Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranza do gaiteiro Rilo

viernes, 21 de septiembre de 2007
Lembranza do gaiteiro Rilo Lembranza do gaiteiro Rilo Lembranza do gaiteiro Rilo a cen anos da súa morte

Aproveitando que neste maio cúmprense cen anos da desaparición do vello Rilo, voltamos unha vez máis sobre a figura deste mítico gaiteiro das Mariñas. Oportuno estivo tamén o Concello de Betanzos, a través da concellería de Xuventude e Normalización Lingüística, homenaxeando a Rilo neste seu centenario cun certame de gaitas na súa memoria.

Rilo de Betanzos para os de fóra da vila betanceira; Rilo de Piadela para os de dentro; en realidade, Rilo naceu na parroquia de Cis, do viciño concello de Oza dos Ríos e nel residiu case toda a súa vida, aínda que de feito tiña casa e estivo aveciñado algún tempo na parroquia betanceira de Piadela.

Non está clara a data exacta de nacemento de Rilo. Se na partida de defunción acaecida na parroquia de Salto, figura con setenta e oito anos “poco más o menos”, cando o seu segundo casoiro figura con doce anos menos, quizá quitándose anos para equipararse máis á noiva. Segundo aquel documento, tería nado en 1829; segundo este, en 1841. Moita diferencia que só podería solventar a partida de bautismo que non fumos quen de atopar. Si sábese que era fillo da moza solteira Antonia Rilo, da parroquia de San Nicolás de Cis. Tivo o gaiteiro varios fillos dos dous matrimonios (algúns tamén tocaron a gaita) e sobreviviu tamén á segunda muller.

Manuel Rilo Pardo foi moito máis que un bo gaiteiro. Nun tempo en que non había medios de comunicación fóra da prensa, el encarnou a cultura popular do seu tempo: conteiro, coplista, sermoneador no Entroido… Esa dimensión popular, festeira e rebuldeira, plasmouna moi ben Vales Villamarín, o vello cronista oficial de Betanzos, no soneto que lle adicou:

O vello Rilo
Nacéu –según é fama- aturuxando
E facéndolle chiscos á parteira.
Ensinoulles ôs merlos a muiñeira
Cando de pequerrecho iba c´o gando.

Foi un don Xoan Tenorio, namorando,
E un Marcial de calzón e de monteira,
E contaba no adral e na lareira
Historias da “facción” e o rei Fernando.

Sabía de memoria o Ciprianillo,
Libraba da tirís e o garrotillo,
Conxuraba os meigallos e o tronante…
E nas romaxes d´este chan saudoso
Como gaiteiro enxebre e fachendoso,
Non lle puxo ningun nunca o pé diante.

É sona que Rilo gañou vintesete certames por toda Galiza. Entre outros lugares, Betanzos, A Coruña e, sobre todo, Santiago de Compostela, no día do patrón, souberon do seu trunfo. Este certame compostelán, que nalgún tempo aparellaba o título oficioso de mellor gaiteiro de Galiza, gañouno en máis dunha ocasión, unha delas ben documentada en 1893, cando o premio consistía en cen pesetas, coas que, segundo a tradición familiar, mercou un boi.

Aínda que Rilo acadou a vivir seis anos do século XX, o seu período de mestría profesional foi o último terzo do século XIX. Con todo, aínda pouco antes da súa morte, acaecida o dezasete de maio de 1907, era contratado para as festas de Santa Marta de Ortigueira. Coétaneo de Rosalía e Murguía, o seu tempo vital é o da desaparición de Galiza como reino e o novo partillamento provincial que lle arrebata ese rango a Betanzos.

É o tempo do movemento Provincialista liderado polo betanceiro Antolín Faraldo, a revolta de 1846 e os mártires de Carral, a efémera I República e a Restauración borbónica, o Rexurdimento cultural, a chegada do ferrocarril (tamén á súa Oza), a guerra de Cuba, o Rexionalismo cultural e político, o caciquismo e a emigración en masa. Cando morre Rilo nace Solidaridad Gallega, fúndase a Academia Galega e estrease o himno galego.

Tivo Rilo grandes rivais cos que compartiu sona e premios por todo o país galego: o Carballiño, o Fresco de Baio, Xan Amil, Chumín de Céltigos, os Manso de Colantres… Mais o seu rival por excelencia foi o célebre Ventosela, Xan Míguez, cando este era aínda novo e Rilo xa ía vello. A crítica e a opinión enfrontábaos de contino, representando Ventosela a innovación (con chaves na gaita e adaptando aires foráneos) e Rilo a tradición e a pureza enxebre. O mestre e poeta betanceiro Xoán Díaz Fernández reflectiu este enfrontamento en A festa de Santa Marta de Babío, unha obriña case descoñecida publicada en 1927:

Bailábas´o son d´a gaita
De Rilo, o mellor gaiteiro
D´esta terra galiciana,
Qu´anque vello a Ventosela
Venceuno n´a gran batalla
Que se dou alá en Madrid
Entr´os gaiteiros de fama. (…)

Rilo era un home pequeneiro (a xulgar polas fotografías que se coñecen), de ollar pícaro e con grandes patillas branqueadas polos anos. O gran fotógrafo betanceiro Veiga Roel deixounos un retrato seu. Non unha foto, senón un minucioso debuxo a pluma que foi reproducido en varias ocasións, fixando a imaxe máis coñecida do vello gaiteiro. Rilo está sentado nun outeiro ollándose ao fondo unha capeliña nun val. Tamén Veiga é autor, esta vez no álbum particular do contista betanceiro Manuel Roel, doutro retrato do rostro do gaiteiro que xa publicamos no Anuario Brigantino de 1990. Son contadas as fotografías que se coñecen del: unha tocando coa danza betanceira dos Labradores e tres máis acompañado dun tamborileiro en diferentes épocas, das que dúas delas circularon como tarxetas postais.
Torres Regueiro, Xesús
Torres Regueiro, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES