Cinco prazas, meu señor,
cinco e non seis son,
granito e pedra compostelá,
tesouro, prata das estrelas.
Cinco prazas, Santiaguiño,
te envolven con agarimo,
dende a gloria do teu Pórtico
es santo e eu son rico.
Rico son, e non de cartos,
por chegar aos teus tesouros.
Mestre Mateo, meu señor,
home de arte, cicel de labrador.
Labrou Mateo, labrou,
a pedra co corazón,
e as cinco prazas envolven
a casa da humanidade.
A primeira, o Obradoiro,
o cumio do mundo enteiro,
a meta para os cristiáns,
primeira para os irmáns.
Praterías, praza meiga,
para min a máis galega,
nela a maxia dos prateiros,
para nós os máis galegos.
Praterías dos prateiros,
a da fonte dos cabalos,
esa porta, porta bela,
o berce da Berenguela.
A Quintana abraiante,
sorpresa de camiñante,
Porta Santa de Anos Santos,
e o convento de San Paio.
A Inmaculada de San Martiño,
de San Martiño Pinario,
que outea a catedral,
que vixía, non hai mal!
E a quinta, de acibeches,
e se alí non estiveches
un rosario mercarás.
Acibechería e catedral.
Cinco tesouros e non máis,
non máis berros. Nunca Máis!
Lembrade as cinco prazas,
peregrinos das vinte razas.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora