Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xesús Mato merece a Medalla Castelao

sábado, 28 de abril de 2018
Xess Mato merece a Medalla Castelao Segundo Wikipedia, “A Medalla Castelao é un recoñecemento honorífico creado pola Xunta de Galicia para homenaxear a aquelas persoas ou institucións que desenvolveran, dentro ou fóra de Galicia, unha obra artística, literaria, cultural, científica ou en calquera outra liña que o faga merecedor desta distinción”.

Foron moitas as persoas e institucións galardoadas con este importante recoñecemento desde a súa creación en 1984. Galegos e galegas senlleiros recibiron a Medalla Castelao e, ó mesmo tempo de ser recoñecidos polas súas obras, dan prestixioás novas persoas e institucións que serán galardoadas con esta importante distinción no futuro.

Somos centos os amigos e admiradores de Xesús Mato os que cremos que a destacada obra artística, literaria, cultural e social desenvolvida ó longo de moitas décadas por este crego, Fillo Predilecto de Paradela, musicólogo, escritor,cun corazón e unha alma totalmente entregados ós demais,fanno merecedor da Medalla Castelao. O meu desexo é que a Xunta de Galicia, a nosa máis importante institución, outorgue este recoñecemento a Xesús Mato. Esta merecida homenaxe se engadiría a outras moitas xa recibidas por Mato ó longo dos últimos anos.Todas elas contribúen a situalo nun posto permanente de honra que tan ben se ten gañado no noso presente e para a historia, xa que é un dos motores da nosa sociedade, un dos bos e xenerosos que, por medio das súas obras, fan posible que a vida sexa máis xusta e humana.

Xesús Mato é un claro exemplo de adicación ininterrompida á sociedade galega. O seu traballo eficaz abrangue un abano multidimensional de actividades tecidas ó longo das décadas dun xeito integrado, de forma que todas as súas facetas son complementarias e interaccionan magnificando o resultado. Unha afirmación tan rotunda como a que veño de facer require ser apoiada por evidencia tanxible. Na vida e obra de Mato hai innumerables exemplos que evidencian e xustifican as súas importantes aportacións á cultura e á sociedade galegas.

Algúns dos elementos centrais da obra de Xesús Mato son comúns á obra do seu conveciño e amigo Manuel Rodríguez López. Xesús Mato deixou escrito:

-Loado sexa o Señor: polo extraordinario don da vida física/terrenal de Manolo que foi quen de vivila en sinxeleza e humildade e coa valentía e carraxe na defensa da verdade, da xustiza, da paz, do amor, da entrega a Deus, á familia, ás persoas, á Naturaleza, á Terra!

A continuación tentarei demostrar coa evidencia que coñezo de primeira man, que as louvanzas que Xesús Mato adicou ó seu amigo de xeito tan garimoso, aplícanse directamente tamén a el. Pero ademais,vense ampliadas no caso de Xesús Mato con outras que fan que as súas contribucións á cultura galega e á mellora da nosa sociedade sexan únicas e especialmente valiosas.

Xesús Mato é crego. Un crego distinto ós demais. Sempre foi, e segue sendo, un crego comprometido coas nosas xentes, con todos nós, pero dun xeito especial coa xente do mundo rural e cos máis desfavorecidos. Cando ser crego e comprometido só estaba, e segue estando, ó alcance duns poucos valentes dispostos a loitar polos demais. Xunto con outroscregos especiais, tales como Xosé Manuel Carballo (recentemente finado), Alfonso Blanco Torrado e outros, é sabedor da verdadeira mensaxe do Evanxeo, que pon en práctica e transmite de forma sinxela e eficaz.

Xesús Mato merece a Medalla CastelaoA valentía de Xesús Mato non ten límites cando se trata de defender a xusticia. O seu compromiso é desde sempre un compromiso de traballo incansable e de loita polos demais.Na súa loita, Xesús Mato emprega as ferramentas máis eficaces: a fe, a música e a comunicación oral e escrita.

Xesús Mato combina maxistralmente eses elementos e aplícaos incesantemente para mellorar Galicia. Un dos moitos resultados foi o grupo Fuxan os Ventos, do que Xesús Mato é alma mater. Fuxan os Ventos foi un dos motores fundamentais que contribuiron a revolucionar a sociedade galega. De Xesús Mato son as verbas, a música e a fe que o levaron a escribir e musicar mensaxes de ilusión, mensaxes positivas tales como:“Queremos cantar, / queremos berrar, / coa forza da fe, / que a nosa Galicia, / aínda está de pe”. A mensaxe de Mato é clara. É preciso que “Fuxan os ventos /dos agoreiros / dos vinculeiros, / de tempos vellos”.Necesítase que ”Veñan os homes / rexos e fortes, / cos ollos limpos / traballadores, / que espallen xuntos / sen refolgar, / o desenrolo / do noso fogar”.E Xesús Mato remata dicindo: “Mirade pra diante / sempre sen medo / nenos e nenas / mozos e vellos / Galicia enteira / que eiquí representa / esta xuntanza que non ten medo”. Unha mensaxe escrita e transmitida no pasado, que mantén a súa vixencia no noso presente e axudará tamén, sen dúbida, a xeneracións futuras de galegos e galegas.

Tan só por Fuxan os Ventos, esta contribución fundamental súa, dun impacto maiúsculo na historia de Galicia e na nosa sociedade, os galegos e as súas institucións estaremos sempre en débeda con Xesús Mato. Pero este é tan só un máis dos moitos motivos polos que Galicia enteira e as súas institucións teñen a obriga de honrar públicamente ó noso traballador incansable e homilde.

A rigorosa formación musical de Mato abrangue facetas que inclúen dende a composición á dirección, sendo a investigación musical outra das súas contribucións destacadas. Sabedor que a música é unha poderosa ferramenta que incrementa o poder da mensaxe, a obra de Xesús Mato é unha referencia continua á actividade musical. Mato foi Director da Polifonía de Lalín, do Orfeón Lucense e de diversos coros, e impulsor do grupo musical A Quenlla. De xeito salientable, Xesús Mato ven facendo unha recolleita da música tradicional galega evitando a súa perda permanente. O seu arquivo personal inclúe valiosa información da nosa cultura. Sen o esforzo e o traballo de Xesús Mato teríase perdido para sempre.

Xesús Mato é sinónimo de sensibilidade social. O noso paradelense sabe, estupendamente ben, que o amor e maila fe van sempre xunguidos e da man. El mesmo deixou escrito que "a fe debe ser acreditada nas obras, no amor concreto, na atención, na escoita, no agarimo e amor á xente...". O amor concreto de Mato inclúe obras directas en favor dos máis desfvorecidos. El foi o Fundador e primeiro Coordinador de Auxilia – Lugo. Non vou intentar resumir aquí a importancia e a inmensa repercusión que o traballo de Mato tivo e segue a ter en moitas persoas ó longo de moitos anos. Existe evidencia publicada no libro "Mato sono io... 100 Amigos falan de Xesús Mato Mato", en GaliciaDixital e en moitas outras fontes de información que acreditan o importante labor desenvolvido por Xesús Mato neste sentido.

Na súa misión de activista sociocultural, Xesús Mato tamén emprega de forma eficaz a comunicación oral e escrita. Varios libros publicados e outros inéditos, centos de artigos, colaboracións, conferencias, innumerables horas de intervencions radiofónicas e en televisión, son evidencia tanxible dunha obra unificada por unha intención sinxela, a de poñerse ó servicio dos demais para mellorar a sociedade e axudar ás xentes. Quero destacar aquí o seu libro inédito “Á beira do Camiño”, no que centos de páxinas amosan claramente ó Xesús Mato comprometido, sensible, que con sinxeleza e homildade aporta o seu traballo e a súa visión das cousas para mellorar o noso presente, e tamén sementa vizosas sementespara que xermolen no milagro dun futuro máis xusto.

A sementeira é unha “cantiga popular galega que Fuxan os Ventos converteu nun dos símbolos culturais de Galicia” (cito Wikipedia de novo). A máis importante institución dos galegos e galegas ten a obriga de recoñecer públicamente que Xesús Mato é un dos símbolos culturais de Galicia, por xusticia, por merecemento propio e como alicerce e exemplo para presentes e futuras xeneracións, para fomentar o amor e a adicación a Galicia e ás súas xentes.
Rodríguez López, Santiago
Rodríguez López, Santiago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES