
A Asociación Socio-Cultural Lareira de soños pretende con está iniciativa do Prémio Trapeir@ de Honra poñer en valor as cousas pequenas, ás persoas da nosa parróquia que coa súa humildade teñen o verdadeiro valor de tirar da vida para diante e darlle inmensidade á nosa existencia.
Raúl Río, o veciño dos Vilares que escollimos para o prémio deste ano 2018 representa á xente do rural que tivo que coller o camiño da emigración e que levou sempre consigo a parróquia e o país. De Raúl xá van falar os seus amigos que están hoxe convidados a este acto e que mellor que ninguén poden presentarvos a este vilarego neto da tía Felipa das Mourelas, muller que axudou a nascer a moita xente da parróquia e da contorna e neto tamén de Gregório do Perímetro, canteiro de Novás que arrancou as pedras do Monte do Viso para erguer a escola habaneira da Conchada nos Vilares.
"Cando me vaia do Cando
Hei levar unha emisora
Que alívio terei moito máis tempo
Pra falar coa família toda".
A autora desta copla, Josefa Cabado López, A Requecha do Cando, foise o sábado pasado do Cando e deixamos o seu recordo dunha troveira que espallou a literatura oral polo país. Josefa, por parte materna era vilarega, a súa nai Dolores era irmá de Xosé, o xastre da Ponte e de Pedro Patricio o farrapeiro máis popular da parróquia. Era a curmá do canteiro Gregório do Peruleiro de Novás, avó materno de Raúl Río.

Deixounos Josefa moitas coplas para os dos Vilares, unha delas moi acaidas ao prémio:
OS TRAPEIROS
A parróquia dos Vilares
É a parróquia dos trapeiros
Todos andan coa romana,
Gañanche moitos diñeiros
-Vendame os trapos, señor,
Téñolle boa romana;
Eille pagar ben o kilo,
Si me vende boa lana.
O Vello púxose os lentes,
Por saber se tiña o kilo.
Él pesou polo Trapeiro,
Quedou o Vello fodido.
"Chebenchevichedoschedé chea chequinchetachedé cheechedicheconchedé chedo chetochepeicherichedé chedá chehoncherachedé"
Benvidos á V edición do Trapeiro de Honra nos Vilares no idioma Chedé que inventou Josefa Cabado e que falaba coas fillas e netas.
(Palabras de Pastora Veres, que deron comezo ao acto de entrega do Trapeiro de Honra a Raul Villares, na igrexa dos Vilares, o 7 de abril de 2018).