Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O prezo dun paseo

martes, 22 de mayo de 2018
Agora que semella que o bo tempo se irá asentando… invita a pasear. Invita a percorrer a nosa cidade, considerada unha das máis accesibles de Galicia. Accesibilidade que tamén inclúe a muralla, un fito na nosa loita porque se dicía que era un monumento “intocable”.

Retomo o de pasear porque para algunhas persoas ten un prezo. Este feito tan común supón un esforzo económico, a veces, non facilmente asumible. Seguro que me entenderán mellor se lles digo que as baterías dunha cadeira de rodas custan tres veces máis que a batería dun coche. Estou a falar duns 400 euros. Cansamos de reivindicar e de repetir que as axudas técnicas que precisamos non son caprichos. Son necesarias para complementar as limitacións físicas.

É obvio dicir que uns zapatos moi cómodos para unha persoa poden non selo para outra. Pois a reforma do catálogo de prestacións ortoprotésicas da Seguridade Social contempla medirnos a todos por igual. Vexamos un exemplo de maneira moi sinxela: subvencionan uns modelos de cadeiras de rodas, se non se adaptan á persoa, esta terá que pagar a que lle veña ben integramente. Nin se admite, como mal menor, abonar a diferencia sen entrar na consabida “picaresca”. Outro matiz incomprensible: subvencionan a máis pesada, entendendo por máis pesada o dobre da máis lixeira (oscila entre 6 e 11 quilos). Será para que a maiores dificultades, se faga máis músculo.

O motivo é porque o Ministerio de Sanidade fixou un tope máximo a financiar. Para beneficiarse das axudas hai que adquirir un dos produtos que se inclúen no catálogo ou renunciar á subvención e pagar o adecuado na súa totalidade.

Por se isto non fora suficiente, temos que engadir a disparidade entre as Comunidades Autónomas en canto ao contido das prestacións, como se facilitan e como se abonan. Ata se necesita sorte para iso porque fíxense que, dependendo da Autonomía, o custe da mesma axuda pode oscilar entre 200-300 a máis de 1000 euros. O Ministerio lávase as mans deixándolles a última palabra e lonxe de solucionar o problema, continúa agrandándose. Sempre toca aos máis débiles.

Remato coas palabras dun representante do movemento asociativo. Dicía que non se pode entender un país que “racanea” uns miles de euros en axudas básicas para que unha persoa teña unha mellor calidade de vida, cando os seus deputados dispoñen de tablets ou teléfonos de última xeración.
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES