Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sentenzas, Fías e Ruadas (17)

martes, 24 de abril de 2018
.../...
Tensións e canles

Non fai falta penetrar na metafísica, que xa o temos na física. ¡Nin as propias veas, co correúdas que son, son capaces de resistir unha subida brusca de tensión! Así que, ou se rebaixa esa tensión, ou se reforza a canle respectiva, que tal foi desde Adán.

A civilización, por paradoxal que pareza, foise perfeccionando grazas, precisamente, ao estímulo obtido desa satisfacción íntima e sublime que nos produce a nosa vitoria, persoal e social, sobre e con respecto ás dificultades superadas. Esas dificultades producen novas tensións, pero do control das mesmas tiramos a grandeza e mailos azos da nosa constante evolución.

Se lee isto un urbano igual chega á conclusión, simplista por suposto, de que no rural todo foi paz e gloria, ¡églogas bucólicas de pastores namorados!, pero dáse o casual de que, comigo, a favor ou á contra, pero nunca neutral, está a miña "circunstancia", esa circunstancia orteguiana. Se así non fose, ¿como se explicaría que os suicidios sempre abundaron no medio rural? ¡Foi porque non soportaron as tensións respectivas; non estaban preparados, mentalizados, para tanto, por pouco que fose!

Este medio rural, o de hoxe en día, o que nós coñecemos, xa non produce dicotomía co urbano, que incluso o supera en mil aspectos, en moitas cousas, das positivas, pero aquí e agora, nesta serie localista, estoume referindo ás dificultades xenéricas habidas ao traveso da nosa Historia. A burguesía naceu dos aduladores. ¡Si, si; non é chanza! Empezaron como servidores e concluíron como mestres: da cociña, das letras, das armas, dos oficios, xograres, trobadores... Máis tarde especializáronse como "Provedores de la Real Casa", e lograron que o Señor, castelo ou convento, lles facilitase un asentamento cabe do propio convento/bispado/fortaleza..., ¡para telos á man, dispoñibles!

Así naceron os burgos, que o temos ben visible na configuración do noso Castroverde vello. En paralelo, o servo agrícola pasou séculos e séculos sen levantar cabeza, sen librarse do arado; e para máis inri, cando os Estados empezaron a concretarse, e por ende, a precisar fondos, inventouse algo que, teoricamente, ía ser unha liberación xeral, de beneficios mutuos: A redención foral, a desamortización. ¡Ía ser, pero non foi, porque os burgueses, os "señores" modernos, que daquela xa tiñan o dominio do diñeiro, e que, de paso, non lles preocupaba aquela "excomuñón" coa que ameazaban os Curas, case todos irmáns seus, ¡irmáns dos grandes morgados!, para quen mercase daqueles bens chamados de "mans mortas", lanzáronse a comprar, e fixéronse con lugares enteiros! Desde entón, neste novo ciclo histórico, paulatinamente, a salvación dos nosos labregos estivo nas remesas dos emigrantes, ¡cartos a cambio de mozos, xa criados e instruídos! ¡Vaia negocio! Mais, por se isto fose pouco, nos últimos anos cantos chegaron a un nivel cultural de certa importancia, en lugar de poñer a súa sabenza ao servizo do campo, ¡opositaron!

Tamén é certo que as canles de desafogue ás que nos vimos referindo non naceron no rural senón que proveñen do trobadurismo señorial, puro plaxio ou inspiración. Cando os burgueses se pasaron ao teatro, comezando polos autos ou misterios e moralidades, ou apólogos, os campesiños recolleron aquel saldo, aquela liquidación. O que nos chegou a nosoutros ten moitas das súas raizames no tensó provenzal; con dúas variantes: na parte da Coruña, as regueifas; e na de Lugo e Braga, de ampla adaptación e poboamento suevo, entre outras, as Sentenzas anteditas. No tensó entaboábase unha disputa, e as súas estrofas formaban un diálogo contraditorio. Dous exemplos do tensó clásico reproducíronse nas óperas Tannhaüser, de Wagner, e en Els Pirineus, de Felipe Pedrell.

En resumidas contas:

. Que o rural soportou, pero resistiu, por séculos, unha serie de padecementos, pagamentos, humillacións e incomodidades, que fan da nosa historia, Rural, Local, algo grandioso, heroico, admirable, por máis que non chegase a saír nos libros de texto, feitos por profesores en xeral saídos da burguesía, ademais dalgún que outro desertor do arado, como puidera catalogarse o meu caso.

. Que desaparecidas, ou polo menos atenuadas, aquelas tensións, o Carnaval pasou a ser..., ¡unha carnavalada! As máscaras actuais, comparsas, extravagancias..., só son unha mera herdanza, un certo desenfreo; xa non implican unha resistencia fronte á orde establecida, ¡suposto que, ao xeneralizarse, perdeu a súa natureza liberadora!

As tensións naturais no medio e na época á que nos referimos, subiron de temperatura polos anos 30 do pasado século co combustible dos antecedentes expostos e maila doutrina que traían aqueles retornados da nosa emigración: influencia protestante en Cuba, e democracia de estilo francés na Arxentina. Pero o fogo, concretamente nesta bisbarra, aplicáronnolo desde arriba e desde fóra. Porén, os nosos paisanos, "Puchos" incluídos, sabían, eran capaces, e estábano demostrando cunha convivencia interparroquial, civilizada, de canalizar satisfactoriamente os seus conflitos, e por ende, os desafogues.

Para Samuel Butler, quizais o sociólogo que máis se detivo en analizar a problemática dos pequenos poboamentos, a cooperación e mailo conflito son os dous procesos básicos da vida destes grupos. Firey, pola súa parte, citando só tratadistas que estudaron ampla e profundamente a problemática das explotacións de tipo familiar e illado, polarizadas polas vilas de cabeceira, demostrou que incluso a competencia ecolóxica implica factores sociais, tales como o sentimento e mailo simbolismo, O conflito entre grupos, e aquí, como grupos, tomarei, fundamentalmente, as parroquias, aumenta a moral e a integración internas do grupo se hai unha anticipación da vitoria; quere dicirse, unha certa confianza na loita cotiá.

¿Anticlericalismo carnavalesco? Quizais houbo algún extremismo, particularmente nas celebracións do quinquenio 1931/36, pero en todo caso hai que admitir e ponderar que o Concilio Vaticano II chegounos con retraso, así que o Clero tivo a sorte de que os seus fregueses se comportasen con máis moderación da que cabía esperar neles despois de tantos séculos de humillante submisión, que non respecto. Mais, como as verdades a medias son mentira, tamén é de xustiza recoñecerlle ao Clero desta zona un comportamento moderador naqueles días, máis que aciagos, cegos, do Alzamento franquista.

O antedito non se contradí co feito, por citar só unha anécdota, de certo Párroco que se resistía a celebrar un funeral por un fusilado, acaso máis cristián có propio Cura. Por fin aceptou, e concorreron varios cregos, no ben entendido, segundo era uso e costume, de que lles había que levar á sancristía o condume, o xantar. Despois das exequias, o sancristán volveu á igrexa, e subiu á torre para dá-las doce; nisto, que se lle ocorreu mirar cara á horta do Cura... ¡Seis, seis cregos, correndo por entre os couceiros, co calzón baixo e a sotana recollida...! O campaneiro non se atreveu nin a contalo, ¡en anos! Pero o día que o fixo, no parladoiro dunha taberna, o "causante", alí presente, ¡oh casualidades!, tamén se atreveu a informar das causas: Tanto o irritaran aqueles curas comellóns, encima do que se resistiran a oficiar polo seu parente, que lles sazonou aquel cabrito ao forno, o que lles levaran na cesta do agasallo, con..., ¡Sal de Higuera, que era o purgante que se lles daba por entón ás bestas! O que nunca souben é se aqueles curas chegaron a coñecer, ou a deducir, a clave da súa "purga".

Para ilustrar unha tensión concreta, relativamente recente, temos o caso daquelas liortas habidas entre Montecubeiro e a Vila de Castroverde, derivadas primordialmente da asunción das antigas xurisdicións. Extinguida a de Montecubeiro, e sometidos a Castroverde, as cousas quedaron acres por algún tempo, que así as recolleu o poeta local, Lois do Cando (Luís González López), no seu poema "A víspera de San Xoán", premiado en Lugo nun certame do San Froilán de 1891. Tan só un fragmento literal, para confirmar este aserto:
...
Non hai quen vaya unha vez
á feira de Castroverde
que non lle enseñen os Puchos,
q´ese nome é o que teñen
sendo de Montecubeiro
os rapaciños enxebres.
I abofé que non é nome
q´os torule nin rebexe,
porque así os chaman todos
donde queira que estivesen.
Que teñen en Lugo a fama,
ben gañada, de valentes.
E co pau d´unha aguillada,
ou c´os puños si se quere,
métense entr´os paus sin medo,
donde ningures se mete;
i antes deixan o pelexo
que deixar dous pasos éles.
E, com´o boi turreón
que leva regañado sempre
o coiro, tamén estoutros
sacan a cabeza ás veces
sangrando com´a un carneiro.
Póñenlle un trapo mentras
se cura. D´iso os chaman
Os Puchos en Castroverde.
...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES