Inmobiliarias
Editorial - lunes, 17 de septiembre de 2007
Antes, foron os bancos e caixas de aforro os que invadiron Galicia, copando tódolos baixos comerciais dos centros de pobos e cidades.
O procedemento era claro: Buscaban o mellor baixo e alugábano, despois de facer traballador da entidade ó propietario ou, no seu caso, a un dos seus fillos.
Os centros volvéronse inhabitables para o comercio, que non podía igualar nin de lonxe as condicións das entidades bancarias e de aforro.
Logo foron as grandes franquicias as que conseguiron os mellores locais, forzadas polas franquiciadoras e pola necesidade de ofrecer unha situación céntrica á súa clientela.
Por fin, apareceron as inmobiliarias. Como fungos. En cada baixo, en cada esquina, en cada punto estratéxico. Vendían pisos, apartamentos, fincas, chalets, casas rurais para restaurar
Todo estaba ou está en venda.
Tamén este tempo parece que pasou, e sábese que 2.300 oficinas inmobiliarias (O 30% das existentes) teñen xa pechado en Galicia desde que o tema das hipotecas e das adquisicións de bens se puxo serio.
Chegou a haber en Galicia perto de 8.000 oficinas no 2005, con arredor de 16.000 persoas dedicadas a esta actividade. Na actualidade as oficinas veñen ser arredor de 5.500 e unhas 10.000 persoas ocupadas, que non está mal, pero o sector aínda dista moito de estar asentado.
O malo deste país é que cando aparece un modelo de negocio, deseguida se multiplica por cen, sexa un bar, un todo a cen ou unha inmobiliaria.
Hai que botarlle máis imaxinación ó mundo dos negocios. E, neste momento, máis tranquilidade.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora