Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Maxisterio en Lugo no maio do 68

lunes, 14 de mayo de 2018
Mentras Europa estoupaba coa revolución estudiantil do Maio Francés, nós, os estudantes de Maxisterio en Lugo, dormíamos a “longa noite de pedra”, alleos a ela, sen decatarnos abondo da salvaxe traxedia da Guerra incivil que sufriran os nosos pais. Tema tabú, medo e demasiadas bágoas, que aínda non esqueceu.

Pola súa banda, Lugo, de sempre, era e é unha cidade tranquila, sosegada, eu diría en demasía, lenta no vivir e parca de ilusións. Por iso, Lugo non se enterou cecais do Maio do sesenta e oito en París. Daquela os estudiantes máis numerosos da cidade éramos os de Maxisterio, e nós só soñábamos con aproba-la carreira, as oposicións e gozar dun traballo fixo. Soño pragmático, individualista e ata cativo se se analiza desde a perspectiva de hoxe. Non embargantes, cumpríanse así os desexos dos nosos pais e nós tiñamo-lo porvir resolto. Iso al menos era o soño da malloría. Outros, máis folgazáns ou inconscientes, íamos máis ós bares que a clase, e divertíamos enchéndonos de viño, xogando ó fútbol, botando a partida, copiñas de licor de guindas pola mañá, montando guateques o con calquer outra argallada.

As mulleres, sempre máis sensibles e recatadas que nós, trataban de espanta-los moscóns ou buxatos de algúns, abondo bestas, e tremendamente tarados sexualmente. Hai cousas que nunca entenderei. Certo é que o sexo non existía. Non, non existía o sexo nin antes… nin agora. ¿ está craro?

Sempre houbo excepcións sobre todo na Rinconada. Mentras os meus compañeiros soñaban con pragmatismo, facendo tamén algunha trampa se cadraba, eu, a verdade, soñaba outras cousas máis valeiras, froito da miña atolada cachola. As loitas en París eran para nós una guerra allea e só nos interesaba de Francia escoitar ou bailar cancións como “Aline” ou as de Charles Arnavouz ou Leonard Cohen. Os anos amosáronme isa tolería.

Estou a lembrar os meus cafés no Monterrei e poñer isas cancións na máquina tocadiscos mentras soñaba con algunha moza. Cousas do Romanticismo. E postos a iso, lémbrome tamén dos guateques que organizábamos na “ Gruta”, “Os Claveles”, nos baixos da Caixa Galicia…das rapazas que nos gustaban i eran inaccesibles, daquelas que eran auténtica amigas e de outras das que nos enamorábamos nun plis plas. Certo é que non duraban, e ata que as veces nin elas mesmas se enteraban, pero son cousas do corazón e a testoterona con dazanove o vinte anos.

Para arrimarse a ilas, había que montar guateques, ver quen tiña tocadiscos, quen poñía a música ou, se cadraba, cómo podíamos pagar a Fredy ou Pachi, a Kalú 96... ¿Cánto se recaudou para á excursión? ¿ quén sabe face-la sangría? Podíamos facer un “cap” de frutas… Non, que enche moito e as rapazas teñen medo… Eran xeitos de divertirnos da xeneración ye yé, de pelos largos, e ata greñas, con tal de adora-los Beatles. Cousas diles, dos meus compañeiros, eu, nin pelo largo nin adoracións.

Sendo moitos de nós fillos de pequenos burgueses, non nos decatábamos moito da emigración e as penurias dos máis desfavorecidos dos nosos pobos e aldeas. Eles, fartos de necesidade e incapaces de vivir con un mínimo de decoro, enchían “rubias” ou autocares e íanse a Francia, Suiza, Inglaterra ou tamén o País Vasco ou Cataluña, lugares prósperos, mentras acó seguíamos a sofrir coa resignación cristián que predicaban os curas, para expricar a versión franquista do desenrolo igualitario do País. ¡Malracaniño!.¡Aí tedes a marxinación, unha vez máis da Terra, que dín que é nosa, e eu penso que é máis de Amancio Ortega.

Dicía un amigo meu na súa desesperación: “A terra que non da de comer ós seus fillos, non é terra nin a mai que a pareu”. E, aínda que doa, tiña razón.

Vivíamos sumerxidos e educados nunha atmósfera de individualismo pragmático, e moitas veces noxento, froito disa filosofía tan galega como egoísta de “Ti vai ó teu” ou a outra máis cobarde de ”ti cala a boca” . E, a verdade, moitos ían e calaban ou usaban a clásica galegada de sair sen dicir nada. E ise xeito de vivir víase na Normal, nas rúa e ata nas pensións, según contades máis dun, onde habia que termar cós paquetes de comida, que se traían da casa, e as pequenas ou grandes miserias que se agochaban nelas. Cómpre dicilo para non esquecerse e para non repetir tanto individualismo, tanta listeza e tanto egoísmo. Os anos debérannos amosar o verdadeiro pouco valor do diñeiro, a xenerosidade dos máis, a limpeza no proceder e outras leccións que non nos enseñaron nin Marbán, nin Esther Uría, nin outros, senón nas casas que había principios.

Lugo sigue a ser gris, con ise punto de tristura dormilona aparcado no ceo, e unhas murallas que pechan a cidade para atraer turismo e defende-la súa maneira de vivir. Lugo, sendo así, é a nosa patria e quéremola, por máis que xa pasaran tantos anos desde que éramos rapaces e esquecéramos as mañans de xeadas, as continuas choivas ou as noites de ruada. Daquela era maio do sesenta e oito, cando as rúas estaban cheas de cegos, enchoupados de auga, vendendo no cupón, e nós andábamos entre a Normal -así se chamaba a Escola de Maxisterio sen que nunca soupera o por qué- e trouleábamos nos bares da Ruanova, que era un fermoso xeito de entende-la vida-.

Dicían daquela: “Na Ruanova vintecatro bares hai, desde o Ferreirós ó Paradai”. Certamente non os contei, pero nós todos nun día, non bebíamos. Porque é que tampouco empezábamos alí. Nós tiñamos o “Dosi”, moi perto da catedral, e o seu dono era un verdadeiro amigo. E en “Dosi “ nós “entrenábamos” unhas cantas veces. Charro (Guerreiro de Xove) ¿deíxasme vinte pesos? Sempre estás igoal, Chispas. Que chos preste Seara. Eu deixochos, dicíaSeara, se me invitas a tres viños.( un dez por cento) E dasmos o sábado ¿Eh? Bueno, vale logo. Problema resolto. E despois visitábamos o Cinco Vigas coa tapa de ensaladilla rusa. Logo entereime que era confidente da policía.

Íamos ó Barreiros, belísimas persoas de san Cosme, exiladas cubanas, cos seus exquisitos mexilóns ou ó Neno, cóme-la orella, o rabo ou tóma-lo caldiño. Era un sitio onde aceptaban ir as rapazas cando saían das crases… e seguíamos sen olvidar o Valdeorras, que era do noso amigo e compañeiro de farras Paco a quen lle axudaba a súa irmá, a guapísima Julita.

De supeto, poa rúa da Cruz, aparecía Carlos Carro, o da confitería da Praza do Campo, un tal Chousa, Ansedes… porque os meus colegas non todos eran de Maxisterio, pero tamén podían aparecer o Bombero, o Traste, Suso de Palas, Fidel iglesias, o famoso músico e poeta, verdadeiro exemplo de galeguidade, Mero, o Pita de Vilalba ou calquera outro. Sempre houbo un roto para un descosido e un compañeiro para unha farra, que non sempre era chea.

A escaleira da xenerosidade levou ó Alén ó meu amigo o Charro, igoal que a Alonso, ise home co que tanto teño vacilado e discutido nas conversas sobre Viveiro cando il estivo de responsable de Antena 3 i eu de colaborador ocasional.

Chorei por iles porque a mín amosáronme moita xenerosidade. Coido que non volvín a ninguna comida desde que a organizaba il e Bodenlle. A verdade, e que eu desde Madrid pouco volvín a saber da xente e perdín a relación por falta de …eu qué sei.

O caso e que Serén tivo a feliz idea de xuntarnos e agora ata temos un grupiño no que nos acompañan as mulleres. ¿ Quén foi a Lanzarote a ve-lo Bombero? Serén i eu. Exquisitez de amistade e trato. O certo tamén é que perdín a pista de unha morea de compañeiros polas circunstancia da vida. Porque vinte anos, dí a canción, non son nada, pero cincuenta son toda unha vida. Os primeiros anos, ata que rematamo-la carreira, son de entreno, e os derradeiros xa son de soedade mal que nos pese.

Porque o certo é que xa non atopamos quen nos entenda e iso é porque, aínda que teñamos máis ou menos familia, sentímonos sólos. No medio están ises cincuenta anos, o toro da vida, que moitos tivemos a sorte de vivir para hoxe compartir.

A Escola de Maxisterio é un edificio moi fermoso, robusto e de amplios espazos, onde nós, rapaces que frisábamos nos dazaoito a vinte anos, enchíamos de ledicia as aulas e argallábamos, amén de asistir ás crases, cousas como o bar para recaudar cartos para a excursión; a revista Escola, que era o noso medio de” expresión” e participación “ democrática” na vida académíca.

Por suposto, os redactores eran sempre afins aos manadamais. E os rebellos coma mín non tiñamos cabida. Grazas, Casás e Marisol, que aínda que non me lembro dela amosame xenerosidade con iste traballo.

Certamente, aínda que non ía moito áscrases, istas para min non eran moi motivadoras. Só me atrouxo Alonso Montero, do que xa escribín noutros foros o meu fondoso sentimento de gratitude hacia il. Non direi de ninguén que era mal persoa nin mal profesor, aínda que había quen non sabía o que trataba de enseñar; quen non tiña nada de pedagoxia, aínda que isa fose a nosa meta; quen sofría a nosa barbarie-estou a pedirlle perdón a Doña Cecilia-porque era unha muller delicada e sensible; quen xa practicaba discretamente a política e logo remataría sendo paradigma da política caciquil ( Cacharro, a mín sempre tratou de achegarse, máis a nosa filosofía era antagónica); quen cría realmente nos principios da Falanxe e coido que era bastante honrado ( EScolante); quen era sumamente estricto e poñía en orden os que o necesitábamos ( Marbán ); quen nos trataba como verdadeiros colegas e entendían o ensino cunha filosofía de achegamento ó alumno (Ulloa Vence ou Calleja); quenes eran clásicos á vez que moi boas persoas (D. Celestino ou D. Gullón). Quen nos levaba a correr á muralla, amén de facer ximnasia( D. Gregorio)… Cada un temos a nosas vivencias e as nosas experiencias.

Dos profesores cada un garda un recordo moi persoal. Para mín Doña Ana Mújica foi como unha mai. Ela mandoume ó sanatorio Pimentel para que me curaran un esguince e non paguei nada. Tamén, sabedora do folgazán que era eu, portouse moi ben conmigo como vos conto agora:

Íamos a celebra-la eleccíón de Miss Maxisterio e grazas á boa persoa que era D. Antonio Calleja, profesor de Dibuxo e Caligrafía,- ¿Agricultura? D. Antonio trouxonos uns arboliños pequenos, cipreses moi xeitosos para a decoración do escenario e eu coloqueinos facendo como unha avenida que levaba ó trono rexio, que adornáramos con papel dourado e cousas parellas. Na esquina dereita deixáramos un pequeño recuncho para a orquestiña que acompañaba a Fredy, aquel famoso cantante lugués que despois ganou en Viveiro o festival do Landro.¡ Qué bó rapaz era! Pois ben, cando Doña Ana María entrou no salón de actos, gostou tanto daquela decoración, que chamou ó benquerido e tristemente falecido o amigo Alonso, e preguntoulle quen fixera aquelo. Alonso contestoulle: Fue Timi, doña Ana. E mándoulle chamarme. Alonso viña ríndose, pero eu, tan afeito a broncas de Marbán, Cacharro ou ela mesma, achegueime teimoso a xunto dila e volveumo a preguntar se fora eu o responsable. Eu non sabía por onde ía sair ata que me di :” de las dos asignaturas que te doy yo ¿cuál quieres que te apruebe? Eu,abraiado, e que non sabía nada de ninguna delas, mirei para Alonso e pregunteille: ¿cal é máis difícil? Alonso díxome: a Física. E iso foi o que contestei eu.

O certo e que cumpleu o prometido e que moitos dos presentes alucinaron con alquel premio, que eu non esperaba, e que me sacaba un peso de enriba. Para a reválida non quedou máis remedio que estudar algo. Quero lembrar que a Miss fora unha tal Conchita que vivía na Residencia das monxas de Santo Domingo, que era moi guapa, xeitosa e tímida.

Sei que son anécdotas persoais, pero cada un temo-las nosas vivencias.
Podería contar máis cousas, pero non quero ser pesado nin acaparador de espazos que xa vai abondo. Só quero con istas verbas, escritas á presa e recordatorias daqueles tempos, enviar con elas unha aperta de buxo, como dí o Mero, a cada un dos compañeiros e facerlle saber que sempre seremos aqueles rapaces que vivimos xuntos una preciosa parte da nosa vida. Unha etapa gris en moitas cousas, mais sólidas en principios e sentimentos e iso é a nosa cerna. Cerna de Maxisterio, de Lugo e da Terra. ¿Certo,D. xesús?
Timiraos, Ricardo
Timiraos, Ricardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES