Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Despedíndonos de Adolfo

jueves, 03 de mayo de 2018
Despedimos hoxe a Adolfo, esposo, pai, irmán, etc. dos familiares aquí presentes e amigo tamén ou compañeiro de cantos quixestes hoxe acompañarnos. Grazas por virdes, por estardes connosco. Vou ser moi breve.

Coma calquera outra despedida, doe alá no fondo do corazón tamén esta, porque con Adolfo se nos van tamén a nós lembranzas e vivencias das nosas propias vidas.

Se dicimos que “partir é morrer un pouco”, poderiamos tamén engadir a isto que morrermos é entrar ou quedar xa para sempre no fondo infinito de nós mesmos. É dicir, quedar para sempre nos brazos -tan poderosos coma misericordiosos- de Deus mesmo. Pois ben lembraredes aquilo que dicía o apóstolo Paulo: “en Deus vivimos, nos movemos e existimos”. Isto vale para cando estamos neste mundo e tamén para cando o deixamos e entramos no alén, naquilo descoñecido e inexperimentado que está máis alá das nosas vidas mortais.

Nacemos todos con algún tipo de sufrimento a este mundo e nacemos tamén con algún modo de sufrimento á esa nova e eterna vida coa que Deus nos agasalla por medio de Xesús, fillo de Deus e irmán maior noso.

A meu irmán Adolfo lévolle eu case dous anos e fun tamén en certo modo casual testemuña das dificultades que levaba consigo o noso vivir desde os seus comezos. Contábame o noso pai que, cando eramos os dous aínda pequenos, resulta que Adolfo –polo que fose- algún día botouse a chorar. Segundo o seu relato, erguinme eu un chisco no berce e ante os febles choros que chegaban ós meus ouvidos desde o outro cuarto onde estaba Adolfo comenteille a meu pai: “¿E non será un piriño?”... Piriños chamámoslle nós por Sabucedo ós poliños ou pitiños das galiñas. Se ve que aínda non sabía eu moi ben daquela que os seres humanos choramos cando nos doe algo...

A vida ten ó longo dos anos ledicias e dores. Hai de todo, como ben sabemos. En calquera caso, os familiares e amigos de Adolfo temos (eu polo menos) o recordo del como persoa íntegra, valente ou afouta, amigo da conversa e da convivencia, festeiro e sen se deixar encoller ou acovardar polos problemas e dificultades da vida, incluída a longa enfermidade que ó final onte o venceu. Coido que tiña ademais unhas boas doses de fe e de esperanza. Posiblemente iso lle viña da súa educación relixiosa de rapaz e de mozo. De feito el foi durante algúns meses a comezos dos anos cincuenta do século pasado, e coincidindo en parte comigo, novizo da Compañía de Xesús. Dez anos case despois viría el ata Austria para asistir á miña ordenación sacerdotal e á miña misa nova alá. E naturalmente en tempos posteriores mantiven sempre unha moi boa relación con el.

Ben. Adolfo déixanos en tempo pascual, no que domingo tras domingo estamos a renovar a nosa fe pascual. Tempo, pois, de fe na resurrección de Xesús e mais na nosa. Nas súas aparicións ós apóstolos trala súa resurrección, Xesús non deixa de lles ofrecer e dar a eles a paz, a súa paz. Porque ter vida e crer nela -alén das nosas mortes particulares- é un verdadeiro don de Deus.

Desexémoslle e pidámoslle a Deus para Adolfo e tamén para todos nós a paz. A paz agora e a paz sempre. O “descanse en paz” que lle desexamos ós nosos queridos defuntos debería ser tamén norma de vida. É dicir, sermos “pacíficos”, ou sexa, “facedores de paz”. Á fin e ó cabo, esa é unha das benaventuranzas proclamadas por Xesús.
Que así sexa!

(Palabras de Manuel Cabada Castro no funeral polo seu irmán Adolfo, en Vigo, o 29 de abril de 2018).
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES