis que conveniente para a aprendizaxe destas historias por parte dos nosos cativos e cativas.

E se a prosa dúctil e colorista de Gracián ofrece aquí un tapiz máis que lucido, non brilla con menor intensidade o labor de ilustración de Villamide, quen se serve dunha técnica moi elaborada, que incorpora os recortes de cartolina de cores diversas e o xogo da superposición destes para recrear as andainas de Gombó nunha explosión de ocres, verdes, azuis e malvas que compoñen un acaído diálogo visotextual que, de seguro, fará as delicias dos pequenos e pequenas que cheguen a ter entre as mans estes álbums.

A execución material deste relato verbal e icónico correu a cargo de Fervenza Editorial, casa á que debemos outros meritorios volumes e que, nesta ocasión, gozou da axuda tanto institucional (por man da Secretaría Xeral de Política Lingüística) coma privada (a empresa Queixos Hoxe), que sumaron forzas para patrocinar a publicación destes títulos que semella han ter continuidade en novas entregas da serie.

Tomade nota, señoras e señores axudantes do Apalpador, e facédovos con este Gombó e o medo á escuridade e mais Gombó e a viaxe á lagoa. Habedes de dar moitas alegrías e, de paso, levalas vós, que as festas que veñen son datas propicias para ler en familia belas e tenras historias como estas das que aquí deixo recado.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania