Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Desmantelar, desmontar ('De(s)construir')

viernes, 20 de abril de 2018
Debo insistir, por enésima vez, enfrontándome o risco de que se entenda como falsa modestia, en que a verdadeira comprensión da teoría da DE(S)CONSTRUCIÓN, a min ofréceme moitas dificultades; pero observo que algúns estudosos desta temática, moi ben documentados, non ocultan as súas.

Un exemplo encontrámolo en Miguel Angel Huamán, Profesor da Universidade de Lima. Por isto, é razoable que os lectores se pregunten por que me meto nesta danza. Sinxelamente, porque o uso débil e analóxico da DE(S)CONSTRUCIÓN, de Jacques Derrida, filósofo francés, nado en Arxelia, que eu me permitín traducir ao galego cos verbos DESMANTELAR OU DESMONTAR, ten moito de aproveitable na análise intelectual das estruturas conceptuais. Intentarei, pois, explicalo.

Cando se desmonta unha estrutura conceptual soen aparecer ambigüidades, debilidades, contradicións, etc. que nunha lectura lineal e descoidada non se perciben. Talvez haxa que partir de algo que nos di Derrida na súa obra “Del Espíritu. Heidegger y la pregunta”, Valencia, 1.989, pp. 28-29: “(...): a pedra non ten mundo (Weltloss), o animal é pobre en mundo (Weltarm), o home é configurador de mundo (Weltbildend)”. É dicir, o mundo do home é unha construción creada culturalmente, e por iso hai que dubidar de calquera práctica
discursiva da orde que reina nel, polo seu matiz simbólico.

Convén ter presente que non se desmantela para volver a construír unha orde cerrada, senón para descubrir esas ambigüidades e contradicións, creando sistemas abertos e anti–totalitarios, porque o noso mundo, o WELTBILDEND (en alemán), como deixo dito, é interpretativo e simbólico, e cando pensamos que estamos manexando realidades, estamos xogando cos símbolos; precisamente por iso, incluso nas teorías científicas, sempre lle queda un espazo a realidade para darnos sorpresas: Como escribe o profesor peruano, D.Miguel Ángel, “lamentablemente, na experiencia os fenómenos inestables ou que se esvaecen son hexemónicos, o universo non é simétrico senón caótico, e o constante é aleatorio e azaroso”.

Esta crítica “desmanteladora” enfróntase a creación no mundo, entendido como Weltbildend, de compartimentos estancos, porque considera que nas mesmas aulas privilexiamos a interpretación sobre o interpretado. Xustamente por iso, o diálogo entre os posuidores de instrumentos conceptuais en estruturas cerradas, deveñen no que coloquialmente chamamos “diálogo de xordos”. Así que, os que desexen obter froitos dos diálogos, é bo que abran antes os seus esquemas conceptuais a unha análise de desmantelamento.

A todo isto cabe engadir que os habituais e documentados comentarios do pensamento de relevantes pensadores na historia, feitos cun rigor e fidelidade que non se lles pode negar, desde a perspectiva desta teoría de Derrida poden devir ocultadores de ambigüidades e contradicións, reiterando a evidencia de que, centrados nun obxectivo que consideran fundamental, abandonan a consideración da análise do marxinal marxinado, que permite rachar cos vínculos aparentemente sólidos que cren que ligan ao real, omitindo o que ten de interesante o que queda fora sen, nin sequera, deterse nas mesmas razóns polas que o marxinaron. Penso que xa é tempo de que a rigorosa exposición do pensamento dun brillante pensador, reiterada academicamente, non impida derrubar os muros que edificou a súa narrativa, so pretexto de arbitrariedade e incompetencia doutros usos.

Intento, pois, un modestísimo desmonte dunhas estruturas conceptuais no enfrontamento dos independentistas cataláns co Estado Español, representado polo seu goberno. Só resaltarei algúns puntos que supoño fundamentais, para aplicar, moi superficialmente, o desmantelamento derridiano a un caso de rabiosa actualidade en España. Comezo fixando algunha postura, a modo de exemplo.

Por unha parte, os independentistas manteñen que o pobo catalán, maioritariamente, decidiu a secesión de Cataluña do Estado Español. E aquí hai que desmantelar todas as prácticas discursivas que eles, dende as institucións sociais e políticas, fundamentan nesa atribución de competencias que non lle corresponden a ningún pobo autonómico. E isto abre horizontes no ámbito xudicial, pero tamén no do poder executivo, non só con desmantelamentos administrativos, senón igualmente mediante estratexias “de(s)construtoras”, socio–históricas e políticas. Pero como estamos en presenza dunha dinámica pre – e post–discursiva, incluso hai que adiantarse aos acontecementos, activando a función vixiante dos gobernos, que estivo descoidada e remisa por razóns marxinais.

Por outra parte, é frecuente oír a membros do Goberno atribuír a todos os españois a competencia de decidir en referendo a SECESIÓN dunha autonomía do Estado Español, ou cando menos, así o entendín, e penso que aquí hai que facer algunha observación: non se establece a necesaria diferenza entre a ORDE CONSTITUTIVA e a ORDE CONSTITUCIONAL. A “orde constitutiva”, no caso da entidade social e unidade substantiva denominada España, está constituída por todos os seus pobos coa amalgama do decurso dos avatares históricos de máis de medio milenio, precisamente como o substrato da “orde constitucional”. Os pobos que a constitúen son interdependentes PORQUE FORMAN UNHA UNIDADE, e non o forman porque sexan interdependentes, de tal maneira que a secesión dun deles rompe a unidade de España.

Estes pobos constitúen a unidade de España INFUNDADAMENTE, CON INDEPENDENCIA CONSTITUCIONAL . Enténdase ben: como elementos da “orde constitutiva”, substrato da “constitucional”, son prioritarios a esta última orde, que está fundamentada naquela. Polo tanto, se todos os cidadáns españois decidiran en referendo romper esa unidade estarían facendo uso (máis ben abusando) dunha facultade que, ao mesmo tempo, quebranta os seus fundamentos. O desmantelamento do correspondente discurso, suxire as seguintes preguntas:

-Poden as normas constitucionais permitir a celebración dun referendo no que se pregunte a todos os cidadáns españois se aproban que nunha autonomía se celebre outro para independizarse de España, rompendo a súa unidade orixinaria?.

-Acaso dende o nivel constitucional cabe tomar decisións que afecten esencialmente o constitutivo?.

-Evidencia aquí a aplicación da “teoría de(s)construtiva” de Derrida a existencia dunha contradición e unha ambigüidade na actividade discursiva de ambos contendentes no conflito catalán?.

-Cabe esperar un diálogo político frutífero sen a aclaración previa do inquirido nas preguntas?.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES