Que ledicia tan grande para todos! É unha honra para min estar hoxe nestas paraxes do SantAlberte, camiño de romeiros cara a Santiago.
Este centro de peregrinacións de toda a redonda ao noso Santo da Fala a

onde chegan aínda hoxe mudos e entangarañados, cegos e tatexos, presos e esmoleiros.
Aquí está a Nosa Señora da Pastoriza. Con festa grande e romaría, no primeiro domingo de agosto.
Aquí chegou de peregrino o poeta dos Vilares de Parga, Xosé María Díaz Castro. El, coma o tempo, tamén veu de Parga á Pastoriza, e así xa se entende mellor o poema de Penélope.
Parga, Guitiriz, Terra Chá. Terra onde naceron tantos poetas, escritores, artistas, escultores, etc.
Aquí no SantAlberte, da man do noso benquerido Alfonso Blanco naceu esta versión literaria e moderna desta festa da fala.
Pido para Alfonso moita saúde, moita gratitude e un fortísimo aplauso.
Nestes prados, desde hai pouco mestos arboredos, criouse Xaquín Campo Freire.
San Xiao de Roca, cadra da outra beira do río, a terra que o veu nacer. El é Xaquín de Xaquín de Roca.
Coidando das vacas aproveitaba o tempo e o silencio para latines e filosofía, mesmo para a reflexión e a oración. Aquí encontrou o marco máis adecuado para ler La Casa da Troya de Alejandro Pérez Lugín e as mellores obras de Shakespeare, que na súa imaxinación creativa, el as vía aquí representadas.
Sempre gostou moito do teatro e da poesía.
Na homenaxe a Xaquín Campo Freire, polos 80 anos, Xermolos de Guitiriz e o grupo Ganduxando vidas editamos este libro: Ganduxando Vidas.
Aquí fala moita xente da vida e das vidas que Xaquín foi capaz de ganduxar, unir e fiar ao longo de tantos anos.
O libro vale moito a pena. Xaquín e a súa amizade moito máis. Sabémolo ben cantos na vida tivemos a sorte de coñecelo.
Por certo, hoxe e aquí, nestes intres, está a cumprir os seus xa 81 anos. Parabéns, amigo Xaquín!!
(Nieves Espiñeira é animadora do colectivo GANDUXANDO VIDAS, e estas palabras corresponden ao acto da presentación do libro colectivo en homenaxe a Xaquín Campo Freire, efectuada ao pé do santuario do San Alberte de Parga,na súa Festa da Fala, o 20 de maio de 2018)