
A manifestación máis expresiva do poder norteamericano percíbese no cine e na vida cotián. E tempos houbo (hai?) en que unha película norteamericana, polo feito de selo, tiña garantido moito maior éxito ca outra europea, xa non digamos española, por boa que fose.
Por eso, o noso heroe, para poder selo, tivo que chamarse Frank, aínda procedendo da conxunción que forman Asturias e Galicia cando queren ser á vez terra garimosa e brava.
Soubo de Asturias e de Galicia. Pertence a Pola de Allande e á Fonsagrada, traballou na mina e é unha lenda viva do cine hispano onde morreu cen veces para nunca máis morrer. Din que é o europeo que mellor e máis veces ten morto no cine. E sen embargo, segue máis vivo ca nunca paseando a súa madurez serena por Collado-Villalba, onde todos o queren e admiran.
Curiel, fonsagradino, descubriuno hai tempo. E recoñecendo a súa procedencia asturiana aproveita que a zona sexa común para poder homenaxear a súa importantísima parte galega. Porque Frank Braña é tamén plenamente lucense, un home de cine e do cine, secundario ou actor principal, que está xa no libro de ouro intanxible pero certo no que se escriben para sempre os nomes das películas que se fan en Galicia, e os nomes dos galegos que fan cine en todo o mundo.
Tomade nota do seu nome, cinéfilos. Chámase Frank Braña, e ten vivido un mar de cine, ten recorrido centos de kilómetros de celuloide, ten disfrutado dos placeres de cen platós, e ten morto incontables veces para que o cine viva.
Manuel Curiel e Frank Braña, parella cinéfila, extraña parella de cine producida polas terras de Fonsagrada. Por milagre da ars séptima que os une, témolos visto xuntos por Lugo nestes idus de setembro.