Á beira do Camiño: ¡Servir ao pobo!
Mato, Xesús - viernes, 21 de septiembre de 2007
¡Cantas veces temos ouvido e escoitado esas e/ou parecidas palabras! Maiormente, en tempo de eleccións. A moitos dos nosos políticos éncheselles a boca e múdaselles a voz ao proclamalas. ¡E mesmo o fan con solemnidade crendo convencera o persoal!. Esa abundante presunción adoita estar presente tamén noutras actividades de ámbito socio/cultural, educativo e mesmo relixioso. (¡O pobo galego, que é sabio no seu conxunto, sabe moi ben quen está con el ou quen o vende!)
A cobiza do poder segue viva, activa e activada na nosa presumida e consumista sociedade do Benestar e da Igualdade Ademais, é ousada e orixina persoas incoherentes, contraditorias, sen principios e sen vergoña. A cobiza e os devezos obnubílanlles a mente e a memoria, a coherencia, a fidelidade e a mesmo a actitude esencial de todo dirixente humano que ten de ser e estar ao servizo de todas as persoas, sen excepcións e miramentos persoais ou de grupo. Os feitos son os que miden e acreditan a calidade humana (¡a categoría!) das persoas (Obras son amores, di o refrán e polas obras os recoñeceredes recalca e apunta o Evanxeo de Xesús.
Velaí algúns feitos recentes e actuais: paga extra a preto de 4.000 altos cargos da función pública, gastos suntuosos innecesarios, soldos millonarios en comunidades pobres, dietas e subvencións a esgalla, e un desaforado e aloucado dispendio no gasto público. ¡Como se fosemos comunidades e países ricos! A calquera cidadán honrado (sobre todo aos que pasan fame ou necesidades) estes feitos sóanlle a grave inxustiza. Ademais, evitable.¡Insulto aos pobres que son algo máis da cuarta parte do País os que non chegan ao salario mínimo!
Cómpre engadir o clientelismo (¡que segue!) e o inexplicable silencio sobre algúns temas. (Ao mellor, foron aprobados por unanimidade) ¿Que foi da ponte, autovías, auditorio, plan Lugo/Galicia!? ¿Ulo Banco de Terras, o re/equilibrio rural!?. ¿Por que non se di algo, agora!?
¡Obriga de todo dirixente responsable e coherente: ¡servir ao pobo; non aproveitarse del

Mato, Xesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora