Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mato: Xuntos, …neste vivir que nos ocupa

jueves, 26 de abril de 2018
A Mato, para quen se pide -ben que o merece!- a Medalla Castelao!.

E cando miro para atrás que ben te vexo, Mato.

Segues agochado nas imaxes dese sentimento limpo de gratitude á paisaxe física que tantas veces xuntos nos acolleu, perseguidos de toda aquela paisaxe humana que aínda nos habita, hoxe en ecos, en aventuras inusitadas, en xantares e proxectos, en viaxes, en soños e en cancións.

Véxote acompañado do teu pai facendo “augardente” na casa, coa túa nai de voz pousada e tranquilizadora, coa man tendida para buscarnos e en silencio sempre bendicirnos como náufragos que íamos a unha singradura chea de afectos, diante dalgún precipicio! Lembro ás túas irmás e irmáns, a Pepe “O Cristiano” metido nas súas soidades, a Giuseppino “O Rubio” tecendo linguas lonxincuas, á Bibi, a Eva, a Cruz, a Mariña Folgueira, a María, ... Pasan por diante coma unha película aínda en branco e negro. Son recantos daquela paisaxe humana que só nós temos, rexistrada e envolta en doces melodías do pasado.

É aquela mesma paisaxe dos contornos preferidos, que por iso gardamos protexidos na memoria, xunto aos máis íntimos versos, nalgún lugar tan fondo das entrañas onde xa, para sempre, serán pouso do noso vivir tan breve. Momentos que veñen connosco, latentes, recordos daquel tempo que non volve, pero que foi e é sedimento no que se afirma a nosa firme amizade.

Ás veces volvemos irremediablemente a eles, aos recordos, como non. É tan bonito lembrar, porque ademais ímonos ao bonito, ao máis feliz daqueles pousados descansos nos que botamos a áncora dos relanzos, das ansias maduradas. Tamén hai danos colaterais, claro está, que nos fan sentir certa mágoa. Quizais máis dos que quixeramos, pero é igual: non os pensamos. Lembramos mellor aquilo todo que nos agrada, que é moito. E na soidade evocamos cun sorriso na cara aquelas transgresións do normal, aquelas ousadas proxeccións do desexo cando queriamos comer o mundo, pois tanta é, e tanto a botamos en falta aquela determinación de facer un mundo mellor, que o envolvemos nos recendos de tanta loita, envolta naquela maxia do seu segredo, entre néboas, no medio do noso dormente soño que –aínda vivo- quedou ancorado nese tempo xa pasado que converte –os intres pasados- en turquesas, con brillos dunha cor tenue, viradas –como lles pasa ás fotos, xa antigas- cando se acenden nas sombras entre os pétalos das lembranzas marcadas polos calendarios. Alí naquel lugar onde aparecen outras persoas que habitaron tamén connosco, en Fuxan os Ventos e A Quenlla –último reduto- que deixaron estremecidas sensacións permanentes nos espazos, nunha brisa azul de vagas lenes onde a nostalxia enche tantos ocos e silencios, satisfaccións e desenganos.

E así imos, querendo gañar momentos e é entón, cando miramos atrás con ansia. Aí está aquela película, na pantalla das evocación. E buscamos, arroupados nos amigos que sempre foron, no camiño de seguir e no que xuntos seguiremos, malia ás derrotas. Todo está por gañar aínda. Xuntos nesta xuntanza que se afirma poderosa, a pesar das pedras que seguen a poñerse no camiño. Xuntos neste vivir. Xuntos e satisfeitos. Xuntos e agradecidos, …como outros non souberon quizais porque habitan o silencio, o esquecemento, a soidade de non recoñecerse.

E volvo sobre do xa dito, pois algo así escribía eu de Mato, Don Xesús Mato e Mato no ano 2008. O incansable amigo que soubo sementar futuro na esperanza. Enchido sempre de ánimo conciliador e o desmedido entusiasmo. Capaz de consolarse feliz co que ten, sen querer máis nada. Sabe, sabiamente, que é máis feliz o que se conforma co que ten, e así se sente agradecido, que o que tanto desexa e bota a vida morrendo na envexa! Nada ten, mais ten de abondo para estar tan satisfeito. Mato é un home comprometido e polémico. Eu, particularmente, aprecio aos polémicos, son eles os que fan funcionar o mundo, os que espertan a mansedume e a deixadez e non deixan quedar a un quedo, fascínannos a cada intre. Tamén é poliédrico e as súas múltiples facetas fano ser multifuncional persoa, crego, amigo.

Criticado por exercer en galego, sobre todo aqueles máis refinados. Fai ben estar cos seus, outros esqueceron ou deixaron de lado a súa orixe. A pouco que vos acheguedes a el, saberedes que non ten maldade. Non ten sitio para ela pero, non lle cabe no corpo. A cambio, arrima unha certa picardía rebelde propia do noso tesouro identitario, da forma de ser. Por iso algúns lle fixeron tanto dano, traidores de tantas pequenas cousas e, inevitablemente, tamén de causas maiores, tristes posuidores do desagradecemento. Sen un reproche pola súa parte. Descubriredes que é persoa sinxela e está cheo de soños, que fará realidade ao vencer as dificultades e compromisos. Nunca estará do lado dos vencedores nin dos verdugos e por iso, e é unha virtude que o honra, é así de singular e único. Gústalle dar razóns e enfrontarse a elas, ás veces imprevistas ou ousadas. Claro que é crítico! Porque non dorme en vaguidades. Consólase postulándose contra a maquinaria do politicamente correcto, do sentenciado dogmático e sen fundamento, do eclesiasticamente deshumanizado, desde ese modernismo destrutor que é tan vello e xa se chamaba –xa, noutrora- caciquismo inmoral e intransixente, ese que tanto pesa globalizando perdas e que esquece repartir beneficios, o mesmo que acaba cos signos que nos igualan a todas e todos, que son identificadores, e que tanto a nós nos satisfán. Mato é modesto en modos e maneiras, venlle de familia, dunha xente que a penas quixeron facer sombra, pero que no seu paso humilde deixaron transcender a ledicia e o sorriso, a tenrura e o amor.

Agora, Mato, Don Xesús, o cura incómodo, festeiro, emprendedor, vendido aos pobres, aos discapacitados, á causa dos que non saen nas fotos, á música galega e tradicional, á cultura que xorde no mesmo pobo que nela se gratifica. É o cura amigo e amigo dos meus, das miñas. Segue no seu proxecto de vivir e deixar vivir, pero sen calar: unha vida ao servizo dos demais. Dando exemplo nas entrañas do rural e á par da xente. Vén canda min moitas veces, andando camiños longos, carreiras de fondo. Imos xuntos e eu quero dar testemuño certo de sabernos aínda nesa loita vital. A mesma loita de todos os tempos e idades, na mesma tribo que se confabula confiada na verdade que nos redima. Cos erros aprendemos, tamén cos non poucos acertos, entre xente fabulosa e outros que fabulan na mentira. Sabede que teño un verdadeiro compañeiro e irmán, na nobreza da loita cotiá, esa que non se engurra e que dá a cara. Debo engadir –por se non se notou aínda- que sen el o meu vivir –estou seguro- sería moi distinto, distinto e moito máis tristeiro. Por todo iso e moito máis, grazas reverendo!

Nós, que cremos ser e nada somos,
que sequera somos instrumentos canalizados das nosas vontades
que nos sobre pasan,
ou doutras que nos coutan;
existimos desde aquel acontecer que nos move polos camiños do ar
e tan só quedamos sorprendidos polo vento.

(Baldomero Iglesias Dobarrio, e un dos "alma mater" de Fuxan os Ventos e A Quenlla, dúas creacións inspiradas e alentadas por Xesús Mato)
Iglesias, Baldomero
Iglesias, Baldomero


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES