Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xesús Mato Mato: O amigo Suso de Portomarín

domingo, 29 de abril de 2018
No ano 1978 coñecín a D. Xesús Mato así máis de pertiño. Percibín a súa polifacética personalidade e souben da cantidade de iniciativas que ía facendo nacer e as actividades nas que andaba metido con auténtico celo evanxélico como verdadeiro discípulo de Xesús de Nazaré. Sempre con acerto e bo facer.

Velo a el, lévame con agarimo, admiración e agradecemento ao Cántico da Carta aos Efesios (1,3-6): “Bendito sexa Deus, Pai do noso Señor Xesús Cristo, que nos bendiciu na persoa de Cristo con toda clase de bens espirituais e celestiais. El elixiunos na persoa de Cristo, antes de crear o mundo, para que fósemos santos e irreprochábeis ante El polo amor. El destinounos na persoa de Cristo, por pura iniciativa súa a sermos os seus fillos, para que a gloria da súa graza que tan xenerosamente nos concedeu no seu querido Fillo, redunde en loanza súa”.
En Suso Mato Deus é bendicido sobranceiramente e a cotío.

Deus e a vida déronlle certamente moitos talentos e el non os soterrou. Suso Mato foi coma ese home do que nos fala o Evanxeo, (Mt 25,14-30): Laborou arreo con eles polos distintos lugares por onde a vida e as súas inquedanzas o foron situando. Agora, cando o Señor lle axuda a facer un repaso da súa vida, aparecemos todos nóscomo testemuñas veraces poñendo cada un unha tesela distinta dese mosaico marabilloso que é a súa vida. Loado sexas, meu Señor, polo irmán Suso de Portomarín.

Aquí cúmprese aquela profecía do monxe bieito arxentino Mamerto Menapace: “Non temos nas nosas mans as solucións para os problemas do mundo. Pero fronte aos problemas do mundo temos as nosas mans. Cando veña o Deus da Historia ha de mirarnos as mans. Se amamos a nosa terra, que o amencer da mañanciña nos pille xa sementando”.

O amor á Terra, Galiza, e a loita pola terra universal non son discutíbeis no Padre D. Xesús Mato: “Polas súas obras os coñeceredes”. Non vou facer eu aquí o relatorio completo da súa biografía. Xa está escrita abondosamente en moitos medios e publicacións. Pero é principalmente no corazón agradecido da xente onde temos de facer a verdadeira lectura.

Eis a vocación do Padre Xesús Mato: a súa creatividade operativa. Díaz Castro dixo: “Tódolos os ríos pasan pola miña alma cheos de Deus, música e lapas”. As mans del andaron constantemente, sen parar, mergulladas en cantos barros de humanidade, (o humus), foi atopandoe foi amasando desde que naceu ata hoxe:O adam, formado por Deus,en total simbiose coa mesma terra (adamah), traballou coma ninguén o mundo dos valores, da ética e da estética, da harmonía, dos ritmos e dos tempos, da poesía, da máis fonda espiritualidade que se fai carne de Deus abaixándose coma Xesús Cristo onde un meniño sorrí ou chora, onde unha muller ama ou é aldraxada, onde un home se debate no duro traballo ou se ve xa vencido polo peso dos anos ou pola fraqueza das forzas nas horas baixas da vida. É un grande dinamizador humano, social, económico, espiritual. Crea grupos con conciencia crítica, sempre positiva, para que avancen as persoas e se comprometan co medio. É modélica a súa presenza no Cebreiro.E veu Deus que todo era moi bo. “A beleza feriume para sempre”.

Eu, Iahveh, chameite en xustiza, collinte así da man, formeite e destineite para seres alianza do pobo e luz das xentes,para abriresos olloscegos, para sacares do calabozo ao preso, do cárcere aos que viven en tebras. (Is 42, 6). E, consonte con isto, tomou a vida en serio e foi consciente da súa misión: “Fun enviado a sandar os corazóns feridos. O Espírito do Señor veu sobre min, porque me unxiu para anunciar aos pobres a Boa Nova, envioume a proclamar la liberación aos cativos e a vista aos cegos, para dar a liberdade aos oprimidos e proclamar un ano de graza do Señor.(Lc 4, 18).

Amigo Suso, bo pastor, bo sementador: A seara xa está para a seitura. A ceifa foi boa. Con catro coma ti o mundo é diferente. Es o home da esperanza. Ti deixas detrás millenta de discípulos. “Temos futuro, temos mañá”. “Se amamos a nosa terra, que o amencer da mañanciña nos pille xa sementando”. Cantas veces xa nin colliches o descanso merecido!

E o Deus da Historia, ollándoche as mans, dá o veredicto: Ven bendito do meu pai. Tiven fame, tiven sede, estiven no cárcere. 'Vinde, benditos do meu Pai, recibide a herdanza do Reino preparado para vós desde a creación do mundo. Porque tiven fame, e déstesme de comer; tiven sede, e déstesme de beber; era forasteiro, e acolléstesme; estaba espido, evestístesme; enfermo, e visitástesme; no cárcere, e acudistes a min. 'En verdadevos digo que canto fixestes con cada un destes meus irmanciños máis pequenos, foi a min a quen llo fixestes.(Mt 25, 35,36 e 40). Dixo Xesús, o de Nazaré: “Hoxe cúmprese aquí esta Escritura”. E en ti tamén.

Por iso “Bendito sexa Deus, Pai do noso Señor Xesús Cristo, que nos bendiciu na persoa de Cristo,(e na persoa de D. Xesús Mato Mato este noso tan benquerido home, galego, irmán, amigo, sacerdote, pastor, músico, poeta, animador, creador),con toda clase de bens espirituais e celestiais”.

Como a Nosa Señora dos Ollos Grandes e como verdadeiro fillo dela ti es para nós hoxe: “Salus infirmorum. Consolatrix (consolator) afflictorum. Et Causa nostrae laetitiae”.GRACIÑAS POR TODO.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES