Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Efemérides literarias nacionais

martes, 15 de mayo de 2018
Andamos estes días entre festas literarias, aínda co agradable resaibo do Día do Libro e o Sant Jordi e xa ás portas do Día das Letras Galegas. En tal circunstancia, poida que resulte interesante lembrar que estas non son as únicas celebracións que enxalzan o libro e a lectura e talvez moitos non saiban tampouco os detalles da orixe de tales conmemoracións.

O costume de regalar os cabaleiros ás damas unha rosa polo Sant Jordi remóntase ao século XV, pero o vencello desta cortesía á celebración bibliográfica tardou en aparecer e non foi norma ata 1926, cando mercé ao escritor valenciano Vicente Clavel Andrés -á sazón vicepresidente da Cámara do Libro- o goberno aproba un real decreto que oficializa o Día do Libro, festa que os editores cataláns levaban uns anos promovendo con forza para a súa instalación nas Ramblas barcelonesas.

Non insistirei aquí no que de todos é coñecido: que finalmente se consagrou a data do 23 de abril para a celebración (aínda que entre 1926 e 1930 se fixo o 7 de setembro, por pensarse aínda daquela que era ese o día do natalicio de Cervantes) e que esta data se escolleu porque, alén de morrer nela o santo no ano 303, era o día no que falecera o autor do Quixote (en realidade morrera o 22, aínda que se enterrou ao día seguinte) e tamén o pasamento de Shakespeare (que en verdade fenecera o 3 de maio, pois o noso calendario xuliano non coincidía co gregoriano que empregaban os británicos) e aínda de Garcilaso de la Vega. Esta coincidencia -nunha xornada na que, por certo, tamén finara Wordsworth- fixo que a UNESCO declarase a data Día Internacional do Libro en 1995 e que, con tal motivo, esta se celebre por todo o mundo.

Mais o orbe é complexo e diverso e os pobos gustan de ir por libre nisto de escoller as súas festas. Iso explica que no Reino Unido e Irlanda o World Book Day veña celebrándose dende hai case vinte anos o primeiro xoves de marzo e que ese día os escolares, grazas á xenerosidade do National Book Tokens Ltd., reciban un vale por 1 libra/ 1’5 euros para que poidan empregalos en descontos na compra de libros e que en moitos centros se leven a cabo maratóns de lectura, mostras e mercados de libros e un sen fin de actividades.

E o mesmo que acontece nas illas podería dicirse de Chile (que celebra o seu propio Día do Libro o 29 de novembro en memoria do filólogo Andrés Bello), Uruguai (o 26 de maio, por ser a data na que en 1816 se creou a súa Biblioteca Nacional) ou Paraguai (25 de xuño, data na que Ruy Díaz de Guzmán rematou La Argentina, primeiro libro destas terras).

Efemérides literarias nacionaisIdéntica adhesión nacionalitaria teñen celebracións como a irlandesa do Bloomsday, que fai que todos os 16 de xuño Dublín se converta nunha festa conmemorando a xornada na que transcorre a acción protagonizada por Leopold Bloom no famoso Ulises de Joyce. Dende 1954, as rúas da capital de Eire énchense ese día de miles de cidadáns disfrazados á moda dos anos vinte do pasado século e realizan o periplo e as aventuras levadas a cabo por Bloom na novela, demostrando así que a literatura tamén fai pobo.

De igual modo, os seus irmáns escoceses celebran cada 25 de xaneiro a Burns Night ou Burns Supper, na que lembran a vida e a obra do seu gran poeta nacional, Robert Burns, cadrando co seu natalicio. Durante esa noite e dende o século XVIII, as familias escocesas comparten unha cea na que comen o tradicional haggis (un embutido a base de carne de cordeiro) e beben whisky namentres len poemas de Burns.

En fin, alén da épica nacional -máis tamén masivas, ben populares e lúdicas- ficarían outras festas literarias que piden artigo propio e que aquí me conformarei con anotar, como o curioso The Papa Look-Alike Contest, o divertido Towel Day, o galante The Jane Austen Festival, a propiamente esperpéntica Noche de Max Estrella ou a pintoresca International Quidditch Association World Cup.

O Día das Letras Galegas
A celebración cada 17 de maio do Día das Letras singularízanos culturalmente como galegos. Mais, como vimos, non somos os únicos en conmemorar a través dunha festa literaria a estirpe nacional.

Efemérides literarias nacionaisSecasí, a fortuna deste día redefiniu ata tal punto a nosa vida que a xornada é hoxe un día festivo oficial e arredor dela nucléase unha parte non pequena do circuíto bibliográfico e editorial e tamén do campo literario galego.

O día, sabido é, naceu por iniciativa de tres persoeiros xa históricos (Francisco Fernández del Riego, Xesús Ferro Couselo e Manuel Gómez Román) que presentaron a proposta á Real Academia Galega, quen a consagrou celebrándoa por vez primeira en 1963. Daquela, tan só un grupo reducido de galeguistas participaron desta, pronunciando en Fonseca unhas palabras que recordaron a Rosalía, a quen entón se dedicou o día. Máis de medio século despois, a conmemoración é celebrada por toda Galicia, continuando, así, o espírito daquela primeira efeméride na que se escolleu precisamente un 17 de maio por ser o día no que a matriarca asinou a dedicatoria de Cantares gallegos á súa colega Cecilia Böhl de Faber. O resto é Historia. E que siga por moitos anos.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES