Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 02 de mayo de 2018
Cheo de detalles ridículos

O mundo do fútbol está cheo de estupideces. O mundo dos partidos de fútbol está cheo de detalles ridículos. No partido Málaga-Real Madrid (1-2) vin un detalle que me dixen o momento que merecía un relatiño, este relatiño. O xogador do Real Madrid, Isco, meteu un golazo de falta. Ó momento xuntou as mans nun xesto de perdón á afección malagueña. Todos sabemos que procede de aí. Entón foi cando me fixen a pregunta: por que tiraches a falta? Cáeme ben Isco e aínda que lle sobra máis dun regate, penso que é un gran xogador; pero a ese xesto, a esa acción súa non lle vexo lóxica ningunha. Iso é coma cando das unha labazada e pides perdón. Vaia trangallada!
Máis parvadas dos partidos de fútbol. As celebracións dos goles. Isto xa pasa da raia. Dos saltos de alegría e abrazos que se realizaban antes, de sempre, pasamos agora a uns bailes e a unhas accións que, en certos momentos, ata case che fan aborrecer o fútbol. Imaxino ós xogadores rompéndose a cabeza na cama para inventar celebracións que queden para a galería. Algún ata se obsesionará co gol (moitas veces en detrimento do equipo) para poder amosar o que planificou. Se se deixaran de trapalladas e xogaran ó fútbol.

Aproveitando que era domingo

Por unha vez e desde hai moito tempo, a climatoloxía non ameazaba chuvia. Así é que Dafne Coroada Loureiro, aproveitando que era domingo, díxolle ó seu home, Obdulio Servo Criado, que por que non ían a aquela fervenza que lles gustara moito hai xa moitos anos. A cal, oh?, quixo saber Obdulio, aínda que el ben sabía a cal se refería, porque comentaran máis dunha vez o de ir alá. A aquela que está... que está... que está lonxe, alá por onda Verín. Obdulio Servo Criado sabía que se refería á fervenza da Cidadella, no concello de Vilardevós. Como queiras. Porque os homes sempre teñen que facer o que digan as mulleres, por moito aquel dos pantalóns na casa. Tan axiña como acabaron de xantar, e logo de lles dicir ós rapaces se querían ir de excursión, ó que se negaron, claro está, Dafne e Obdulio colleron o Pancracio e déronlle marcha ó motor. Polo camiño, música. Á volta, tocaría fútbol. Quen leva os pantalóns no coche! Ó pouco de pasar Soutochao axiña deixaron ó Pancracio para que descansase e para que non molestase e, eles os dous, dedicáronse a ver unha das maiores fermosuras que ten a provincia de Ourense. Fotos. Vídeos. Paseos. Exclamacións de asombro ante a catarata e, ale, volta para a casa.

Quero cruzar o mar

Quero contemplar o mar e deixar que o ruído das ondas me levE polo silencio dun sentimento. Quero cruzar o mar. E marchar alá. Desde a costa vexo a eternidade dunha melancolía que atravesa a néboa dos soños. E van estes buscando o niño da rula para que un chiscar de ollo se acomode nos versos de todo un poema. Quero navegar por entre o bambán das follas de amieiro e pousar definitivamente na copa dun plataneiro. Quero cruzar o mar. E quero que vaia á miña beira Lou Reed para camiñar polo lado salvaxe das ondas mariñas. Quero asubiar desde calquera lugar xibraltareño para que un par de gaivotas me leven ata o infinito e máis alá. Quero cruzar o mar no alto dunha nube branca e sentindo as pingas de orballo caendo sobre a plataforma dunha ilusión. Sempre hai viaxes que levan os alentos nos espíritos dunha paixón. E en cada vaivén das ondas hai un parágrafo escrito no que os sentimentos aboian por entre a sintaxe dun sorriso e o significado dunha palpitación. Quero cruzar o mar. Quero que o ruído das ondas se volva silencio na miña obra. Esa obra escrita, soñada e, algún día, lida. Quero cruzar o mar.

A mellor carreira

O home contempla o barrio da Igrexa de Baños de Molgas e sabe que alá está a nostalxia. A muller que está á súa beira contempla ó home. E velle un sorriso nos beizos. O home vólvese cara á muller e díxolle que houbo un tempo no que sabía escoitar o silencio, principalmente canto máis ruído había. A muller sorrí e dille que é moi listo. O home fixo unha tese titulada “Por que o sapoconcho vai tan lento cando ten que correr?”. E imaxinou ó sapoconcho cruzando Os Campos, As Lamas e As Cortiñas para chegar abafante ante a porta da igrexa. Non lle admitiron a tese, claro. É máis, burláronse da súa tese doutoral. A muller díxolle que mellor lle fora facer un máster sobre unha lagarta aniñando no corazón dun repolo. Seguro que tería moito máis éxito. Hai abondos exemplos espallados polo país adiante onde un máster abre as portas da vida (ou da mentira). O home menea a cabeza con xestos afirmativos e dille á muller que está á súa beira, que alá, naquela aira que hai no barrio da Igrexa, estudou que a sinxeleza é a mellor carreira que acadou nunca. A muller emocionouse de tal forma que o bicou. O home contemplou, por entre os pallóns de millo, o barrio da Igrexa de Baños de Molgas e deixou escapar outro sorriso.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania