Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sergio Vences, filósofo comprometido coa verdade

viernes, 18 de mayo de 2018
Testemuñas da memoria:
Sergio Vences, filósofo comprometido coa verdade

A filosofía. Nunca me gustou a filosofía. Quizais porque na miña época había outra forma de estudar. No meu caso aínda peor, pois creo recordar que cando a estudamos foi xa en 6º de bacharelato e eu fíxeno nun libro de meu irmán Manolo, que me leva oito anos (xa sabedes que, agora, os libros non valen dun ano para outro). Daquel libro non entendía nada. E de toda a materia só se me quedou unha cousa que nos dixo de palabra o padre Graña: “a sorte non existe; as cousas son ou non son”. Máis ou menos. A ver, si, sei quen é Sócrates, Rousseau, Platón e Kant, pero despois están eses alemáns que teñen apelidos impronunciables e, claro, quítanche as ganas de furgar no mundo filosófico. E menos mal que apareceu por aí o libro “El mundo de Sofía”, de Jostein Gaarder, que durante un tempo me fixo pasar moi boas tardes e chegando a amar incluso a filosofía.

Por desgraza ese parágrafo xa non o pode ler Sergio Vences Fernández, que, o máis seguro, sería que esbardallase dos meus entendementos filosóficos. E con razón. Porque Sergio Vences si foi un auténtico filósofo e un gran personaxe cultural que eu, tamén por desgraza, descubrín hai pouquiño. E de forma casual: fochicando pola Internet buscando datos ou cousas do meu Baños de Molgas.

Porque Sergio Vences Fernández naceu en Baños de Molgas, máis en concreto en Vilariño de Lama Má o 22 de setembro de 1936. Era o quinto de seis irmáns; cinco homes e unha muller. O pai de Sergio pódese dicir que era un home adiantado ó seu tempo, xa que sempre quixo que todos os seus fillos estudaran, e nos anos 30 iso xa tiña mérito de carallo. Ata quixo que a única filla o fixera tamén (muller estudando naqueles anos... uff), polo que a quería meter nas monxas, mais a delicada saúde da dona da casa e a situación de ter cinco homes á cargo, máis o marido (que non axudan nada nas labores, nas tarefas das casas, e dígoo por experiencia), non lle quedou outra que deixala a cargo do fogar. Os homes si que se dedicaron a estudar. Xunto ós curas, claro. E algúns saíron sacerdotes, pero Sergio...

Pero Sergio Vences non quixo cantar misa e fuxiu porque non soportaba ós da sotana. Marchou para Madrid e alá se matriculou na Universidade ó mesmo tempo que facía o servizo militar. Estudaba dúas carreiras a un tempo: filosofía e dereito, aínda que esta deixouna logo de tres anos “porque non lle atraía nada”, segundo me confesou unha sobriña súa. Sergio coñeceu a unha alemá e para ese país marchou. Ela fíxose profesora de instituto e el foi lector de español nas universidades de Colonia e Duisburgo entre 1969 e 1983. Tamén foi redactor, locutor e tradutor para Radio Nacional de Alemaña para o Exterior, motivos polos que entrevistou a grandes persoeiros como Camilo José Cela, Madariaga, Halffter, Labordeta, Buero Vallejo e Arrabal, entre outros.

Cando escribiu o seu libro “La voz y el caminante”, foi Cela quen llo publicou. Quixo probar sorte na universidade de Santiago, pero como non se atopaba a gusto, volveu axiña para Alemaña. Mais ó divorciarse, volveu outra vez para a capital de Galicia. E como seguía sen se acomodar en Santiago, optou por largar definitivamente para a universidade da Coruña, onde volveu casar cunha profesora de maxisterio.

Segundo palabras dun colega seu, Sergio Vences Fernández “era todo un personaxe transgresor, provocador, burlón, sarcástico, crítico e denunciante das normas sociais e das limitacións ó home, cidadán do mundo”. Bo coñecedor e amante da literatura, publicou libros de poesía (a citada “La voz y el caminante”, 1969, e “De la memoria al sueño”, 2003); narrativa (“Nas profundas augas do esquecemento”, 2011, que se refire ó río Arnoia e é algo así como unha autobiografía); ensaio (“Los caminos de Martin Heidegger. Filosofía del lenguaje en el siglo XX”, 1993, e “Vislumbres de utopía”, 1995); e teatro (“Platón suspende la selectividad”, 1994). Esta obra chegou a representala no teatro Rosalía de Castro da Coruña cun grupo de alumnas e alumnos. O texto critica as probas de acceso á Universidade de forma provocadora e con moita retranca.

Sergio Vences colaborou así mesmo en diversas revistas e xornais, como Romanische Forschungen, Papeles de Son Armadans, La Nueva España, El Correo Gallego, El Ideal Gallego, La Opinión, etc. Chegou a traducir a Dietrich Bonhoeffer, Frederik Hetmann e Edmund Husserl.

A Universidade da Coruña rendeulle unha homenaxe en 2006 co libro “Pensar en tiempos de oscuridad”. Sergio Vences Fernández faleceu o 20 de decembro de 2012, á idade de 76 anos, na máis completa intimidade. Este Testemuñas é a miña homenaxe a un filósofo e escritor molgués que se distinguiu polo seu compromiso cívico coa verdade e que fixo do sarcasmo a súa bandeira.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania