Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 16 de mayo de 2018
Mala sorte para Mercedes!

En todos as partes cocen fabas. Ata no meu Baños de Molgas querido. No ano 1910 debiamos ser de armas tomar. Porque alá polo mes de xullo o alcalde da localidade seica lle solicitou por escrito ó ministro da Gobernación a creación dun posto da Garda Civil, para poder atender e garantir a orde en todo o concello, a maiores dos demais servizos propios do Instituto. Pero o alcalde non as debía ter todas consigo, é dicir, que non lle deberon facer moito caso. Mal feito! Se houbese o “cuartelillo”, ó mellor non habería roubos nin outras falcatruadas pola contorna. E non habendo posto da Garda Civil, xusto un ano máis tarde, tivo que ser a de Maceda a que detivese a Mercedes Conde Carballo, de 21 anos, solteira, natural e veciña de Baños de Molgas, que lle roubou cincocentas pesetas Pingas de Orballo(cincocentas pesetas no ano 1911!) a un portugués chamado José Peixoto, o cal se atopaba tomando os baños no gran balneario da vila molguesa. Sabemos que a tal Mercedes puxérona á disposición do xulgado, pero dos cartos ninguén soubo ou polo menos ninguén deu razón. Se Mercedes Conde tivese a presión dun cuartel á súa beira, ó mellor pensaba o seu acto doutra maneira. Pero Gobernación non quixo saber nada un ano antes. Mala sorte para Mercedes!

Non poder co cu

Na distancia, un burro ornea. Rafael Buxán de la Torre sabe de quen é o burro. Coñece ós burros todos da vila pola forma en que ornean. O que está a escoitar é de Sabas Arabia, O Rañado. Pero non se dignou a levantarse para saber onde anda o animal. Rafael Buxán de la Torre non pode co cu. Pola mañá fora cavar as patacas ó Xeixal e non aguanta os cadrís. Así é que segue sentado á beira da fonte e deixa que o orneo do burro do Rañado o leve pouco a pouco ó mundo dos soños. Rafael topenea. Case dá contra a parede da fonte. Sorrí ante a apurada. Pensa en levantarse para axudarlle un pouco á súa dona, A Latriqueira. Claro que el só pensa no alcume; nin se lle pasa pola imaxinación chamarlle así. É capaz de botalo da casa. A Faltriqueira, a súa dona, en realidade chámase Hadriana (con hache, como di el e como di ela) Vilamelle Melliza. Digo que pensa en levantarse pero el mesmo se dá conta de que non pode co cu. Pensa nas patacas do Xeixal, pensa na aixada coa que as cavou e pensa na mala sorte que tivo e que ten nesta vida. “Isto é por culpa de nacer e de ser pobre”, di incluso en voz alta. E cos seus pensamentos, Rafael Buxán segue sentado no mazadoiro da fonte. Non pode co cu e non se levanta.

Infancia e xuventude en Sudalomba

A dous quilómetros, máis ou menos. A dous quilómetros de Baños de Molgas. Sudalomba se chama o lugar, o monte. Como para esquecelo. Case 30 anos pisando as súas carpazas. Case a diario correndo por entre os seus toxos. Case todas as mañás ollando para as vacas; para que non pelexasen. Porque en Sudalomba había ducias de vacas, moreas de vacas mesturadas. De varios veciños. Había pelexas. Había cornadas. Era igual. O caso era andar ós niños das lavercas. Ou xogar ó fútbol. Ou brincar cos cans. Ou celebrar carreiras de burros. Toda unha infancia. Toda unha adolescencia. Tempos de rozar os toxos e, máis tarde, cargar o carro. Tempos de ir na procura da Turina á casa porque, a Pingas de Orballomoi condenada, tan axiña como ventaba que a chamaban para xunguir, levantaba o rabo e... pés para que vos quero. A malfadada abeiraba! Así é que, dous quilómetros de ida. Dous quilómetros de volta. Porque non quería tirar do carro. E non había carroucho que lle ensinaras. Como soubese (e sabíao) que llo ofrecías para xunguila, adeus moi boas. Condenada vaca! Vela abeirar por Sudalomba era un espectáculo. O peor era que había que ir buscala á casa. Infancia e xuventude en Sudalomba.

Un país que morre de pena

Donald Trump quere guerra. E un escornabois cruza o carreiro que vai ó longo do río Arnoia, á altura da ponte das Cabras. O Senado é a cámara de representación territorial. Pero o Senado non deixa falar en catalán. O Regulamento do Senado regula en diferentes artigos os procedementos nos que os senadores poden usar as linguas oficiais diferentes do castelán. O regulamento do Senado é un mentiroooossooo! É igual, a vida segue igual. O caso é que o can rañe a barriga e o mico miañe nas noites de xaneiro. Quen é capaz de burlar os xestos dun monicreque facendo carantoñas? Cousas máis raras se viron neste universo noso. En que universo, oh, en que universo! Donald Trump non quere que alguén se enriqueza co uranio. Donald Trump quere enriquecerse el. E cruzaremos o Canón de Colorado todo acalorados porque quenta de carallo. Agora tócalle a quenda a un senador galego: se quere falar na lingua de Rosalía que intente chupar cámara no “Luar” de Gayoso. No hemiciclo non terá nin voz nin voto. Menos mal que os lobos do monte Medo oulean por un país que morre de pena. Non queda outra que facer penitencia, porque sempre haberá raposos que rouben nos galiñeiros.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES