Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De outono, polbo e fotos

lunes, 17 de septiembre de 2007
Dicía a miña avoa que, o que non ten que dicir, inventa, aforismo que, ben mirado, é demoledor para aqueles que nos dedicamos con máis ou menos fortuna –menos, no caso de quen escribe- ao oficio literario. Porque niso consiste, máis ou menos, o escribir: na mera invención. Por tanto, non debe ser moito o que temos que dicir.
Últimamente o amigo Xulio Xiz, cada vez que me ve lémbrame que lle mande algo para Galicia Dixital. Iso significa que, xenerosamente, me inclúe na nómina de inventores, máis que nada porque teño recén publicada unha obriña que me outorga a estatus de escritor novel. Se a miña avoa levantara a cabeza…

E non tendo moito que dicir, nobreza obriga, e por tanto algo terei que mandar aínda que, iso si, non prometo moita continuidade. Máis que nada porque a musa me acode pouco, tarde, mal e arrastro, e di quen disto sabe algo que debe ser cousa do estrés, ese mal moderno do que sabemos pouco, pero que hai tempo que se instalou confortablemente nas nosas vidas. Pois iso, será o estrés, por outra banda unha escusa perfecta para escritores preguiceiros como algún que me atopo todos os días pola mañanciña cando me barbeo.

E como xa se nota no ambiente un sutil aroma de outono, heime poñer cunqueirán, con todos os respectos e máxima humildade, e facendo ostentación dunha escasa ou nula orixinalidade, que tampouco me visita moito -xa saben, o estrés-, quero falar do San Froilán. Non do santo, do que non sei gran cousa máis alá de que naceu nos arrabaldos de Lugo, foi bispo de León e tivo certo affaire cun lobo, senón do polbo, desa tradición que convirte o outono lugués na apoteose do polbo á feira.

E non hei tratar dos aspectos culinarios ou nutricionais deste octópodo feo coma el só: doutores ten a Igrexa. Tampouco das casetas, o prezo ou o tamaño das racións. Tócame, como a tododiós, acudir un par de veces por ano a cumprir con este ritual da man de calquera grupo que converteu en tradición a peregrinación polbeira anual: chegamos, comemos o polbo, algúns tamén se atreven coa carne ao caldeiro, unhas tellas, un café e, se cadra, rematamos cunhas copas pola cidade adiante. E xa está. Non me dá para un mísero artigo.

A min o que me mola son as fotos de xente que publica o diario de Lugo y su provincia. E aquí fago un inciso. Vaiapordiós, dirán algúns –a maioría-. Aínda non dixo na da e xa está desviando o fío. Pois si, apetéceme e fago un inciso: a min sempre me tocou as narices isto de Lugo y su provincia. Ten certo aquel de imperialismo provincial, de colonialismo localista. Debe ser unha pervivencia da romanización: a civitas e o seu ager. Dende aquí reivindico –non podía faltar a reivindicación, que para algo existiu o 68- o cambio de orde do posesivo: diario de la provincia y su capital, ou, mellor aínda, diario de la provincia de Lugo, que xa inclúe a propia capital.

Rematada a distracción, velaí o que ía dicir: as fotos. Para os que non sexan de Lugo, explicaremos que o diario de…, en fin, o diario local, publica todos os días durante un mes páxinas e páxinas de xente reunida en torno á mesa, explicando brevemente a composición de cada grupo. Por exemplo, os empregados da empresa equis, a familia tal de Conturíz, os membros da peña madridista de nonseionde, exalumnos da promoción do sesenta e un da escola de sexadores de pitos, etcétera.

Dende a perspectiva dun sociólogo –debo recoñecelo, aínda que con infinita vergoña: si, teño esa deformación, e maldita a graza. Se a miña avoa levantara a cabeza, a ver como llo explicaba, ela que quería que fora avogado ou, como pouco, procurador, profesións ben máis honorábeis-. En fin, agora deixei curtada a frase. Dicía así: dende a perspectiva dun sociólogo, estas fotografías teñen unha importancia enorme, xa que nos amosan cales son os grupos máis básicos que serven de cemento ao complexo entramado da sociedade. Neste país pouco dado á conformación de potentes entidades de defensa de intereses –asociacións de veciños, de comerciantes, de pais e nais, culturais, etc...-, e cunha cultura asociativa, pactista e participativa máis ben escasa, como pode certificar calquera que teña formado parte dunha delas, non se pode tampouco acusarnos de individualismo. Xuntámonos, si, pero doutra maneira, en grupos de base máis afectiva que instrumental; grupos pequenos, manexábeis, pouco regulamentados e que non precisan da existencia de relacións formais de poder, isto é, xuntas directivas, presidentes, secretarios e demáis sinecuras.

E xuntámonos para comer polbo pero tamén, que non se diga, para comer outras cousas: churrasco, marisco, callos, lacón con grelos… O que sucede é que, no caso do polbo, a tarefa está máis concentrada no tempo e sobre todo, máis publicitada polo diario de… aquí e de acolá. Non saben o valor que ten e terá no futuro esta parte tan singular da hemeroteca para o estudo desta sociedade comedora de polbo. Xa sei que non ten outra intención que a de vender máis periódicos, aspiración ben lexítima, por certo, e que entendo perfectamente como tamén entendo aos que mercan o xornal porque saen inmortalizados no momento previo a papar unha saborosa ración de patas de polbo cocido e aliñado con aceite, sal e pementón picante. Que lles preste.
Naseiro, Paulo
Naseiro, Paulo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES